Solapas principales

Ames acollerá unha etapa da volta ciclista ‘O Gran Camiño’ que percorrerá Galicia en febreiro

Martes, 30 de noviembre de 2021

O concello de Ames acollerá unha das etapas da volta ciclista a Galicia ‘O Gran Camiño’. Un encontro no que participarán equipos profesionais nacionais e internacionais e que configura “unha volta propia para o territorio galego”, que destaca noutras competicións de enorme repercusión nacional e internacional como La Vuelta a España. Esta proba conta co apoio da Deputación da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; os alcaldes de Ames, Blas García, e Dumbría, José Manuel Pequeño, o responsable de Emesports, Ezequiel Mosquera, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e recoñecidos ciclistas galegos coma Óscar Pereiro, Jesús Blanco Villar ou Gonzalo Rabuñal presentaron esta mañá na Ponte Maceira a etapa da provincia da Coruña desta competición, que percorrerá Galicia do 24 ao 27 de febreiro de 2022.

González Formoso sinalou que esta proba é “unha aposta por un deporte que cada vez é máis practicado e que nos permite ensinar a o mundo os singulares e marabillosos recunchos da nosa provincia, coma esta Ponte Maceira, declarada o ano pasado como un dos 100 enclaves máis bonitos de España”.

O presidente provincial dirixiuse aos ciclistas presentes para amosar o recoñecemento da provincia, “sufrimos con vós enriba da bicicleta”, afirmou. O presidente tamén destacou que o ciclismo é unha actividade a promocionar  polos valores de esforzo e traballo en equipo que transmite.

O responsable de Emesports, Ezequiel Mosquera, indicou que “o argumento da proba non é só o deporte, iso é a escusa, por así dicilo, para abrir unha ventá que amose a provincia da Coruña e Galicia ao mundo”.

Recuperar unha volta ciclista galega
O alcalde de Ames e deputado de Promoción Económica, Blas García, resaltou a “aposta da Deputación desde un primeiro momento” pola idea de recuperar unha Volta Ciclista galega e deixou ver a súa satisfacción como rexedor “ante unha proba como esta, que se vai ver en todo o mundo e que será unha oportunidade para ensinar o noso municipio e enclaves tan importantes como a Ponte Maceira, pola que cruzarán os competidores”, expresou.

Por outra banda, o alcalde de Dumbría e deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, quixo tamén resaltar a colaboración do presidente da Deputación para “recuperar a volta ciclista para Galicia”. Pequeño destacou que “a través do deporte, en concreto do ciclismo, puxemos no mapa o miradoiro e a fervenza do Ézaro. Como dato: no 2012 visitaron esa zona unhas 5.000 persoas, neste último ano foron 300.000”, argumentou explicando a importancia deste tipo de eventos para atraer turismo aos municipios, co conseguinte impulso da actividade económica.

Tamén o ciclista Óscar Pereiro insistiu na idea de que “Galicia non podía estar tantos anos sen unha volta profesional propia” e lembrou que, cando era pequeno, entre os seus ídolos estaban grandes deportistas da bicicleta da nosa terra coma Álvaro Pino ou Blanco Villar, que axudaron a forxar a súa vocación.

Este encontro de primeiro nivel ten como obxectivos a aposta polo deporte e a promoción turística de Galicia, recuperando o espírito da antiga Volta a Galicia que no seu día tivo vencedores tan ilustres coma Miguel Indurain, Abraham Olano ou Marino Lejarreta. Valentín González Formoso remarcou a colaboración entre as catro deputacións do territorio galego e a Xunta de Galicia para dar apoio a un deporte que goza dun importante protagonismo na provincia e que sirve para poñer en valor do turismo, arte, gastronomía, cultura e historia da Coruña.

O Ézaro, olimpo ciclista de Galicia, porá o peche a etapa da provincia
A segunda etapa desta proba partirá de Bertamiráns e terá o seu fin na impoñente fervenza do Ézaro. La Vuelta foi testemuña, en varias ocasións, da beleza e dureza desta paisaxe, que supón un verdadeiro desafío para o ciclista. A Costa da Morte é tamén o escenario do Gran Fondo Ézaro, o maior evento deste deporte en Galicia, ao que ano tras ano acoden máis dun milleiro de deportistas e multitude de afeccionados.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La segunda etapa de O Gran Camiño enlazará Bertamiráns y O Ézaro"

El Correo Gallego: "Ames-Ézaro, espectáculo en O Gran Camiño coruñés"

AMSGO!: "Ames acollerá unha etapa da volta ciclista a Galicia “O Gran Camiño”"

Presentación da volta ciclista ‘O Gran Camiño’

Multimedia

  • Presentación da volta ciclista ‘O Gran Camiño’
  • Presentación da volta ciclista ‘O Gran Camiño’
  • Presentación da volta ciclista ‘O Gran Camiño’
  • Presentación da volta ciclista ‘O Gran Camiño’
  • Presentación da volta ciclista ‘O Gran Camiño’
  • Presentación da volta ciclista ‘O Gran Camiño’