- Tematica
Dende este venres 29 de agosto e ata o domingo 31 de agosto, a parroquia da Ameixenda celebra as súas tradicionais festas na honra de Santa Mariña. Durante os vindeiros días haberá misas e pasarrúas, verbenas e sesións vermú. Estas festas contan coa colaboración do Concello de Ames. O domingo 31, ás 20.00 horas, haberá un concerto a cargo do grupo Alana, que está a presentar o seu primeiro traballo “O xeito á cantigha”.
A parroquia de Santa Mariña da Ameixenda comeza este venres 29 de agosto as festas na honra da súa patroa, Santa Mariña. As celebracións estenderanse ata o domingo 31 de agosto e terán lugar no campo da festa da parroquia amesá.
Durante a primeira xornada das festividades desenvolverase unha misa solemne na honra da Virxe das Dores e da Santa Mariña a partir das 13:00 horas. A continuación, haberá sesión vermú co grupo “Mar de Arousa”, fundado no 2015 e que conta cun repertorio para todas as idades. Xa pola noite, a veciñanza poderá gozar dunha verbena a cargo dos grupos Eureka e, de novo, Mar de Arousa.
As festas continuarán o sábado 30 ás 13:00 horas cunha misa na honra do Santísimo Sacramento, cantada pola Coral Amigos de Javier Otero e ofrecida pola Familia Vázquez Pérez. A continuación, haberá pasarrúas co grupo tradicional “Requinta da Maía”. A sesión vermú rematará coa actuación do trío “Manhattan”. Xa pola noite, actuará o grupo “Euphoria”, unha formación procedente de Ponferrada que comezou a actuar o ano pasado. Ademais, tamén volverá a actuar o trío “Manhattan”. Neste segundo día de festexos, haberá inchables durante toda a xornada.
Por último, o domingo 31 pecharanse as festas cunha nova misa na honra da Virxe do Rosario, ofrecida polas familias Mato e Corral. De seguido, pasarrúas co grupo tradicional “Os Retranqueiros” e sesión vermú da man do trío “Arena”.
No fin de festa terá lugar unha das citas máis destacadas dos festexos, co concerto de Alana, ás 20.00 horas. O proxecto musical formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, no que se combinan os sons da nosa música tradicional con ritmos de música electrónica e pop, estará a presentar o seu primeiro traballo “O xeito á cantigha”, publicado no pasado ano 2024. Ademais da actuación de Alana, á noite actuará de novo o trío “Arena”. Nesta xornada volverá haber inchables para os nenos e nenas durante todo o día.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ameixenda celebra as súas festas na honra de Santa Mariña"
Xornal de Compostela: "A Ameixenda celebra esta fin de semana as festas de Santa Mariña"







