- Tematica
O vindeiro mércores, 8 de xullo, o concello de Ames acollerá a xornada inaugural do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, organizado pola asociación IS.MO Cultura. Do 8 ao 12 de xullo desenvolveranse diversas actividades arredor da danza e do movemento, co obxectivo de impulsar esta disciplina entre a veciñanza. A programación do festival foi presentada hoxe na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. En representación do Concello de Ames acudiu a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. O acto incluíu unha breve actuación en directo a cargo do bailarín Martín Blanco coa peza Máis.
Por terceiro ano consecutivo o concello de Ames será unha das sedes da quinta edición do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Nesta edición, o encontro reunirá 11 compañías e artistas procedentes de Galicia, Madrid, Cataluña, Francia, Eslovenia e Chile, nunha programación que combina exhibición, mediación, acompañamento á creación e encontro profesional. Realizarase de xeito itinerante por cinco concellos do 8 ao 12 de xullo.
O festival foi presentado esta mañá no Gaiás por parte do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; e polas directoras do festival, Marta Alonso Tejada e Paula Quintas. Tamén participaron representantes dos municipios implicados e colaboradores da iniciativa. En representación do Concello de Ames acudiu a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz.
Creado no ano 2022, trátase dun programa de exhibición de danza en vivo que no 2023 ampliou a súa celebración en localidades das catro provincias galegas. Ames xa acolleu en 2024 e 2025 unha das xornadas do Abanea. Este ano volverá acoller a xornada inaugural do festival, para despois pasar por Outes, A Guarda, Foz e Celanova. Ao longo de cinco xornada desenvolveranse diversas actividades arredor da danza e do movemento, co obxectivo de impulsar esta disciplina entre a veciñanza.
Programación en cinco concellos
O festival desenvolverase ao longo de cinco xornadas en Bertamiráns, en Ames (A Coruña), o 8 de xullo; Broña, en Outes (A Coruña), o día 9; A Guarda (Pontevedra), o 10; Foz (Lugo), o 11; e Celanova (Ourense), o 12. A programación inclúe propostas de OUPS Dance Company, Tjaša Bucik & Patricija Crnkovič, Rolando Salamé, Ángel Durán, Alejandro Moya, Elvi Balboa, Colectivo Glovo, Andrea Castro, Martín Blanco, Artístistika Movemento, Ay, Cariño! e Raquel Ferradás & María de Vicente.
As diferentes sedes acollerán espectáculos de danza contemporánea, creación en espazo público e linguaxes híbridas. Ademais, todas as xornadas incorporarán accións de mediación, coa activación itinerante de Abaena Canle, e rematarán coa Pista de Baile, un espazo aberto de danza comunitaria pensado para favorecer a participación da cidadanía.
Creación, mediación e memoria
A próxima edición do festival reforza tamén EnRede, a liña de acompañamento artístico de Abanea, a través da que o festival impulsa residencias, apoio á creación, espazos de intercambio e visibilización de novas creadoras e creadores. Neste marco, Andrea Castro presentará a evolución de Lola e os lamentos, peza nacida no contexto do festival e seleccionada posteriormente pola Red Acieloabierto, mentres que Martín Blanco se incorpora ao programa coa presentación de Máis, unha primeira creación desenvolvida en residencia artística co apoio de Abanea.
Como novidade, Abanea Canle suma unha vertente documental para recoller procesos, conversas, encontros e memoria do festival mediante pezas audiovisuais, co obxectivo de prolongar a vida do proxecto máis alá dos días de programación e contribuír á difusión da danza contemporánea en Galicia.
II Foro de Internacionalización da Danza
En paralelo á programación do festival, a Axencia Galega das Industrias Culturais organiza, a través do Centro Coreográfico Galego, o II Foro sobre Distribución Nacional e Internacional da Danza de Galicia. A actividade terá lugar os días 8 e 9 de xullo en Ames e Outes, coordinada por IS.MO Cultura co apoio da asociación profesional Escena Galega.
O foro busca fortalecer a proxección exterior da danza galega mediante o encontro con programadores, responsables de festivais, redes de distribución e medios especializados. A proposta incluirá mesas de traballo, presentacións de compañías e espazos de networking arredor da circulación nacional e internacional da danza contemporánea. A inscrición para participar permanece actualmente aberta a través do correo formacion.ccg@xunta.gal.






