Solapas principales

A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou preto de 700 servizos durante o ano 2025

Domingo, 15 de marzo de 2026

A AVCP de Ames fixo balance dos servizos realizados durante o ano 2025, dando unha cifra de 684 intervencións. Durante estes 12 meses, as xestións máis recorrentes foron as recollidas e xestión de animais, os accidentes de tráfico e a limpeza das vías por caídas de árbores. Cómpre destacar que os meses de xaneiro e novembro estiveron marcados por fortes borrascas.

A Agrupación de Protección Civil de Ames presentou o informe anual coas incidencias socorridas polo corpo durante o pasado 2025, no que mantivo o seu crecemento como grupo e a súa capacidade de actuación. O número total de servizos realizados no municipio foi de 684, nos que destaca, con máis do 50% das intervencións, as recollidas e xestión de animais, tanto domésticos como salvaxes.

Recollida e xestión de animais
O ano 2025 da AVPC de Ames estivo marcado polos servizos de axuda aos animais. Durante estes 12 meses foron ata 342 intervencións, arredor do 50% do total de emerxencias, as que involucraron a cans, gatos, xabaríns, corzos, aves ou velutinas, entre outra fauna. Dentro desta categoría destacan varias actuacións, como animais perdidos, fauna salvaxe atropelada, ou animais mortos na vía. 

Tamén durante este ano, e froito dun brote de panleucopenia (enfermidade viral altamente contaxiosa e frecuentemente mortal, causada polo parvovirus felino), houbo un cambio no protocolo de actuación, polo que se derivaron os gastos a veterinarios privados no canto de trasladalos á clínica veterinaria habitual. 

Accidentes de tráfico 
Outras das intervencións máis recorrentes foron as relacionadas con accidentes de tráfico. Ata un total de 148, que inclúen colisións, saídas de vía, atropelos de fauna que obstaculiza a vía, vehículos avariados no carril e alarmas iPhone falsas verificadas. Esta última incidencia correspóndese a avisos vía teléfono móbil que resultaron ser falsas alarmas tras verificación “in situ”. 

Dentro desta categoría diferéncianse tres denominacións: AC/SF (accidentes sen feridos), cun total de 95, e que inclúen saídas de vía, alcances, colisións menores ou atrancos con xabaríns; AC/CF (accidentes con feridos), con ata 38 casos de atropelos a peóns ou motoristas, colisións graves ou envorcado de vehículos; e atropelo de fauna, con 15 casos nos que se tiveron que liberar as vías por mor de xabarís e corzos mortos. 

Árbores caídas
Ante as fortes trombas de auga, principalmente nos meses de xaneiro e novembro, as caídas de árbores e bloqueo das vías por mor das inclemencias meteorolóxicas e as súas consecuencias directas, outro servizo recorrente foi a liberación de estradas por este motivo, cun total de 64 intervencións de caída de árbores, ramas perigosas, postes caídos e obxectos na calzada. En varias ocasións, as árbores tiraron liñas eléctricas ou illaron veciños.

Demais incidencias arranxadas
Logo das máis comúns, a AVPC tamén tivo que facer fronte a outros accidentes e avarías menores. Vencellado aos temporais, o corpo veciñal actuou ata 47 veces en inundacións de garaxes, roturas de tubaxes, verteduras (fecais, químicos, gasoil) e sumidoiros bloqueados. Tamén fixeron fronte a 53 emerxencias de asistencia persoas caídas, atrapadas ou atrapadas en ascensores, vivendas ou baños. 

Por último, a Agrupación de Protección Civil de Ames atendeu un total de 30 incendios e fugas de gas, nos que se inclúen lumes urbanos en vivendas, contedores ou vehículos, con 14 reportes; lumes forestais, con 8 chamadas (neste caso tamén se contan as vixilancias post-incendio ou conatos rápidos); e indicios por olor a gas, con 8 intervencións. 

Desagregación por mes
Para un mellor entendemento das intervencións, cómpre facer unha separación por meses. Deste xeito, das 684 incidencias que houbo durante todo o ano, 78 rexistráronse no mes de agosto, sendo este período o de maior actividade. Pola contra, os meses de marzo e abril rexistraron un menor número de accidentes e sucesos, con 48 e 49, respectivamente. 

Exceptuando o mes de xaneiro, no que houbo 71 intervencións (este foi un mes no que as borrascas azoutaron forte), a meirande parte das emerxencias déronse entre os meses de xullo e novembro, cun total de 337 incidencias, o que dá como resultado unha media de arredor de 68 intervencións ao mes. 

Novas relacionadas

El Corereo Gallego: "Desde gatos a corzos: los animales centran las incidencias de Protección Civil en Ames"

La Voz de Galicia: "Protección Civil sumó 684 intervenciones en Ames el año pasado"

A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou preto de 700 servizos durante o ano 2025