Solapas principales

Ames celebra o aniversario de Rosalía cun acto e un mural de Yoseba Muruzábal no Milladoiro

Martes, 22 de febrero de 2022

O Concello de Ames conmemora este 23 de febreiro o aniversario da poetisa Rosalía de Castro, cun acto de homenaxe e a inauguración do mural “As Rosalías”, un novo traballo de Yoseba Muruzábal. Será este mércores, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Alí o alumnado do IES do Milladoiro lerá un manifesto, así como varios versos e textos da figura homenaxeada, acompañados de membros da Corporación municipal e da actriz Patricia de Lorenzo. Trátase dun acto aberto a toda a veciñanza.

O mural “As Rosalías”, que se estreará mañá, é obra do muralista cambrés Yoseba Muruzábal, que con este proxecto dá continuidade a unha iniciativa que comezou en 2021, cunha creación similar na Casa de Barbazán, en Bertamiráns. En ambos proxectos, Muruzábal busca mostrar á autora máis importante da nosa literatura como unha figura vixente e actual, comprometida coa igualdade e a xustiza social.

A presentación da obra será o colofón dun acto institucional que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro, onde se está a pintar o mural. Na homenaxe, o alumnado do IES do Milladoiro lerá varios versos de Rosalía de Castro e un manifesto, acompañados da actriz Patricia de Lorenzo.

Dende este ano, o Día de Rosalía de Castro pasa a celebrarse o 23 de febreiro, despois de que unha recente investigación, realizada por Sagrario Abelleira, revelase nova documentación que demostra datos inéditos sobre a vida da autora, como a súa data de nacemento. Ata este ano, esta xornada celebrábase o día 24, data do bautismo de Rosalía, do que si se coñecían rexistros.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, explica que “se trata dun acto aberto no que poderán participan todas as veciñas e veciños que así o desexen”. Ademais, engade que “a través deste acto trátase de pór en valor o vínculo do concello de Ames coa figura rosaliana e promover o achegamento da veciñanza á obra e á figura da autora”.

Actividades nos centros escolares amesáns

Tamén dende este curso 2021 / 2022, o Día de Rosalía está incluído na programación lectiva dos centros escolares galegos, aínda que moitos deles xa realizaban actividades dende hai anos neste senso.

Os comedores escolares de Ames servirán á hora do xantar o “caldo da gloria”, unha iniciativa da Fundación Rosalía de Castro inspirada no poema “Miña casiña, meu lar”, no que unha muller pobre explica a súa épica diaria, e como fai un humilde caldo na súa lareira.

Ademais, o IES do Milladoiro programa varias actividades para mañá, que inclúen un faladoiro con Marilar Aleixandre, a actuación musical do “Colectivo Euterpe”, a inauguración de versos nas escaleiras do centro, e unha plantación de árbores en colaboración da Aula da Natureza. O alumnado, baixo o proxecto “Ao Son da Paisaxe”,  plantará árbores e acompañaranos de fichas medioambientais e versos de Rosalía.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Caldo de gloria rosaliano en los comedores y café con versos de sobremesa"

La Voz de Galicia: "Rosalía resoará con forza no día do seu 185 aniversario"

Ames celebra o aniversario de Rosalía cun acto e un mural de Yoseba Muruzábal no Milladoiro

Multimedia

  • Ames celebra o aniversario de Rosalía cun acto e un mural de Yoseba Muruzábal no Milladoiro