- Tematica
"Altamira Brilla", a primeira festa da historia da comarca da Maía, adíase até o vindeiro 24 de outubro a causa da previsión de chuvias. A convocatoria continuará co mesmo programa e as entradas xa mercadas serán válidas para a nova xornada.
A festa que conmemora por primeira vez a Batalla de Altamira cambia de data a causa das previsións meteorolóxicas e trasládase ao vindeiro 24 de outubro. As persoas que xa mercaran as entradas -que a día de hoxe estaban esgotadas- poderán conservalas para a nova data mentres as que non poidan asistir terán posibilidade de recuperar o pago a través da plataforma de compra.
O vindeiro día 24 de outubro, a convocatoria promovida polos Concellos de Ames e Brión, e pola Deputación da Coruña, continuará co mesmo programa, que se iniciará coa presentación na xornada de mañá do libro "A Batalla de Altamira" por parte das autoras, as historiadoras Mercedes Vázquez e María Pilar Rodríguez, ademais do arquitecto Mario Crecente que dará conta das actuacións que está a preparar a Deputación da Coruña no monumento.
Pola tarde, está confirmada a participación da compañía teatral Os Quinquilláns que representará a batalla de Altamira, no propio escenario das Torres, unha posta en escena á que seguirá un convivio con bebidas e petiscos para as persoas participantes antes de que o concerto de Baiuca poña fin á primeira festa histórica da Maía.
Conmemoración histórica
"Altamira Brilla" recupera a historia da Batalla de Altamira, que ten tres lugares que foron claves: Augapesada, A Ponte Maceira e as Torres de Altamira. Augapesada foi o lugar no que se reuniron as tropas aliadas dos Moscoso e de onde partiron cara as Torres. Outros dos lugares claves da Batalla de Altamira foi A Ponte Maceira porque alí esperaron as tropas do Arcebispo Afonso de Fonseca II os reforzos que viñan da Costa da Morte para axudar aos Moscoso.
O terceiro lugar a destacar son as Torres de Altamira porque alí desenvolveuse a loita máis grande. Mentres parte das tropas do Arcebispo estaban na Ponte Maceira, chegaron as outras dende Augapesada en axuda dos Moscoso. Cando os de Ponte Maceira chegaron ás Torres, a batalla xa estaba perdida para o Arcebispo.
Ben de Interese Cultural
As Torres de Altamira están consideradas Ben de Interese Cultural e situadas nun espazo privilexiado que as converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construído no século IX sobre o que foi un castro celta, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1.471. Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría ao deterioro do ben que a finais do século XIX foi utilizado como "canteira" para a construción.
A Deputación da Coruña mercou a propiedade en 1.973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres, ademais dalgunhas ventás con arcos da reconstrución de 1.471.