Solapas principales

Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual

Martes, 07 de julio de 2026

O Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia, celebrou hoxe martes, 7 de xullo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, o foro Horizonte fogar digno. O alcalde de Ames, Blas García, abriu o foro cunha exposición sobre a situación da vivenda en Ames e sobre a acción municipal que se está realizando. A continuación realizouse unha mesa redonda sobre como se aborda a problemática da vivenda dende as distintas administracións e a colaboración interinstitucional. O peche institucional correu a cargo do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. A gravación do foro pódese ver premendo nesta ligazón.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá o foro Horizonte fogar digno ao que asistiu o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o alcalde de Ames, Blas García; e concelleiros/as da Corporación municipal. Ademais, participaron como poñentes nunha mesa redonda: o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; a representante da FEGAMP e concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo, María Xosé Caride; e o responsable xurídico da Empresa Municipal de Vivienda, Servizos e Actividades - EMVSA do Concello da Coruña, Jacobo Hortas.

O foro comezou co alcalde de Ames, Blas García, facendo unha exposición sobre a situación da vivenda en Ames e sobre a acción municipal que se está realizando. En primeiro lugar o rexedor amesán escusou a ausencia da conselleira María Martínez Allegue e agradeceu expresamente “a colaboración institucional que o Concello está mantendo coa Xunta de Galicia en materia de vivenda, especialmente nos últimos meses, que permitiu desbloquear proxectos estratéxicos para Ames. A conselleira ía estar neste foro xunto ao delegado do Goberno, Pedro Blanco, pero as súas obrigas no Parlamento Galego fixeron incompatible a súa participación no evento”.

Blas García incidiu en que a vivenda é un problema transversal que afecta a toda a sociedade. “Afecta á economía, á natalidade, á igualdade de oportunidades, á competitividade dos territorios, á capacidade de atraer talento, á conciliación, á emancipación da mocidade, e mesmo á saúde mental de milleiros de persoas. A cidadanía non entende de competencias, a cidadanía entende de solucións. O que lle importa é poder acceder a un fogar. Por iso creo sinceramente que este é un dos asuntos nos que sobra o ruído político e fai falta máis cooperación lealdade institucional. Todas as administracións con e sen competencia chegamos tarde nesta problemática, por iso é fundamental a cooperación e lealdade institucional”.

“Un contrato de traballo xa non garante poder acceder a unha vivenda. A vivenda xa non é só unha política urbanística, é unha política social, económica, demográfica e de igualdade. Creo sinceramente que xa non estamos diante dun problema municipal, aínda que todas as administracións teñamos que poñer da nosa parte. Nin sequera completamente autonómico ou estatal: estamos diante dun desafío de país.  A política de vivenda non pode converterse nun espazo de confrontación permanente. Ten que ser un espazo de cooperación permanente. En Ames decidimos actuar con esa filosofía: non esperar e non buscar escusas. Tratamos de buscar acordos, colaboración e solucións”.

Que está facendo o Concello de Ames en materia de vivenda?
Blas García dixo que a primeira liña de actuación é a colaboración institucional para crear vivenda pública. “Froito dese traballo asinouse o protocolo de cesión de seis parcelas municipais ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, que supón máis de 6.100 metros cadrados de solo, para construír 218 vivendas de protección oficial. O investimento previsto pola Xunta para a edificación supera os 40 millóns de euros e permitirá desenvolver un dos maiores proxectos públicos de vivenda do municipio”.

A segunda liña de actuación que destacou foi a mobilización de vivenda baleira. “Unha das iniciativas das que máis orgullosos nos sentimos, no marco do convenio entre a FEGAMP e o IGVS, é que conseguimos incorporar 68 vivendas baleiras dunha entidade financeira ao programa de alugueiro social, das cales 55 están adxudicadas. Ao mesmo tempo, seguimos abrindo novas vías e mantemos conversacións coa SAREB para estudar a cesión ou desenvolvemento de parcelas que permitan construír máis vivenda protexida e crear tamén novos espazos públicos e zonas verdes, especialmente no Milladoiro e Bertamiráns”.

“A terceira liña de actuación é favorecer a construción de promotoras privadas. O Concello puxo á venda cinco parcelas municipais en Bertamiráns destinadas á promoción residencial. Máis de 2.800 metros cadrados de solo ao servizo dun obxectivo claro: incrementar a oferta de vivenda. Estas parcelas estanse sacando a licitación a un prezo asequible, para conseguir incrementar a oferta de vivenda, e tamén co obxectivo de que os baixos pasen a ser de titularidade municipal e que os promotores poidan ceder pisos ao Concello para despois destinalos a vivenda social. Unha das cinco parcelas que puxemos á venda xa está adxudicada e iremos sacando máis parcelas á venda”.

“A cuarta liña de actuación na que estamos traballando é o proxecto de vivenda colaborativa interxeracional para axudar á mocidade, facilitar o acceso á vivenda e para combater a soidade non desexada das persoas maiores. Isto permitiría a convivencia de persoas mozas e maiores que poidan axudarse mutuamente. Ademais, estamos traballando para modificar o uso do solo municipal, para poder xestionalo directamente por parte do Concello, e así podes acelerar a construción de novas vivendas no Milladoiro e Bertamiráns. Seguramente se podería facer máis, pero nos Concellos temos un grave problema de falta de persoal técnico que permita realizar máis proxectos”.

