[08-03-2017] A segunda proba do circuíto Transgalaica celebrarase este domingo, 12 de marzo, no concello de Ames. A única etapa que transcorre na provincia da Coruña -as tres restantes desenvólvense por diferentes concellos da provincia de Pontevedra- é posible grazas á iniciativa do Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, que conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase ás 9:30 horas dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para esta proba xa hai preto de 350 ciclistas anotados. O prazo de inscrición remata este xoves, 9 de marzo, ás 20:00 horas. As inscricións pódense realizar en www.magmasports.es
A segunda edición da Transgalaica Concello de Ames ten un circuíto de 33 quilómetros pertencente á modalidade de ciclismo de montaña XC-maratón. Esta proba discorre por Covas, Ventosa, monte de San Marcos, pasa ao carón do rego de Riamonte, sube ata o alto de Liñaredo, continúa pola praia fluvial de Tapia e pola estrada que vai Seares de Arriba a Lens, pasando pola baixada de Pegariños ata que chega de novo ao Pazo da Peregrina. Poderán participar todos os corredores con licenza en vigor da tempada 2017 e aqueles que tramiten licenza de 1 día (o custo da licenza de 1 día é de 10 euros e só se poderá tramitar ata 48 horas antes da proba).
As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (júnior, S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (júnior, S23, elite e máster) e Open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). Para esta proba hai preto de 350 ciclistas anotados. O prazo de inscrición remata este xoves, 9 de marzo, ás 20:00 horas. As inscricións pódense realizar en www.magmasports.es. Para os non federados o custo é de 25 euros (15 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día), mentres que os feferados teñen unha cota de inscrición de 15 euros.
O inicio da proba está programado para as 9:30 horas. Un cuarto de hora antes configurarase a grella de saída. A orde de saída estará determinada nos seus 35 primeiros postos polas 35 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e open. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 50 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A entrega de trofeos realizarase aproximadamente ás 13:30 horas.
A primeira proba da Transgalaica 2017 tivo lugar o pasado 26 de febreiro nos concellos de Cerdedo e Cotobade. Agora, tócalle a quenda a proba que se realiza en Ames, quedando aínda outras dúas probas, que se desenvolverán o 26 de marzo no concello da Estrada e o 9 de abril en Vigo.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames acoge el domingo la segunda prueba del circuito Transgalaica"
La Voz de Galicia: "Acaba el plazo de inscripción en la Transgalaica de Ames"