Solapas principales

Ames, Brión e a Deputación da Coruña traballan nos actos de conmemoración do 550 aniversario da Batalla de Altamira

Sábado, 21 de diciembre de 2019

Esta semana tivo lugar unha reunión para concretar a axenda de actos que se levarán a cabo con motivo da conmemoración da Batalla de Altamira, con especial atención cara o ano 2021, cando se conmemoren os 550 anos deste acontecemento histórico. En dita reunión participaron en representación do Concello de Ames, Manuel Lens, concelleiro de Turismo, e Sonia Moure, técnica municipal de Turismo; Alberto Álvarez, técnico municipal de Turismo do Concello de Brión, e Xosé Luís Penas, deputado de Patrimonio Provincial en representación da Deputación da Coruña.

No acto, concretáronse datas e actividades que se levarán a cabo xa no próximo ano 2020 de cara a conmemoración da Batalla de Altamira no ano 2021, cando se cumpren 550 anos do acontecemento histórico.

A primeira das propostas é a edición dun libro explicando a importancia histórica das Torres de Altamira. No mes de marzo do ano 2020, prevese que se encontren editadas dúas edicións: unha versión do libro para adultos, con toda a información teórica e facendo unha viaxe polos sitios máis emblemáticos, e unha versión reducida, infantil, para os máis pequenos. Ademais, seguirase traballando co acontecemento histórico durante o mes de abril, no cal está previsto a realización de diferentes actividades nos centros de ensino, que aínda están por concretar.

Xa no mes de xuño, o propio día 13, levaranse a cabo varias actividades nos diversos escenarios nos que se sucederon os sucesos que desembocaron na propia Batalla de Altamira o día 13 de xuño de 1471. A falta dun ano para que sexa o 550 aniversario do acontecemento histórico, estanse estudando propostas para celebralo, para poñer en valor e recalcar a importancia política que tivo o acontecemento de cara a un acto a maior escala que se celebrará en xuño do ano 2021.

As Torres de Altamira, un Ben de Interese Cultural
Cabe recordar que a pesar de que a Batalla de Altamira se desenvolve no ano 1471 aos pes das propias Torres, hai dous escenarios importantes do acontecido ese día que se encontran en territorio amesá, como son Agua Pesada e Ponte Maceira. A orixe da Batalla remóntase ao desexo de Lopo Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, de reconstruír as Torres. Pero este atopouse co enfado do arcebispo de Santiago, que se opoñía ao castelo ás aforas de Santiago.

As Torres, que están consideradas como un Ben de Interese Cultural, están situadas nun espazo privilexiado que as converte nun magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. A edificación chegou a contar con seis torres e unha muralla rodeando un suntuoso pazo, ao que se incorporou no fin do século XVI por encargo do V Conde de Altamira á capela dos Reis Magos, onde eran soterrados en panteóns os nobres propietarios. A partir do século XVII, os condes deixaron de habitar o castelo.

A Casa de Altamira vendeu as torres en 1872 e boa parte das pedras e distintos elementos arquitectónicos que a compuñan foron dar a distintas casas e construcións veciñas, como a propia capela de Santa Minia, destruíndose tamén a propia torre da homenaxe. Xa no ano 1973, a Deputación da Coruña mercou a propiedade, iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres, xunto algunhas ventás con arcos que datan da reconstrución de 1471.

Imaxe da reunión para planificar a conmemoración do 550 aniversario da Batalla de Altamira

Multimedia

  • Imaxe da reunión para planificar a conmemoración do 550 aniversario da Batalla de Altamira