- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, volve a programar un ano máis a Mostra de Teatro Afeccionado. Deste xeito, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá do 5 ao 8 de decembro un total de catro representacións teatrais a cargo de compañías de Ames, Brión, Muxía e Santa Comba. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica. No caso de haber convites dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo.
O Concello de Ames retomou no pasado 2024 a Mostra de Teatro Afeccionado, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura e a Escola Municipal de Teatro de Ames que ten como obxectivo poñer en valor o esforzo e dedicación dos grupos de teatro non profesionais, así como a cultura e a lingua galega no ámbito das artes escénicas.
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, lugar onde se desenvolverá a mostra, acolleu esta mañá a presentación do programa. A dito acto asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; o director do grupo Municipal de Teatro de Ames, Diego Rey; a co-directora do Teatro das Maniotas, María Dolores Santos Álvarez; e o director do grupo Sen Cancelas Teatro, Xan Martínez.
O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, puxo en valor a recuperación desta mostra teatral pois, “o Concello de Ames é un concello que destaca por toda a actividade cultural que facemos, sobre todo no ámbito das artes escénicas. Poder recuperar isto despois de moitos anos é unha alegría e unha satisfacción. A calidade das obras que participaron o ano pasado foi moi boa, a mostra tivo gran acollida entre o público e créase un ambiente moi bo entre os participantes. Seguimos apostando pola cultura e polo teatro porque, da base do teatro afeccionado, sae despois o teatro profesional”.
Pola súa banda, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, destacou que “este tipo de mostras son moi importantes para apoiar aos grupos de teatro afeccionado que, na maioría das veces, non contan con espazos, equipamento e persoal técnico óptimo para poder exhibir os seus traballos. Ademais do apoio, é unha iniciativa que serve para crear sinerxias entre os distintos grupos, coñecerse e relacionarse entre eles”.
A co-directora do Teatro das Maniotas, María Dolores Santos Álvarez, explicou a peza que interpretará o seu alumnado, “sempre intentamos facer comedia e cun pouco de crítica social. Nesta ocasión, farémolo nun psiquiátrico, un sanatorio mental, no que hai diferentes personaxes. Algúns considéranse deuses ou persoas moi importantes, mentres que hai outros que queren tomar o poder ou o típico director de dous sitios que só lle preocupan os cartos e as inversións, todo isto aderezado con moita música e baile.”
Na súa quenda, o director do grupo Sen Cancelas Teatro, Xan Martínez, subliñou que “imos levar a levar á escena un tranvía chamado O Desexo, que é unha obra un pouco ousada. Imos a facer a nosa propia proposta, porque unha das cosas que temos os teatros aficionados é que a obra ten os personaxes que ten e nós tamén temos as personaxes que temos, as persoas que temos e, en base a iso, temos que adaptar cada peza, polo que neste caso tivemos que facer unha redacción bastante importante da obra orixinal”.
Pechando a rolda de intervencións, o director do grupo Municipal de Teatro de Ames, Diego Rey, sinalou que “é un pracer poder participar e que existan estas mostras porque, realmente, o teatro profesional naceu no teatro afeccionado nos anos 70 e é o lugar onde a xente colleu a súa voz. É moi bonito que todo o mundo que queira participar poida ter o seu lugar, a súa oportunidade de falar e de darse voz diante da xente. No caso do ‘Soño dunha noite de verán’, é unha proposta na que quixen retar, ao alumnado facendo unha proposta de espectáculo diferente”.
Todas as exhibicións teatrais realizaranse nos vindeiros días 5, 6, 7 e 8 de decembro, ás 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, coa excepción da primeira obra que se presentará o venres 5, ás 20:30 horas. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica. No caso de haber convites dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo.
Venres 5 de decembro: Terapia Real, de Teatro das Maniotas (Ies de Brión)
A agrupación teatral do Instituto de Brión estará a presentar esta peza na que o público non poderá parar de rir. Nela, reflíctese que os reis, as raíñas e as princesas tamén teñen os seus propios medos e as súas debilidades. Neste sanatorio atoparán a terapia que máis se axusta á súa problemática... ou non. Un grupo de traballadores e traballadoras tentarán facerlles a vida máis doada... ou non. E un grupo de persoas lixeiramente desequilibradas tentarán facerse co control do centro para ledicia de uns e desgraza doutros.
Sábado 6 de decembro: As arteiras maneiras de María Volpona, de Escola Municipal de Teatro de Muxía
A Escola Municipal de Teatro de Muxía traerá a Ames unha proposta chea de humor e crítica social, unha fábula descarnada que xira arredor da avaricia e da luxuria. A través da sátira, a peza denuncia a debilidade humana e lévanos a reflexionar ata onde nos poden facer chegar as ansias por acumular beneficios e poder. Nesta proposta os personaxes aparecen caricaturizados e estereotipados, con características precisas que os definen.
Domingo 7 de decembro: Un tranvía chamado desexo, de Sen Cancelas Teatro (Santa Comba)
Sen Cancelas Teatro estará a presentar un clásico do teatro universal, considerada a obra mestra do dramaturgo estadounidense Tennessee Williams, gañadora do premio Pulitzer na categoría Drama no ano 1948.
Así, a agrupación xalleira reconstrúe esta peza teatral dun xeito moi persoal e cunha forte carga emocional e interpretativa, xogando coa ficción e a realidade, presentando un mundo onírico nunha atmosfera cargada e calorosa. Enfrontando á súa protagonista co descrédito dos que a rodean e cos seus propios medos e reproches dentro dunha sociedade patriarcal e opresora.
Luns 8 de decembro: Soño dunha noite de San Xoán, do Grupo Municipal de Teatro de Ames
O grupo municipal de teatro integrado por adultos representará nesta mostra de teatro a peza “Soño dunha noite de San Xoán”, unha adaptación da obra de William Shakespeare escrita no 1595 baixo a dirección de Diego Rey. O espectáculo xa foi presentado no mes de xuño tanto no auditorio do Milladoiro coma no de Bertamiráns.
Nesta peza, baseada no día de San Xoán, coñecida como a noite máis curta de todo o ano, pode acontecer calquera cousa: dende dúas parellas de namorados que loitan polo dereito a estar xuntos (aínda que non teñan moi claro aínda con quen...), ata dúas meigas que compiten pola sona de ser a mellor. Fadas danzarinas, trasnos argalleiros, e mesmo un grupo de humildes artesás con ínfulas de artistas citaranse no medio da fraga nunha noite chea de amor e humor.
Con Soño dunha noite de san Xoán, O Grupo Municipal de Teatro de Ames presenta unha das obras máis emblemáticas de Shakespeare e do teatro universal, coa que poderemos pasar unha máxica velada onde celebrar a alegría e o gozo da vida mesma.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "O Milladoiro acollerá do 5 ao 8 de decembro a Mostra de Teatro Afeccionado"
Bisbarra: "A Mostra de Teatro Afeccionado contará con compañías de Ames, Brión, Muxía e Santa Comba"