A problemática da vivenda dende a perspectiva de distintas administracións
A continuación, realizouse unha mesa redonda na que se abordou a problemática da vivenda dende a perspectiva de distintas administracións. En dita mesa de debate participaron o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; a representante da FEGAMP e concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo, María Xosé Caride; e o responsable xurídico da Empresa Municipal de Vivienda, Servizos e Actividades - EMVSA do Concello da Coruña, Jacobo Hortas.

O alcalde de A Estrada, Gonzalo Louzao, destacou que “como non pode ser doutra maneira, A Estrada tamén lle afecta o gran problema da vivenda. Na Estrada estivemos un tempo coa tramitación de licenzas paralizada. Agora estamos na fase de licitación dunha promoción de 28 vivendas. Os concellos pequenos temos dificultades e dispoñemos de menos recursos para adoptar medidas efectivas en materia de vivenda. Ao haber pouca iniciativa privada hai escaseza de vivenda, por iso deben implicarse o Estado e a Xunta, para tratar de duplicar o parque de vivenda pública”.

Louzao tamén dixo que “no Concello de A Estrada estamos traballamos en varias liñas de actuación: na construción de nova vivenda e sendo áxiles no departamento de urbanismo na tramitación de licencias. Detectamos que existen unhas 3.000 vivendas baleiras nun parque de 12.000 vivendas que temos na Estrada. A maior parte son  vivendas que están en malas condicións co cal sería necesario dispor de medidas de financiamento para poder rehabilitar ditas vivendas e que pasan e formar parte do parque de alugueiro”.

Por outra banda, a representante da FEGAMP e concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo, María Xosé Caride, destacou o problema que existe no prezo no alugueiro. “Na actualidade quen aluga unha vivenda elixe ao inquilino, por iso moitas familias non poden alugar unha vivenda. Boa parte da renda familiar ten que dedicarse a pagar o alugueiro. Os concellos non temos competencia en materia de vivenda e non resulta doado promover proxectos urbanísticos para desenvolver solo porque a tramitación é lenta. En Vigo de 2008 ata 2026 non se construíu vivenda de protección. É necesario que a construción de vivenda pública sexa algo permanente no tempo”.

Caride explicou que en Vigo están traballando na mobilización de vivenda baleira. “Existen 7.500 vivenda baleiras que se poderían incorporar ao mercado de alugueiro, a través da súa rehabilitación e dándolle seguridade ao propietario para que incorpore a vivenda ao mercado. A través do programa Vive Vigo, o propietario pode facer un contrato co Concello de Vigo, que é o que lle paga o alugueiro. Posteriormente, o Concello de Vigo arrenda as vivendas ás persoas que cumpran coas condicións requiridas. Ademais, contamos cunha partida de 2 millóns de euros para comprar vivendas baleiras, a través do plan Compro vivenda, para destinalas a alugueiro”.

O responsable xurídico da Empresa Municipal de Vivienda, Servizos e Actividades - EMVSA do Concello da Coruña, Jacobo Hortas, dixo que “cremos que o parque público de vivenda no conxunto do Estado é moi reducido. Temos que impulsar todas as medidas posibles para que este parque público de vivenda se sitúe ao nivel do resto de Europa. En España as vivendas que son de titularidade pública non chegan a 320.000 e o parque social de vivenda non chega ao 3,5% do total. En Europa a media é do 9% e incluso nos países nórdicos e nos Países Baixos esta media é do 20%. Temos un problema de falta de vivenda de titularidade pública e todo o que sexa adoptar medidas para a construción de nova vivenda parécenos moi interesante, pero non só iso, porque temos un parque de vivenda en España moi vello e é necesario mobilizar vivenda que está en desuso”. 

Tamén dixo que “nós no Concello da Coruña fomos o primeiro concello en impulsar unha Zona de Mercado Residencial Tensionado que abrangue a todo o municipio. Aínda é pronto para facer un balance, farémolo cando se cumpra un ano da súa posta en funcionamento, pero parece que o balance é bo en canto a que baixou o prezo de alugueiro”. Ademais destacou que “é necesario dotar de seguridade xurídica a todos os axentes implicado no ámbito do urbanismo e que haxa unha normas claras”.

Peche institucional
O peche institucional correu a cargo do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que destacou “a vivenda é o principal problema da sociedade española, así o reflicten as enquisas. E esa tamén é a primeira preocupación dos galegos e das galegas. Detrás deses datos hai persoas: hai mozos e mozas que atrasan o seu proxecto de vida porque non poden emanciparse, hai traballadores que destinan unha porcentaxe cada vez maior do seu salario ao pago dunha renda ou dunha hipoteca, hai familias que viven coa incerteza de non saber se poderán seguir vivindo no seu barrio ou mesmo no seu concello, por iso lexislar sobre vivenda non é unha cuestión secundaria nin unha cuestión económica; é un acto de xustiza social, é garantir un dereito”.

Ademais, engadiu “sabemos que non existen solucións máxicas de aí que a resposta deba ser estrutural, mantida no tempo e apoiada no amplo consenso institucional que nazan da escoita, do diálogo e da cooperación. As receitas témolas claras: intervención pública, colaboración público privada e, sobre todo, recursos ou dito doutro xeito debemos executar políticas sociais e valentes. Políticas que entendan que o mercado por si só non garante o dereito á vivenda, que dende as administracións debemos exercer un papel activo na planificación, na protección e na promoción do parque público residencial e que a colaboración co sector privado é necesaria sempre que estea orientada ao interese xeral e non á especulación”.

Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual

Multimedia

  • Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual
  • Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual
  • Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual
  • Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual
  • Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual
  • Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual
  • Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual
  • Ames aborda o acceso a unha vivenda digna como un dos maiores desafíos da sociedade actual