- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a inauguración da décimo oitava edición da Xornada de técnicos/as e voluntarios/as, que organiza a entidade Special Olympics Galicia, coa colaboración do Concello de Ames e da Conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. A xornada foi inaugurada pola directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e o alcalde de Ames, Blas García. Con esta actividade comeza a tempada deportiva 2026 de Special Olympics Galicia, que durará ata decembro con competicións deportivas cada mes.
O Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación da XVIII Xornada de persoal técnico e voluntario dos Xogos Autonómicos para persoas con discapacidade intelectual, organizados por Special Olympics Galicia, que xuntou este sábado 14 de febreiro na Casa da Cultura de Bertamiráns arredor de 59 participantes de nove entidades das catro provincias galegas.
A xornada realízase en horario de 11:00 a 18:00 horas cunha pausa para xantar e inclúe diferentes relatorios no salón de actos e obradoiros no ximnasio do edificio. Esta actividade está subvencionada pola Consellería de Política Social e Igualdade e conta coa colaboración do Concello de Ames.
Special Olympics Galicia é a Asociación de Pais, Nais, Profesionais e Amizades de persoas con discapacidade intelectual, que ten como finalidade a promoción e a inserción social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer o tempo libre, a cultura e o deporte.
O evento contou coa presenza da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García; a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz; o delegado do Reitor para o Deporte da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Rico; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o vicepresidente de SOG, Julio Cortiñas, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García; e o xerente de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, Manel Fernández.
Un día cheo de relatorios e actividades
A xornada comezou ás 11.00 horas co acto de inauguración a cargo das personalidades presentes, que deron paso, ás 11.40 horas, ao relatorio de introdución ao squash, impartido por Borja Golán Santín, ex xogador profesional e actual seleccionador español do equipo masculino absoluto. Durante a súa intervención, estivo acompañado dos xogadores Manuel Luaces e Miguel Arias.
Arredor das 12.45 horas, Sara Sánchez e Sara Rodríguez, responsables da Rede Galega de Promoción da Saúde, impartiron un interesante relatorio sobre as estratexias e ferramentas coas que conta esta entidade. Unha vez finalizada a súa exposición, a psicóloga do Centro Ricardo Baro Aspronaga, Lúa Clara Bretón, completou a temática relacionada coa saúde cun relatorio sobre a convivencia nas actividades de ocio e deporte.
Logo dunha pausa para o xantar, xa na quenda de tarde, participaron integrantes do Club Deportivo Santiago Black Ravens de fútbol americano e achegaron ao público as claves para unha boa iniciación e a motivación práctica necesaria neste deporte que cada vez vai collendo máis adeptos no noso territorio.
Para finalizar cos relatorios, a coordinadora da comisión intersectorial de psicoloxía e deporte, María del Carmen González Hermo, compartira o seu coñecemento sobre os os beneficios da actividade física e o deporte, e como estes inciden de maneira positiva na calidade de vida das persoas e as súas implicacións no día a día.
Tras finalizaren os relatorios, sobre as 17.30 horas, deuse paso ao evento de clausura e entrega de diplomas aos asistentes. Ademais, de xeito paralelo a ditos relatorios, fóronse desenvolvendo numerosos obradoiros de índole práctico sobre eses mesmos eixos.
Novas relacionadas:
Ames Go: "Ames acolle a XVIII Xornada de técnicos voluntarios de Special Olympics Galicia"















