Co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o Concello de Ames, a través dos departamentos de Igualdade e Xuventude, prepara un feixe de actividades durante o venres 26 e o sábado 27 de xuño na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns e no Paseo da Igualdade do Milladoiro. Deste xeito, o venres haberá diversos obradoiros temáticos, farase a entrega de premios do Concurso Fotográfico LGTBIQ+, e celebrarase a festa Holi Party. O sábado a acción pasará por outro obradoiro e un gran xogo colectivo.
Un ano máis, o Concello de Ames, a través dos departamentos de Igualdade e Xuventude, volve crear unha programación temática en conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, que se celebra o domingo 28 de xuño. Deste xeito, proponse unha fin de semana chea de actividades e música para celebrar a diversidade sexual.
A festividade comezará o venres 26, ás 19.30 horas, na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns, con dous obradoiros. O primeiro estará enfocado ao deseño e elaboración de bolsas, mentres que o segundo estará orientado á confección de bandeiras conmemorativas. Todo isto, acompañado de música, flocos de millo e algodón de azucre. Para ambos talleres a participación será aberta e gratuíta, polo que non será preciso realizar ningunha inscrición.
Xa ás 21.00 horas, unha vez finalizados os obradoiros, farase entrega dos premios do Concurso Fotográfico LGTBIQ+, que se levou a cabo no concello durante as últimas semanas, e que está enmarcado na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. Para finalizar a xornada, celebrarase unha Holi Party, a festa das cores.
O sábado 27, a acción pasará ao Paseo da Igualdade, ao carón do pavillón do Milladoiro. Deste xeito, ás 20.00 horas, comezará un novo obradoiro, que neste caso recibe o nome “Somos cores” e terá unha duración aproximada dunha hora. Xa ás 22.00 horas, comezará o gran xogo “Símbolos na noite escura”, para o que será preciso inscrición previa cubrindo o formulario que se atopa no código QR do cartel. Esta actividade está pensada para persoas maiores de 13 anos. No caso de choiva, realizarase no anexo do pavillón municipal do Milladoiro.
Novas relacionadas
Xornal de Compostela: "Ames celebra o Orgullo LGBTIQ+ cunha programación de obradoiros, música e actividades xuvenís"






