Solapas principales

Ames acollerá as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia e o concerto de góspel a prol da doazón de órganos

Miércoles, 26 de noviembre de 2025

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, e o coordinador de Alcer Coruña, Alfredo Saborido, presentaron esta mañá na Casa do Concello as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia organizadas pola Federación Alcer Galicia, que se celebrarán ao longo da mañá do próximo domingo día 30 de novembro no auditorio da Casa da Cultura  de Bertamiráns. Tamén foi presentado o concerto de góspel, programado para o sábado 29, a prol da doazón de órganos.

O coordinador de Alcer Coruña, Alfredo Saborido, destacou que estas xornadas “son un espazo de encontro e de formación para as persoas con enfermidades renais e as súas familias”. Alfredo Saborido incidiu na importancia destes encontros, xa que “unha poboación como a nosa ten que ter coñecemento para poder tomar decisións sobre a nosa vida”, nun contexto no que se espera que “a enfermidade renal crónica se converta nunha das principais causas de morte en España”.

O evento arrincará ás 10.00 horas da mañá cunha inauguración na que participará unha delegación do Concello de Ames formada polo alcalde, Blas García, a primeira tenente de alcalde e concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García. Tamén intervirán na apertura o director xeral de Familia, Inferencia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre, o presidente da Sociedade Galega de Nefroloxía, Jesús Calviño, e o presidente de Alcer Galicia, Rafael González.

Relatorios de interese
Posteriormente sucederanse durante toda a mañá, ata as 14.00 horas, relatorios de distintos ámbitos da materia principal. Ás 10.30 horas dará comezo a temática “A miña decisión, o meu dereito: ética, testamento vital e morte digna”, coa participación da vogal do Comité de Ética Asistencial da Área Sanitaria de Ourense, María Xosé Vázquez, e a presidenta da Asociación Dereito a Morrer Dignamente de Galicia, Isabel Blanco.

Ás 11.30 horas será a quenda do bloque “Enfermidades renais raras”, coa intervención do xefe de laboratorios NefreoCHUS e NefreoHULA, Miguel A. García. Ás 12.00 horas haberá unha pausa para o café e ás 12.30 arrincará a segunda parte das xornadas coa temática “A futuro”, co relatorio do presidente da Federación Nacional Alcer, Daniel Gallego.

A partir das 13.00 horas o presidente de Alcer Galicia, Rafael Rodríguez, e o director de procesos de soporte da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Jorge Aboal, intervirán na temática “A implicación na prevención primaria da enfermidade renal”. Para rematar, ás 13.30 horas, a psicóloga de Alcer Galicia, Lorena García, afondará nas “Técnicas de diálise domiciliaria”, acompañada de dúas persoas que empregan esta técnica como son Yolanda Paz e Javier García.

Para poder participar é necesario inscribirse, xa sexa mediante o correo electrónico da Federación alcergalicia@gmail.com ou ben a través dos números de teléfono 981 298 759 / 619 609 797 / 988 229 615 / 693 714 005. Co fin de fomentar a participación, Alcer achega autobuses gratuítos dende todas as cidades galegas para os e as asistentes. De seguido, tras unha longa mañá de intercambio de información, as xornadas rematarán cun popular xantar de Nadal no Restaurante San Martiño, en Teo.

Concerto de góspel
No acto tamén se presentou o concerto de góspel pola doazón de órganos. Esta iniciativa, levada a cabo pola Asociación Alcer Coruña e en colaboración co Concello de Ames e o Coro Góspel Vida, busca sensibilizar á veciñanza de Ames sobre a importancia de doar órganos para salvar as vidas das persoas que agardan un transplante.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, indicou que este concerto é “algo novo no noso Concello” e que “vai sorprender”. A concelleira quixo recordar tamén que Ames “é un Concello solidario e vai dar unha moi boa resposta”. Por último, quixo agradecer a predisposición de Alcer para escoller Ames como localización para realizar o evento: “Sempre que poidamos, aí estaremos”, indicou.

O concerto celebrarase o próximo sábado 29 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns da man do Coro Góspel Vida. A entrada ten un custo de 10€ e pódese mercar nas tendas Secretos de tocador, en Bertamiráns, e Libraría Nenos Nais, no Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alcer Galicia reúne en Ames a personas con enfermedades renales"

Ames acollerá as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia e o concerto de góspel a prol da doazón de órganos

Multimedia

  • Ames acollerá as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia e o concerto de góspel a prol da doazón de órganos
  • Ames acollerá as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia e o concerto de góspel a prol da doazón de órganos
  • Ames acollerá as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia e o concerto de góspel a prol da doazón de órganos
  • Ames acollerá as VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia e o concerto de góspel a prol da doazón de órganos