Solapas principales

Ames acollerá a quinta edición do DéporCampus do 20 ao 24 de xullo

Martes, 23 de junio de 2020

Esta mañá presentouse a quinta edición do DéporCampus de fútbol. A presentación, que tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello, correu a cargo da concelleira de Deportes, Susana Señorís, o director dos Depor Campus, Pablo Barros, o secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño. O DéporCampus, que está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos, desenvolveranse entre os días 20 e 24 de xullo no campo de fútbol municipal do Milladoiro. As inscrición poden realizarse ata ás 12.00 horas do 16 de xullo. Ofértanse 60 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Trátase dunha experiencia segura xa que se seguirán as instrución recollidas no protocolo de medidas hixiénico-sanitarias para o correcto desenvolvemento e participación nos DéporCampus.

Por quinto ano consecutivo Ames acolle o DéporCampus que organiza o RC Deportivo da Coruña en colaboración co Concello de Ames e o Bertamiráns FC. O DéporCampus terá lugar entre os días 20 ao 24 de xullo, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Este ano esta actividade desenvolverase no campo de fútbol municipal do Milladoiro, xa que no campo de fútbol de Bertamiráns estase cambiando o céspede.

No DéporCampus poden inscribirse nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, tanto do Bertamiráns FC como xogadores e xogadoras doutros clubs. Os técnicos do Real Club Deportivo da Coruña conducirán todas as sesións. Capa participantes disporá dun seguro de accidentes deportivos; un equipamento deportivo (novo deseño exclusivo) composto de camiseta, pantalón e medias; almorzo (auga e froita); un diploma; e unha máscara oficial do RC Deportivo. O método empregado fomenta valores como o xogo limpo, o respecto polo rival, o esforzo, a solidariedade e a amizade a través do deporte.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo esta mañá “estou convencida que este ano coa situación que nos tocou vivir a todos/as debido á pandemia da Covid-19, os rapaces e rapazas van a ter máis gañas de desfrutar das actividades incluídas nesta iniciativa. Esta é unha actividade que sempre esperta moito interese entre os rapaces e rapazas aos que lles gusta o fútbol, pero creo que este ano van a ter máis gañas de participar. Como xa dixen na presentación da edición anterior, esta é unha iniciativa na que non só se xoga ao fútbol, senón na que tamén se poñen de manifesto valores tan importantes como a deportividade, facer deporte en equipo, a tecnificación e sobre todo pasalo ben. Desexo que se poida desenvolver un campus igual ou incluso mellor ao das anteriores edicións”.

Protocolo de seguridade pola Covid-19
Como principais novidades, aplicarase un protocolo especial fronte á Covid-19. A todos os participantes entregaráselles unha máscara oficial do RC Deportivo, xunto co equipamento DéporCampus con novo deseño e deberán asinar o documento de participación responsable que debe ser entregado o primeiro día, para poder participar na actividade. Pode consultarse todo o protocolo de seguridade de medidas hixiénico-sanitarias aquí.

As medidas están enfocadas a evitar contaxios nos DéporCampus. Deste xeito, vanse a reducir os grupos a 15 nenos/as, como máximo, que adestrarán xunto a un monitor. Os integrantes de cada grupo non se van a mesturar con nenos/as doutros grupos e non haberá partidos de fútbol entre nenos/as de diferentes grupos. Ademais, a merenda vaise facer de xeito individual, os técnicos van a manter unha distancia de seguridade cos diferentes grupos. En definitiva, a metodoloxía está adaptada para poder traballar os contidos de xeito máis específico.

Obxectivos dos DéporCampus
Os obxectivos dos técnicos deportivistas pasan por desenvolver habilidades e conceptos na relación co ou coa opoñente, así como na relación co propio compañeiro ou compañeira. Os e as porteiras adestrarán tamén este tipo de habilidades de xeito especializado. Non se descoidará a educación en hábitos saudables, incidindo na importancia da alimentación dos e das deportistas. Xogaranse partidos, traballaranse situacións básicas de aprendizaxe, rondos básicos e xogos de posición. Ademais, o RC Deportivo quere continuar a labor de transmisión de valores como o respecto, a amizade e a solidariedade, que o propio Bertamiráns FC e outros clubs de base transmiten aos seus xogadores e xogadoras no día a día. Este campus tamén inclúe actividades lúdicas.

O director dos Depor Campus, Pablo Barros, explicou que “este ano o ritmo de inscricións está sendo moi alto, polo que os rapaces e rapazas que queiran participar deben darse présa para non quedar sen praza. O principal obxectivo é que os nenos e nenas se divirtan, pero ademais este ano vaise priorizar a seguridade dos participantes debido a  actual situación derivada da Covid-19. Deste xeito, vai ser unha experiencia segura, pero tamén emocionante. Váiselle entregar a cada neno/a unha máscara oficial do RC deportivo e mailo equipamento que se lle entrega todos os anos”.

Por último, o secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns FC, Sergio Penas, mostrou a súa ledicia “por poder desenvolver este campus porque hai un mes parecía que non ía ser posible. Este é un campus que se enmarca dentro do convenio que temos asinado co RC Deportivo. Ademais, este campus vainos servir a nós como experiencia previa do campus que organiza todos os anos o Bertamiráns FC, para saber como adoptar as medidas de seguridade debido á Covid-19. Finalmente o noso campus realizarase no mes de agosto. Decidimos seguir adiante con el porque hai moitos pais e nais que nos pediron que o organizaramos tamén este ano”.

Trámites da inscrición
Para inscribirse no DéporCampus do Milladoiro é preciso entrar en http://deporcampus.rcdeportivo.es. Premendo nesta ligazón xa accedes directamente á paxina web onde se tramitan as inscricións para o campus que se vai a realizar no Milladoiro. Este ano, como novidade, as familias deberán asinar un documento de participación responsable, onde se confirme que o/a neno/a non ten síntomas previos ou que non estivo en contacto con algunha persoa contaxiada polo coronavirus.

Aquelas persoas que queiran obter máis información ou teñan algunha dúbida pódena resolver escribindo ao enderezo deporcampus@rcdeportivo.es, nas páxinas web www.rcdeportivo.es - www.bertamiransfc.com ou chamando ao teléfono 981 25 95 00.

Imaxe da presentación do DéporCampus 2020

Multimedia

  • Imaxe da presentación do DéporCampus 2020
  • Imaxe da presentación do DéporCampus 2020