Solapas principales

Ames conmemora este venres, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello

Jueves, 07 de marzo de 2024

Ames conmemora este venres, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller co evento central da súa programación con motivo do 8M, un acto institucional da praza do Concello, en Bertamiráns. Arredor das 11:00 lerase o manifesto institucional e repartirase material promocional. Hoxe, 7 de marzo, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a representación de “As Fillas Bravas de Momán”, do Grupo Chévere. Esta representación teatral estivo dirixida ao alumnado dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro. A programación completa pode consultarse premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade, organiza un ano máis unha batería de actividades conmemorativas do 8 de marzo. Esta programación consta, ademais do correspondente acto institucional do día 8 de marzo, dunha carreira de obstáculos para toda familia, unha obra de teatro, un programa dirixido a mulleres vulnerables e obradoiros de autocoidado.

Mañá venres terá lugar o evento central da programación, o xa tradicional acto no que se lerá un manifesto institucional para conmemorar o 8M. Arredor das 11:00 horas comezarase a repartir o material promocional na praza do Concello, en Bertamiráns. Posteriormente, na propia praza do Concello, dará comezo o acto institucional. Os diversos grupos da Corporación municipal colocaranse diante da fachada da Casa do Concello de Ames para ler o manifesto de maneira conxunta.

Actividades co alumnado dos centros de ensino
Hoxe xoves, 7 de marzo, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a representación de “As Fillas Bravas de Momán”, do Grupo Chévere. A esta representación teatral asistiu o alumnado dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro.

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero. Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados. Esta obra tamén é un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego.

Por outra banda, os centros de primaria do concello foron convidados a realizar a “Ruta urbana circular 8M”, un roteiro circular polas zonas verdes de Bertamiráns con saída e chegada ao Pazo da Peregrina. Ten unha versión curta de aproximadamente cinco quilómetros e outra longa que se estende até os 8 quilómetros. En cada unha das zonas verdes pola que discorre a ruta, está instalado un monólito dedicado a unha muller coñecida polas súas accións a prol da igualdade, como Clara Campoamor, Concepción Arenal ou Maruja Mallo, entre outras.

Adíase a carreira da muller
Dende a Concellaría de Igualdade informan que se adía a carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que estaba prevista para este venres 8 de marzo. A proba suspendeuse debido a que a previsión meteorolóxica apunta choiva para o venres pola tarde. Proximamente anunciarase a nova data na que se celebrará a carreira da muller. As inscricións, que son de balde, poden seguir realizándose en liña premendo nesta ligazón.

Programa “Mulleres en rede” e charlas de autocoidados femininos
Así mesmo, dentro da programación do 8M, volveuse a poñer en marcha o programa “Mulleres en rede”, unha das actividades de maior peso no programa, xa que está dirixida especialmente a mulleres que se atopan nun estado de vulnerabilidade. Con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estase a desenvolver dende febreiro un curso na Casa da Cultura, e estenderase ata o vindeiro 12 de abril. No obradoiro, profesionais da psicoloxía e do ámbito laboral tratan de empoderar e recuperar a autoestima das mulleres participantes, así como de buscarlles oportunidades laborais.

Por outra banda, ao longo de marzo impártense tres charlas de autocoidados femininos, tamén financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A médica de familia, Belén Cabana, foi a encargada de impartir a primeira charla, este pasado mércores 6 de marzo. Nesta conferencia falouse sobre os tipos de augas termais ou os efectos que teñen na saúde.

O mércores 13 será a quenda da psicóloga Mónica Antelo, persoal municipal do CIM de Ames, que impartirá “Quen coida ao coidador”, mentres que o día 20, Pablo Fernández, adestrador en BJ trainers & Co presentará “Exercicios en mulleres maiores”.

Obradoiro dual de emprego Renova VI
Ademais, dentro da programación do obradoiro dual de emprego Renova VI, o venres día 8 de marzo, vanse realizar varias actividade relacionadas coa conmemoración do Día Internacional da Muller. Deste xeito, ás 11.30 horas está previsto que o alumnado de dito obradoiro vexa un vídeo sobre a evolución da muller nos diferentes eidos ao longo da historia. A proxección do vídeo será presentado pola docente de igualdade de xénero, Begoña Corral.

De seguido, ás 11:45 horas, Josefa Lestón Martínez, operadora de maquinaria forestal e de obras, ofrecerá unha testemuña sobre o seu traballo nun sector no que predomina a presenza de homes. Por último, ás 12:15 hora, haberá un debate sobre "Os estereotipos antes e agora".

Ames conmemora este venres, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello

Multimedia

  • Ames conmemora este venres, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello
  • Ames conmemora este venres, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello
  • Ames conmemora este venres, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello
  • Ames conmemora este venres, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello