- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación do XX Festival Internacional de Maxia de Ames, que, nesta ocasión, terá lugar do 23 ao 26 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Este festival organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, conta cun amplo programa de espectáculos e obradoiros para todos os públicos. Este ano contarase con propostas que se estrearon na edición do 2024 e que contaron cunha gran acollida, como O Baúl da Maxia ou Maxia para os nosos maiores. Por outra banda, contarase coa estrea do espectáculo “Imposible?!” do Mago Rafa e celebraranse os xa clásicos obradoiros de maxia e a Gran Gala Máxica Internacional. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Este evento conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Esta mañá tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a presentación da XX Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, unha das actividades que máis éxito teñen entre a veciñanza amesá. Na celebración do seu vixésimo aniversario, terá lugar do 23 ao 26 de outubro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A presentación correu a cargo do concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; do director artístico do festival, mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo; e da técnica do departamento de Cultura, María Vázquez.
O concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García, subliñou, “buscamos actividades e espectáculos coas que o público participe activamente e se interese polo mundo da maxia. Queremos continuar a traballar nesta liña e, tras 20 anos deste festival, hai que poñer en valor a visión que tivo o primeiro concelleiro de Cultura que puxo en marcha unha iniciativa pioneira e atrevida e que, a día de hoxe, é dos máis consolidades en Galicia”.
Pola súa banda, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou que “a programación desta vixésima edición, que amplia o festival un día máis e comezará o xoves, inclúe os obradoiros de maxia e tamén volveremos a ter o Baúl de Maxia, que se estreou o ano pasado e funcionou moi ben. Por outro lado, volvemos a ter unha actividade que funcionou moi ben na súa estrea o ano pasado como é a maxia para os nosos maiores, nos locais de JUPEMI no Milladoiro, e aquí no local dos maiores en Bertamiráns. Pecharemos, como é habitual, coa Gran Gala Máxica, que está creando moitísima expectación”.
Así, o director artístico do festival, Dani Polo, destacou que “chegamos aos 20 anos do FestiMax, sendo un dos festivais máis lonxevos de Galicia e, este ano, chegamos con varias novidades. Continuamos a traballar por ampliar e mellorar cada día edición, pero mantendo sempre a esencia coa que naceu, que é achegar a maxia a tódolos públicos. O noso obxectivo é ter un programa completo, con actividades dirixidas tanto á cativada como aos maiores e tamén poder gozar de actuacións nos auditorios e propostas no exterior”.
Maxia para todos os públicos
A programación do FestiMax deste ano está composto por cinco grandes espectáculos que se van a realizar do 23 ao 26 de outubro. A primeira das actividades do programa será “O Baúl da Maxia”, que contará cunha sesión en na Praza de Chavián, en Bertamiráns, o xoves 23, e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro o venres 24- Esta proposta de pases de maxia, con media hora de duración e con grupos reducidos de 20 persoas, correrá a cargo da maga arxentina Lore Lavand, que adoita mesturar a poesía co mundo da maxia, na súa caravana máxica, un dos teatros máis pequenos do mundo. O horario da actividade será de 17.30 a 20.00 horas e o acceso será de balde, por orde de chegada.
Unha das novidades desta edición celebrarase na primeira xornada do festival, o espectáculo “Imposible?!” do galego Mago Rafa. A proposta, cun selo moi persoal, está dirixida para un público familiar, terá lugar ás 18.00 horas, o xoves 23, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas poden adquirirse na Billeteira.
A xornada do venres 24 estará dedicada aos nosos maiores, con dúas sesións de maxia dirixidas especialmente para eles a cargo do mago Román García, tamén de orixe galega e que adoita caracterizarse por crear espectáculos moi creativos e participativos. Deste xeito, ás 11.00 horas desenvolverase o pase no Local dos Maiores de Bertamiráns, mentres que pola tarde, ás 17.00 horas, será a quenda no Milladoiro, no Local de JUPEMI.
Obradoiros de maxia
Outra das actividades que se realizan de novo este ano serán os obradoiros de maxia, que gozan dunha gran acollida e están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Nesta ocasión, Román García será o encargado de impartir os talleres nos que ensinará aos máis cativos os trucos máis interesantes da maxia. Deste xeito, o sábado 25 de outubro, será a quenda na Casa da Cultura do Milladoiro. Formaranse dous grupos de 12 participantes cada un. A primeira sesión farase ás 11:00h e a segunda a continuación, ás 12:00 horas.
O domingo 26 este mesmo obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén será impartido por Román García en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:00 horas, e formaranse dous grupos con 12 nenos/as en cada un.
Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal poñendo o nome, apelidos da persoa que quere participar no obradoiro de maxia e un número de teléfono de contacto.
Gala máxica internacional
A Gala máxica internacional desta vixésima edición terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 de outubro. Como nos últimos anos, haberá catro pases debido á gran demanda e interese que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago e monologuista catalán Isaac Jurado.
Nesta ocasión, participarán os magos Seimei, de Corea do Sur e será a primeira vez que actúe en Europa presentando a súa proposta na que os elementos orientais son os protagonistas; Marcos Waldemar, mago galego emerxente que foi galardoado no último Congreso Nacional de Maxia e que estará a presentar unha proposta moi interesante; Peio Rivas, de Vitoria e experto na maxia de manipulación de obxectos, unha das ramas máis complicadas do ilusionismo; e Diego & Elena, dous artistas de Madrid e que presentan un espectáculo no que fusionan as acrobacias aéreas coa maxia.
A venda de entradas farase a través da Billeteira electrónica. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames celebra los veinte años de éxitos del FestiMax"
El Correo Gallego: "Ames subirá o pano do seu Festival Internacional de Maxia do 23 ao 26"
Diario de Santiago: "Ames celebra este 2025 as dúas décadas do seu Festival Internacional de Maxia, FestiMax"













