Solapas principales

Ames aposta polo transporte público para conectar Bertamiráns co Milladoiro e por un servizo baixo demanda para o rural

Miércoles, 25 de abril de 2018

O Concello de Ames organizou este mércores, 25 de abril, unha xornada sobre mobilidade sustentable en estratexias urbanas, que se enmarca dentro do plan Impulsa Ames. Este programa está incluído dentro da convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI), cofinanciado polo programa europeo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020. A realización desta xornada centrouse no debate sobre experiencias vinculadas á mobilidade urbana e á conectividade entre diferentes núcleos de poboación metropolitanos. Un dos obxectivos temáticos do plan impulsa Ames é a conexión interna, a través de transporte público, dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, así como ofrecer un servizo de transporte público baixo demanda para a veciñanza do rural.

A xornada comezou cunha mesa institucional para falar da mobilidade no sistema urbano galego, na que participaron José Miñones, alcalde de Ames; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; José Blanco, deputado no Parlamento Europeo; e Alfonso Gil Invernón, vicepresidente da Comisión de transportes e infraestruturas da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O encargado de abrir o debate foi o alcalde de Ames, José Miñones, que dixo que “a través desta xornada preténdese poder orientar o plan de mobilidade integral do Concello, onde se analizarán detalladamente os modos e patróns dos desprazamentos realizados pola veciñanza de cada parroquia e a súa franxa horario; todo co obxectivo de ofrecer as alternativas de transporte máis axeitadas”.

O exministro de Fomento e actual deputado no Parlamento Europeo, José Blanco, salientou que dende a Unión Europea se está facendo unha aposta clara pola electromobilidade e polo vehículo eléctrico e indicou que a mobilidade sostible é un dos grandes retos do futuro, debido ao seu impacto directo na vida dos cidadáns. Asemade, incidiu en que non só é necesario realizar normas e directivas europeas neste senso, senón que tamén dende os gobernos dos países europeos se debe preparar ás cidades para favorecer a mobilidade sostible xa que nos vindeiros anos os vehículos eléctricos serán máis económicos que un vehículo convencional.

O vicepresidente da Comisión de transportes e infraestruturas da FEMP e concelleiro de Mobilidade e Sustentabilidade do Concello de Bilbao, Alfonso Gil Invernón, explicou a evolución da mobilidade na área metropolitana de Bilbao. Deste xeito, destacou que o 64% da veciñanza de Bilbao desprazase a pé pola cidade, o 24% en transporte público e 11% en vehículo privado para os desprazamentos diarios. Asemade, salientou o plan de instalación de ascensores de plano inclinado feito na cidade para facilitar a mobilidade interna. Por último, dixo que hai que apostar por unha mobilidade sostible, os vehículos eléctricos e a interconexión dos núcleos urbanos.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sostivo que aínda que o vehículo privado vai seguir tendo un papel importante como medio de transporte no rural galego debido á alta dispersión poboacional e á falta dun sistema eficiente e sustentable de transporte público, no futuro próximo o automóbil vai a ir cedendo o seu papel protagonista nos centros urbanos. “Un bo equilibro entre os sistemas de transporte, dando preferencia aos de carácter público intermodal e potenciando os desprazamentos peonís e en bicicleta resulta ser unha condición indispensable para recuperar os centros das cidades. Existe un amplo consenso sobre esta cuestión, xa que tanto as últimas directivas europeas coma as vixentes lexislacións urbanísticas estatal e autonómica invocan a aplicación deste principio básico para lograr un proceso de crecemento urbano sustentable e reducir as emisións á atmosfera”.

A continuación, ás 11:15 horas, realizouse un relatorio sobre a mobilidade en trasporte público en áreas metropolitanas, no que interviron Julián Sastre, presidente do Instituto de la Movilidad; e Rosa Arce, directora do Centro de Investigación del Transporte (TRANSyT).

Mobilidade na área metropolitana de Santiago
Unha das mesas que máis debate creou foi a centrada na mobilidade na área metropolitana de Santiago de Compostela. Neste mesa participaron o alcalde de Ames, José Miñones; o alcalde do Concello de Oroso, Manuel Mirás; o concelleiro de Mobilidade do Concello de Santiago de Compostela, Jorge Duarte; e maila concelleira de Transporte do Concello de Teo, Concepción García. As intervencións estiveron moderadas polo xornalista da Cadena Ser, Luís Pardo.

José Miñones falou fundamentalmente da necesidade de conectar os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro a través dun servizo de transporte público eficiente. “O reto é mellorar o servizo de transporte metropolitano e dispoñer dunha conexión interna que conecte os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, separados por tan só 8 quilómetros, sen ter que pasar previamente por Santiago. Isto permitiría que os veciños de Bertamiráns puideran facer uso dos servizos que existen no Milladoiro e viceversa, e non ter que duplicar todos os servizos, tal e como ocorre na actualidade. Para iso creamos un obxectivo temático dentro da Estratexia DUSI Impulsa Ames, para abordar esta gran necesidade, así como para dispor dun servizo de transporte público baixo demanda do que poida beneficiarse a veciñanza do rural”.

O concelleiro de Mobilidade do Concello de Santiago de Compostela, Jorge Duarte, tamén incidiu na necesidade de mellorar o servizo de transporte metropolitano da área de Santiago, así como apostar de xeito real por este servizo e prescindir dos vehículos privados. Tamén destacou a necesidade de apostar por unha mobilidade sostible real. No mesmo sentido expresouse o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, que aposta claramente por crear unha área metropolitana de Santiago para, en primeiro lugar, poñer en funcionamento un transporte metropolitano que sexa real. Segundo explicou Mirás dúas localidades como Sigüeiro, con máis de 4.000 habitantes, e O Milladoiro, con máis de 12.000 habitantes, non están conectadas de xeito directo a través de transporte público. “Isto explica claramente que non existe un servizo de transporte metropolitano real”.

A concelleira de Transporte do Concello de Teo, Concepción García, indicou que a mobilidade transcende dos límites municipais polo que debe de existir un acordo comarcal para resolver todas as necesidades e limitacións que ten na actualidade este servizo. Debemos de reformular o servizo e adaptalo á situación actual. Se o servizo se presta de xeito efectivo, reduciranse de xeito considerable os desprazamentos en vehículo privado.

Retos e desafíos da mobilidade urbana sustentable
A xornada, pechouse pola tarde, ás 17:00 horas, cunha mesa redonda sobre a mobilidade urbana sustentable, os retos e os desafíos. O moderador de dita mesa foi Esteban López, experto en mobilidade. Participaron Xavier Pont, coordinador de proxectos da Área de Urbanismo e Mobilidade da Axencia de Ecología Urbana de Barcelona; David Álvarez, consultor de Afora Tráfico y Transporte; e Manuel Márquez, xefe do Servizo de Planificación e Explotación da Dirección Xeral de Mobilidade da Junta de Andalucía.

Contido relacionado:

Compostela 24 horas: "Valentín González Formoso explica en las jornadas Impulsa Ames la apuesta de la Diputación de A Coruña por la movilidad sostenible"
El Correo Gallego: "Apoyan un transporte público real y efectivo para la comarca"
Lindeiros: "Reportaxe: Ames á procura dunha complicada mobilidade"

Imaxe da xornada de mobilidade

Multimedia

  • Imaxe da xornada de mobilidade
  • Imaxe da xornada de mobilidade
  • Imaxe da xornada de mobilidade
  • Imaxe da xornada de mobilidade
  • Imaxe da xornada de mobilidade
  • Imaxe da xornada de mobilidade