Solapas principales

Ames acolle a exposición e a presentación do libro fotográfico “100 Lugares Máxicos do Camiño”

Viernes, 14 de octubre de 2022

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle do 13 ao 20 de outubro a exposición fotográfica “100 Lugares Máxicos do Camiño”. A mostra recolle algunhas das instantáneas incluídas no libro homónimo, que será presentado o próximo luns 17 de outubro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:00 horas, coa presenza do autor, o fotógrafo Adolfo Enríquez.

O proxecto “100 Lugares Máxicos do Camiño” está apoiado polo programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e sérvese de fotografías de alta calidade para trasladar a riqueza paisaxística, natural, patrimonial e cultural do Camiño de Santiago. O concepto detrás da iniciativa é multiplicar o potencial turístico dos destinos incluídos nos itinerarios xacobeos, dotándoos dun compoñente case “máxico” a través da visión única do fotógrafo. Así, para as postais do proxecto, Adolfo Enríquez busca a diferenciación a través de elementos como a perspectiva, o encadre ou a luz.

Tanto a publicación como a exposición están organizadas arredor dos 10 roteiros oficiais do Camiño de Santiago, incluíndo fotografías a toda cor dos principais núcleos de interese polos que discorre cada un deles.

A mostra fotográfica, que ao longo do mes de outubro visitará os concellos de Ames, Ordes, Melide, Padrón e Catoira, promove a promoción cruzada dos itinerarios. Así, nas exposicións instaladas en cada municipio inclúense imaxes do trazado correspondente, pero tamén do resto de Camiños.

A edición física do libro será presentada o vindeiro luns 17 no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A cita será ás 20:00 horas e contará coa presenza do fotógrafo Adolfo Enríquez, profesional de referencia para a promoción turística de Galicia e do Camiño de Santiago, con múltiples recoñecementos nacionais e internacionais, entre os que destacan os seus 9 Premios de Fotografía Profesional Lux; Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021-2022, e a da concelleira de Cultura de Ames, Natividade González.

Co fin de lograr unha maior difusión do proxecto e contribuír a través do mesmo á promoción do Camiño de Santiago e do seu extenso patrimonio paisaxístico, cultural e arquitectónico, o libro é accesible en formato dixital a través da web www.100lugaresmaxicos.com. Ademais, a totalidade das imaxes incluídas no mesmo están postas ao dispor de usuarios particulares, institucións e empresas para o seu uso libre de dereitos a través do perfil de Flickr do fotógrafo. Con esta iniciativa preténdese xerar un repositorio de imaxes de gran calidade, que poida utilizarse de forma gratuíta para contribuír ao posicionamento do Camiño e a marca Galicia.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Las mejores fotos con magia animan al Camino en A Maía"

Imaxe da Ponte Maceira. Fotografía de Adolfo Enríquez

Multimedia

  • Ames acolle a exposición e a presentación do libro fotográfico “100 Lugares Máxicos do Camiño”
  • Ames acolle a exposición e a presentación do libro fotográfico “100 Lugares Máxicos do Camiño”
  • Imaxe da Ponte Maceira. Fotografía de Adolfo Enríquez