Solapas principales

Ames acolle o 9 de xullo un dos concertos do XIII Festival Peregrinos Musicais

Viernes, 30 de junio de 2023

O Teatro Principal de Santiago vén de acoller a xornada inaugural do XIII Festival Peregrinos Musicais, que rexistrou unha boa acollida cunha asistencia de máis dun cento de persoas. Diana Pogoshyan (violín), Jorge Suárez (cello) e Ilona Timchenko (piano) protagonizaron un concerto de apertura do evento. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Ames, Blas García, presidiron a inauguración oficial desta cita. Esta é a primeira das sete citas que se desenvolverán ata o 14 de xullo en distintos espazos emblemáticos de Santiago e tamén en Ames. Precisamente, o Pazo da Peregrina acolle o vindeiro domingo, 9 de xullo, ás 21.00 horas, un concerto dos gañadores do Certame Internacional de Novos Talentos.

Esta primeira sesión foi protagonizada por Diana Pogoshyan (violín), Jorge Suárez (cello) e Ilona Timchenko (piano). Os tres artistas interpretaron a obra En Memoria dun gran artista, coa interpretación do Trío élégiaque número 2 en re menor, Op 9. Trátase dunha obra de xuventude de Rachmaninoff, composta na honra de Pyotr Tchaikowsky e que nesta xornada de apertura se reconverteu nunha lembranza do grande compositor ruso, homenaxeado nesta décimo terceira edición con motivo do 150 aniversario do seu nacemento.

A apertura oficial do festival foi presidida polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde de Ames, Blas García, e pola directora técnica do evento, Ilona Timchenko. Lorenzo salientou a importancia de eventos como estes que “achegan unha programación cultural de calidade en Compostela”, ao tempo que se promoven “unhas xornadas de convivencia, de formación e intercambio entre artistas emerxentes de Galicia e doutras partes do mundo” e que funciona como espazo de encontro e promoción dos novos talentos.

O rexedor de Ames agradeceu á organización do Festival Peregrinos Musicales “a invitación a poder participar neste evento, xa que nos permite incorporar á programación o ámbito da música clásica e trasladar esta parte tan importante da cultura á ciudadanía”. Ademais, salientou a oportunidade que o evento brinda de “poñer en valor sitios tan emblemáticos como o Pazo da Peregrina”. Será neste lugar onde se celebre o concerto dos gañadores do Certame Internacional de Novos Talentos o vindeiro domingo 9 de xullo ás 21.00 horas.

Pola súa banda, Timchenko, deu a benvida ás persoas asistentes, ao tempo que salientou a importancia da figura de Rachmaninoff no programa desta décimo terceira edición do festival. Do mesmo xeito, lembrou que outra das grandes novidades será a xornada cidadá de Música nos Balcóns, que terá lugar o vindeiro día 7 de xullo pola tarde en distintos edificios entre a Praza do Toural e Praterías, concluíndo cun gran concerto final no Hostal dos Reis Católicos.

Concerto de piano a catro mans
O programa do Festival Peregrinos Musicales continúa hoxe venres, 30 de xuño, con outro concerto no Teatro Principal, tamén ás 20.30 horas e con entrada de balde. Desta volta, a actuación estará protagonizada polo Dúo Degas, composto polos pianistas Gala Chistiakova e Diego Benocci. Intepretarán nun dúo a catro máns a Morceaux, Rachmaninoff e tamén obras de Grieg e Liszt.

Música nos Balcóns
O XIII Festival Internacional Peregrinos Musicales continuará a vindeira semana cun concerto dos sete músicos galardoados no Concurso Internacional de Novos Talentos. Estes protagonizarán o venres, 7 de xullo a xornada Música nos Balcóns. Esta iniciativa inédita permitirá que os novos solistas poidan ofrecer a súa obra a pé de rúa, tocando en espazos emblemáticos do casco histórico.

A cita dará comezo ás 17.00 horas e contará con actuacións nos balcóns da Fundación Eugenio Granell; no Café Bar Casino de Santiago; na Fundación Torrente Ballester e na Casa do Cabido. O broche final desta xornada terá lugar co concerto de todos os galardoados no Hostal dos Reis Católicos, a partires das 21.00 horas. De novo, a entrada é de balde. Toda a información e programa completo do festival, na web de peregrinos musicais.

Concerto de novos talentos en Ames
Posteriormente, o domingo 9 de xullo, os xóvenes talentos que participan no festival actuarán ás 21.00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, no que é unha das grandes novidades desta edición. Ademais, o martes, 11 de xullo, ás 20.30 horas, no auditorio de Galicia os gañadores do Certame Peregrinos Musicais actuarán coa Real Filharmonía de Galicia.

Diana Pogoshyan (violín), Jorge Suárez (cello) e Ilona Timchenko (piano) protagonizaron un concerto de apertura do evento

Multimedia

  • A apertura oficial do festival foi presidida polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde de Ames, Blas García, e pola directora técnica do evento, Ilona Timchenko
  • Diana Pogoshyan (violín), Jorge Suárez (cello) e Ilona Timchenko (piano) protagonizaron un concerto de apertura do evento
  • A apertura oficial do festival foi presidida polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde de Ames, Blas García, e pola directora técnica do evento, Ilona Timchenko
  • Diana Pogoshyan (violín), Jorge Suárez (cello) e Ilona Timchenko (piano) protagonizaron un concerto de apertura do evento
  • O Teatro Principal de Santiago vén de acoller a xornada inaugural do XIII Festival Peregrinos Musicais, que rexistrou unha boa acollida cunha asistencia de máis dun cento de persoas