Solapas principales

Ames acollerá o 20 de setembro o XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros, a proba de ultrafondo máis importante do atletismo internacional

Lunes, 01 de junio de 2026

O Concello de Ames acollerá o próximo 20 de setembro de 2026 o XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros, a proba máis relevante do atletismo internacional de ultrafondo, que se ven celebrando dese 1987. A designación, anunciada oficialmente pola International Association of Ultrarunners (IAU) e organizada polo Club Ecodeporte co respaldo da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), converterá o concello nun escaparate internacional de primeiro nivel, cunha proxección mediática sen precedentes e un impacto económico e turístico significativo para toda a comarca. 

O Campionato do Mundo IAU de 100 km chega por primeira vez a Galicia e o Concello de Ames será o anfitrión da elite mundial do ultrafondo. A carreira dará comezo ás 08.30 horas do domingo 20 de setembro, na praza do Concello de Bertamiráns, nun circuíto completamente asfaltado, homologado pola RFEA, composto por unha primeira volta de 4,8 quilómetros seguida de 19 voltas de 5 quilómetros cada unha, máis dous tramos de transición de 100 metros.

O alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, destacou que a celebración deste campionato supón “un fito histórico para Ames e un recoñecemento á nosa capacidade para organizar eventos deportivos de máximo nivel que, sen ningunha dúbida, repercutirán moi positivamente no concello”. Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, suliñou que acoller esta proba é “un orgullo para o concello” e puxo en valor o traballo conxunto coa IAU e o Comité Organizador Local para garantir os máis altos estándares de calidade. 

Ames é, ademais, o único concello galego polo que pasan tres Camiños de Santiago -o portugués , o de Fisterra e o de Muros e Noia-, unha singularidade que enriquece o atractivo da sede e que estará presente na propia imaxe do campionato. 

O circuíto e as instalacións
A saída e chegada localizarase fronte á Casa do Concello, cunha anchura de 6 metros. O recorrido discorre integramente sobre asfalto, cunha anchura mínima de 3 metros, e un desnivel acumulado mínimo: o punto máis baixo sitúase a 30 metros sobre o nivel do mar e o máis alto a 38 metros, o que garante unhas condicións óptimas para a competición. 

As delegacións dispoñerán de carpas propias situadas a aproximadamente 700 metros do inicio, xunto á zona de avituallamento completo. Os servizos médicos, de masaxe e os controis de cronometraxe e antidopaxe estarán localizados nunha contorna inmediata da liña de saída e meta, próximos á Casa do Concello. A proba contará tamén con aseos habilitados na saída-meta, no punto de xiro e na zona de avituallamento. 

Estímase a participación de arredor de 600 atletas procedentes de máis de 50 países (dos cales aproximadamente a mitade serán europeos e destacando como favoritos os equipos de Xapón, EEUU, India, Australia e España), xunto aos seus equipos técnicos, xuíces e persoal de apoio. Cada federación nacional poderá inscribir ata 9 corredores en cada categoría -masculina e feminina-, dos cales ata 6 poderán puntuar para a clasificación por equipos. Outorgaranse títulos en catro categorías: individual masculino, individual feminino, equipos masculinos e equipos femininos.

O campionato celébrase tamén, de maneira conxunta, co WMA 100K Wold Chamionships, o Campionato do Mundo de Atletismo de Veteranos, aberto a homes e mulleres maiores de 35 anos en categorías de 5 en 5 anos (de M35/W35 ata M100+/W100+). O tempo límite de carreira é de 11 horas e 30 minutos.

Programa de actos e calendario
Os actos oficiais do campionato desenvolveranse entre o xoves 17 e o luns 21 de setembro. O sábado 19 de setembro terá lugar a Reunión Técnica e o Acto de Presentación de Equipos no Pazo da Peregrina, seguidos da Cerimonia de Apertura con desfile de delegacións no parque do Ameneiral a partir das 17.00 horas. 

A carreira comezará o domingo 20 ás 08.30 horas e o corte oficial producirase ás 20.00 horas. A continuación, ás 20.30 horas, celebrarase a Cerimonia de Clausura e Entrega de Premios no mesmo parque, seguida dunha cea e festa de clausura para atletas, delegacións e invitados. 

O aeroporto oficial do campionato é o de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro (SCQ), a uns 30 minutos en coche dos hoteis oficiais, situados en localidades próximas a Ames. 

Impacto turístico e proxección internacional
A celebración do campionato supoñerá un importante impulso turístico e económico para Ames e a súa contorna. Os atletas comezarán a chegar días antes da proba, percorrendo o municipio e os seus arredores para coñecer o circuíto e a contorna, o que xerará actividade hostaleira, comercial e de servizos en toda a comarca. 

Ames conta cunha posición xeográfica excepcional dentro da Área Metropolitana de Santiago de Compostela, cunha rica oferta natural, arquitectónica e patrimonial: o Monte de San Marcos, os ríos Sar e Tambre, as emblemáticas Ponte Maceira e Ponte de Augapesada, igrexas, cruceiros, muíños, e os petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo.

Organización e entidades colaboradoras
O campionato está organizado polo Club Ecodeporte, baixo a presidencia do Comité Organizador Local de Francisco A. Sánchez Rico, co respaldo institucional do Concello de Ames, a Deputación da Coruña -cuxo apoio financeiro foi determinante para a viabilidade do proxecto-, a Xunta de Galicia, a Real Federación Española de Atletismo (RFEA), a Real Federación Galega de Atletismo e a International Association of Ultrarunners (IAU), baixo o patrocinio de World Athletics. 

A páxina web oficial do evento é www.wc100k-ames.com, onde se pode consultar toda a información relativa a inscricións, aloxamento, transporte e programa de actos.

Medallas
O deseño das medallas para esta proba representa o prestixio e o espírito dos Campionatos do Mundo IAU 100K, celebrando a determinación, a resistencia e o logro dos atletas que competirán no escenario mundial. Están inspiradas na cultura e identidades galegas e do Concello de Ames, reflectindo a forte conexión entre o deporte e as rutas históricas do Camiño de Santiago.  

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames recibirá a las estrellas mundiales de los 100 kilómetros"

amsGO!: "A proba máis importante do calendario internacional de ultrafondo celebrarase en Ames o 20 de setembro"

Ames acollerá o 20 de setembro o XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros, a proba de ultrafondo máis importante do atletismo internacional

Multimedia

  • Ames acollerá o 20 de setembro o XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros, a proba de ultrafondo máis importante do atletismo internacional
  • Ames acollerá o 20 de setembro o XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros, a proba de ultrafondo máis importante do atletismo internacional
  • Ames acollerá o 20 de setembro o XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros, a proba de ultrafondo máis importante do atletismo internacional