Solapas principales

Ames acolle unha xornada sobre mobilidade sustentable no marco da súa estratexia EDUSI, Impulsa Ames

Sábado, 21 de abril de 2018

A Casa Cultural do Milladoiro é o lugar elixido para a celebración da xornada de mobilidade sustentable o vindeiro mércores, 25 de abril, de 10:00 a 19:00 horas. O seu obxectivo é a reflexión e a posta en común de experiencias vinculadas á mobilidade urbana e á conectividade entre diferentes núcleos de poboación. Nela contarase coa participación de personalidades como José Blanco, membro do Parlamento Europeo, ou Julián Sastre, presidente do Instituto de Mobilidade, ademais dun elenco de profesionais expertos na materia. Esta iniciativa de comunicación enmárcase dentro da EDUSI Impulsa Ames, cofinanciada mediante o Programa Operativo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020.

A mobilidade sustentable considérase un dos obxectivos temáticos das estratexias de desenvolvemento urbano de toda Europa, motivo polo cal, no marco do proxecto de EDUSI Impulsa Ames, o Concello está a organizar a xornada Mobilidade sustentable en estratexias urbanas integradas. O obxectivo desta é reflexionar e contrastar diferentes propostas vinculadas coa mobilidade urbana e a conectividade entre diferentes núcleos de poboación metropolitanos.

Este evento está dirixido principalmente á cidadanía do municipio de Ames, ademais de técnicos urbanísticos, profesionais da mobilidade e arquitectos, así como calquera persoa interesada na temática que se vai tratar. As persoas interesadas en asistir ao devandito encontro poderán formalizar a súa inscrición no correo jornada.movilidad@ames.gal.

Programa da mañá
A xornada terá lugar o vindeiro mércores 25 de abril, en horario de 10:00 a 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A inauguración corre a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, que estará acompañado dun representante da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios. Logo desta, terá lugar unha mesa institucional sobre a mobilidade no sistema urbano galego na que intervirán un representante da Deputación da Coruña, un representante da FEMP e José Blanco, membro do Parlamento Europeo.

Tras esta mesa, dará comezo un relatorio marco sobre a mobilidade en transporte público nas áreas metropolitanas, no que se contará coa presenza do presidente do Instituto de Mobilidade, Julián Sastre, e a directora do Centro de Investigación do Transporte, Rosa Arce.

Ás 12:15 concederase un pequeno descanso de media hora, tras o que se celebrará outra mesa redonda enfocada na mobilidade na área metropolitana de Santiago. Nela o alcalde de Ames, José Miñones; o concelleiro de Mobilidade do Concello de Santiago de Compostela, Jorge Duarte; a concelleira de Transporte do Concello de Teo, Concepción García; o alcalde do Concello de Oroso, Manuel Mirás; e mailo alcalde do Concello de Brión, José Luís García, contarán a súa experiencia sobre este tema en cada un dos seus concellos.

Programa da tarde
Pola tarde, ás 17:00 horas, haberá outra mesa redonda. Neste caso abordarase a mobilidade urbana sustentable, os retos e os desafíos. O moderador será Esteban López, experto en mobilidade. Participarán Xavier Pont, coordinador de proxectos da Área de Urbanismo e Mobilidade da Axencia de Ecología Urbana de Barcelona; David Alvárez, consultor de Afora Tráfico y Transporte; e Manuel Márquez, xefe do Servizo de Planificación e Explotación da Dirección Xeral de Mobilidade da Junta de Andalucía. Ao remate desta mesa haberá unha rolda de preguntas e pecharase a xornada.

Cartel xornada de mobilidade