Solapas principales

A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou un total de 1.105 servizos no ano 2019

Martes, 24 de marzo de 2020

A Agrupación de Protección Civil de Ames fai balance do ano 2019, un ano caracterizado polos avances producidos na agrupación tanto a nivel de incremento de recursos materiais e humanos, así como de mellora da formación do persoal. En total, realizaron un total de 1.105 servizos, unha cifra que baixou en 229 dende o ano anterior, pero que aínda así, segue a ser moi alta. 

A Agrupación de Protección Civil de Ames naceu en setembro de 2017, con 15 voluntarios e voluntarias, que se foron incrementando ao longo dese ano chegando aproximadamente ás 20 persoas operativas. Na actualidade, o número de persoas que forman parte da agrupación é de preto de 40, as cales contan cunha ampla formación para atender con tranquilidade e seguridade á veciñanza amesá.

Cómpre mencionar o importante salto cualitativo que deron como agrupación, especialmente tendo en conta que este se realizou en menos de tres anos. Así, as voluntarias e voluntarios contan actualmente cos dous vehículos: un Nissan Qashqai e unha pick-up Nissan Navara, dotada de botiquín, lanternas, un cabrestante e demais equipamento. Tamén se conta con dúas bicicletas para realizar traballos de control do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames e cun remolque.

Este último está equipado co seguinte material: unha motoserra, material de seguridade viaria con reflectores e conos, un xerador, e material para inundacións, con dúas bombas de achique, unha a gasolina e outra eléctrica. A maiores, o remolque trae un proxector e unhas gomas para impulsar a auga. Ademais, a agrupación tamén conta con outros medios que facilitan o seu traballo como equipamento de sinalización, equipos de comunicación, vestimenta de protección, e diverso material sanitario.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, destaca “o importante traballo que realizan os/as voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil, que entregan o seu tempo libre para colaborar e axudar. Na actualidade sería xa impensable non poder dispor da súa presenza e da súa cooperación tanto nas emerxencias, como na organización de eventos, a recollida de animais abandonados, a eliminación da avespa velutina, a formación, etc”.

Servizos realizados no ano 2019

No ano 2019 Protección Civil de Ames realizou un total de 1.105 servizos, e aínda que a cifra é inferior á do ano anterior (1.334 servizos no ano 2018), as cifras seguen a ser moi altas. A redución no número de actuacións seguramente sexa provocada polo descenso de animais soltos, ao baixar a recollida en 198. Un descenso motivado polo novo protocolo fixado entre a Agrupación de Protección Civil e a Concellería de Medio Ambiente.

De todo o ano, o mes con máis incidencias foi xullo, con 143 servizos realizados. Entre eles, 11 accidentes de estrada, 8 animais soltos, 25 avisos de velutinas, 3 incidencias de circulación, 1 informe xeral, 12 operativos de AVPC, 1 salvamento/rescate, 2 vertidos e 80 de outras incidencias.

En canto aos lugares do concello onde se levaron a cabo máis operativos e incidencias, o primeiro núcleo é O Milladoiro, levándose a cabo o 35% dos servizos. Posteriormente, Bertamiráns, co 27% das saídas e operativos, seguido das parroquias de Ortoño (7%), Ames (6%) e Transmonte (6%).

Estes servizos, realízanse moitas veces en colaboración con outras entidades. Así, ademais de colaborar de xeito habitual coa Policía Local de Ames, co 061 ou cos GES de Brión, tamén se destaca as intervencións realizadas coa Garda Civil (accesos a vivendas por diversas razóns, busca de persoas ou limpezas viarias), Garda Civil de Tráfico, Seprona, Distrito Federal III e bombeiros. Ademais, Protección Civil de Ames tamén colabora con entidades ou centros para a realización de simulacros ou charlas sobre asuntos relacionados coas emerxencias e a Protección Civil.

O presidente de dita agrupación, Juan Pérez Crespo, destaca a calidade e profesionalidade do voluntariado de Ames. “Neste dous anos e medio que leva funcionando esta agrupación formouse un grupo de voluntarios e voluntarias que traballan de xeito moi serio e profesional. Teño que agradecer o traballo desinteresado que realizan todos os/ás voluntarios/as porque cada día que pasa é máis necesario estar actualizado no eido da formación, para desenvolver o seu traballo, e todos/as amosan constantemente interese por estar actualizados en dita formación”.

Obxectivos para o ano 2020

Os obxectivos con respecto a este ano son variados, pero non distantes da liña de traballo que está levando a cabo a agrupación nestes dous anos e medio. Entre eles, seguir apostando pola formación dos voluntarios e voluntarias, incrementar o material (cunha carpa que sirva para a montaxe do Posto de Mando ou para Hospital en función dos servizos a desenvolver) e aumentar o equipo de voluntarios/as.

Tamén se pretende dotar ao núcleo do Milladoiro dun espazo (ou base) permanente na que poder gardar material e poder atender á veciñanza, e seguir apostando pola mellora no material sanitario e a atención de primeiros auxilios, así como reforzar a vixilancia e control no Camiño de Santiago.

 

Protección Civil de Ames - curso de salvamento

Multimedia

  • Protección Civil de Ames
  • Protección Civil de Ames
  • Protección Civil de Ames
  • Protección Civil de Ames
  • Protección Civil de Ames
  • Protección Civil de Ames