Solapas principales

Alberto Reques del Río e Diego Penche Pérez son os arquitectos gañadores do concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do centro multidisciplinar do Milladoiro

Miércoles, 20 de enero de 2021

Hoxe, ás 12.30 horas, realizouse un acto público no salón de plenos da Casa do Concello no que se coñeceron os/as gañadores do concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do centro multidisciplinar do Milladoiro. Dito acto tamén se puido seguir de xeito telemático. O xurado ditaminou que a proposta gañadora é a dos arquitectos Alberto Reques Pérez e Diego Penche Pérez. Eles serán os encargados da redacción do proxecto e da dirección de obra. O edificio que se construirá estará dedicado a un centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica. Estará dirixido á mocidade e a persoas en proceso de inserción socio-laboral para favorecer a inclusión social e a loita efectiva contra a discriminación.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Un dos proxectos que se van executar é a creación e dotación dun centro de ocio, cultura e promoción económica no Milladoiro. Esta actuación enmarcase no Obxectivo Temático 9 para promover a inclusión social e loitar contra a pobreza.

Este proxecto ten un orzamento total de 1.200.000 euros, dos cales 960.000 euros serán sufragados con fondos europeos e os 240.000 euros restantes serán fondos propios municipais. O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro.

Este centro entenderase como un espazo de convivencia, de intercambio, colaboración e formación da mocidade do municipio e debe pór á súa disposición, actividades e servizos adecuados ás súas necesidades e intereses. Ademais, o centro usarase tamén como espazo de reunión de diferentes colectivos de Ames (ANPAS, asociacións culturais, colectivos desfavorecidos, grupos musicais ou asociacións deportivas).

O obxectivo que se pretende con esta actuación é poñer a disposición da mocidade e das persoas en risco de exclusión social un espazo de convivencia, de intercambio, colaboración e formación, así como crear un espazo que favoreza a inclusión social e a loita efectiva contra a discriminación.

Dotación de espazos e equipamentos
O centro dotarase dos espazos e equipamentos que sexan necesarios co obxectivo de dispor de instalacións adecuadas: recepción; oficina de información e asesoramento xuvenil (OMIX); patio exterior; aula taller; espazo creativo; auditorio; sala de lectura; sala 4.0; salas de reunións; aseos; sala deportiva/baile; unha sala de ensaios musicais; etc.

Asimesmo, será un requisito que o espazo teña capacidade para albergar despachos ou salas de formación totalmente equipados para os colectivos máis desfavorecidos, de forma que os cursos de emprendemento ou talleres de emprego poidan levarse a cabo nestas instalacións.

Doutra banda, acondicionarase a contorna inmediata do centro, dotándoo de aparcadoiro, zonas verdes con árbores e espazos de descanso con iluminación e mobiliario urbano que permitan o seu uso nos meses de verán como área de lecer urbano.

Concurso de ideas
Para a construción de dito centro decidiuse realizar un concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción conxuntamente co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Unha vez finalizado dito concurso, este mércores 20 de xaneiro, deuse a coñecer a proposta gañadora nun acto público realizado no salón de plenos da Casa do Concello, que tamén se puido seguir de forma telemática.

En dito acto participaron o presidente do xurado e concelleiro de Administración Xeral do Concello de Ames, Víctor Fernández; a secretaría que corre a cargo de persoal funcionario do servizo de Contratación do Concello de Ames; os arquitectos Alberto Redondo Porto e Luís Gil Pita, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que actúan como vogais; o arquitecto representante dos concursantes elixido por maioría que é Carlos Quintáns Eiras, e maila a arquitecta do Concello de Ames, Marta Bellas, que actúa tamén como vogal.

Gañadores/as do concurso
Deste xeito, o xurado ditaminou que a proposta gañadora é a dos arquitectos Alberto Reques Pérez e Diego Penche Pérez. Recibirán como premio 20.000 euros que forman parte da contraprestación polos traballos de redacción e dirección de proxecto. O segundo premio recaeu en Iván Lozano Pereira, que foi premiado con 6.000 euros. O terceiro premio dotado con 3.000 euros foi para Juana María Sánchez Gómez, Diego Jiménez López e Jorge Salguero Ropero. Por último, outorgáronse dous accésits dotados de 500 euros cada un. O primeiro accésit foi para Carlos A. Pita Abalo e o segundo para Pilar Cano-Lasso Carretero.

O xurado tivo que valorar unhas 140 propostas que foron as que se presentaron a este concurso de ideas. Finalmente, a proposta gañadora obtivo un total de 91 puntos. A segunda mellor proposta obtivo 83 puntos e a terceira 73. Os dous accésits son para a cuarta mellor proposta que tivo 71 puntos e para a quinta mellor proposta que conseguiu 68 puntos.

Características do proxecto gañador
O proxecto gañador ten como obxectivo xerar un espazo que vaia máis alá do concepto tradicional de centro cultural e xuvenil, para converterse nun centro dinámico, social e cultural para a veciñanza amesá. A proposta dispón de dous elementos fundamentais: por un lado un gran espazo público, que se desenvolve na totalidade da parcela, con espazos que poden albergan diferentes actividades ao aire libre; e por outro un edificio compacto e estratificado en catro plantas onde se van a desenvolver os usos propios do centro multidisciplar.

A liberación do plano do chan permite a este edificio gañar altura e erixirse como un referente urbano, que busca ser un lugar de atracción e reunión para a veciñanza do Milladoiro e de todo Ames. No seu interior terá espazos moi versátiles e flexibles, definidos tan só polas súas cualidades ambientais (lumínicas, térmicas, visuais, etc). Estas cualidades varían ao longo dos tres estratos que compoñen o proxecto, ao igual que as súas condicións materiais.  

O centro multidisciplinar divídese en tres estratos que forman catro plantas incluíndo a planta baixa da praza. En todas elas pódese atopar un elemento ou núcleo central que alberga de forma concentrada as instalacións, servizos e comunicacións verticais. Este núcleo, por razóns de necesidades de soleamento e vistas ao exterior situase na zona norte, deixando un espazo con respecto á fachada no que se atopan as escaleiras que comunican o segundo e terceiro estrato.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia:  "El multiusos de O Milladoiro estará construido sobre pilares para aprovechar todo el terreno"

El Correo Gallego: "Diseñan un cubo de cuatro pisos en Milladoiro como sede de su multifuncional"

Compostela 24Horas: "Alberto Reques del Río e Diego Penche Pérez serán os artífices do centro multidisciplinar para O Milladoiro"

Proposta gañadora do concurso de ideas

Multimedia

  • Esta mañá reuniuse o xurado do concurso de ideas
  • Proposta premiada co segundo premio do concurso de ideas
  • Proposta premiada co terceiro premio do concurso de ideas
  • Proposta premiada co primeiro accésit do concurso de ideas
  • Proposta premiada co segundo accésit do concurso de ideas