Solapas principales

A Agrupación de Protección Civil de Ames participou en 568 operativos do 112 no que vai de ano

Viernes, 09 de agosto de 2019

De xaneiro a finais de xullo os/as voluntarias/as de Protección Civil participaron nun total de 568 operativos do 112. Unhas 34 persoas voluntarias (divididas en catro grupos de traballo) prestan axuda en materia de emerxencias, incendios forestais, tráfico, así como en eventos deportivos ou culturais. Entre as súas tarefas sobresae, asemade, a retirada de niños da vespa velutina e a recollida de animais abandonados na rúa. A Agrupación de Protección Civil de Ames participa tamén nos eventos nos que intervén a Policía Local, sempre de xeito coordinado con este corpo de seguridade. Esta agrupación está operativa dende setembro de 2017.

Na actualidade, a Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames está formada por un grupo de 34 persoas, que están divididas en catro grupos de traballo. Un dos grupos dedícase a impartir charlas para dar a coñecer entre a veciñanza o traballo que se realiza neste grupo. Así, imparten estas actividades en campamentos, programas lúdicos e entre os membros de diferentes asociacións. Outros dos grupos de traballo dedícase a realizar traballos de control no Camiño Portugués, ao seu paso polo Milladoiro, e no Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía. O terceiro grupo adícase ao control e retirada de niños de vespa velutina, mentres que o cuarto grupo de traballo colabora e presta apoio loxístico na extinción de incendios.

Estas voluntarias e voluntarios contan cos dous vehículos: un Nissan Qashqai e unha pick-up Nissan Navara, dotada de botiquín, lanternas, un cabrestante e demais equipamento. Tamén se conta cunha bicicleta para realizar traballos de control do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames. Ademais, a agrupación tamén conta con outros medios que facilitan o seu traballo como cintas sinalizadoras, equipamento de sinalización, equipos de comunicación básicos e vestimenta de protección.

De xaneiro a xullo, o equipo de Protección Civil participou en 568 operativos do 112. Interviñeron nun total de 77 accidentes en estrada; 39 actuación de retirada de animais soltos; 4 asistencias sanitarias; 51 avisos pola presencia de niños de vespas velutinas; 18 incidencias de circulación; 123 operativos de AVPC; 2 requirimentos das forzas de seguridade; 4 accións de salvamento ou rescate; 2 solicitudes de información xeral; 2 intervencións por vertidos e 246 incidencias doutras índoles.

Accións de formación e prevención
Hai que destacar que a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil iniciou unha nova actividade que está encamiñada a dar a coñecer entre a veciñanza o traballo que realizan e cales son as súas funcións. Deste xeito, xa realizaron varias charlas en diversos centros, tales como escolas infantís, os lúdicos de verán ou usuarios e usuarias da piscina municipal A Telleira, membros da asociación Arcea Adames, etc. Así mesmo co comezo do curso pretenden impartir estas charlas nos centros de ensino de primaria e secundaria.

A maiores tamén van iniciar cursos formativos e de orientación dirixidos á cidadanía e para traballar na prevención de incidentes, por exemplo van a poñer en marcha uns cursos básicos dirixidos ás comunidades de propietarios/as e cidadanía en xeral, para saber como actuar en caso dun incendio. A formación tamén se dirixirá a outros ámbitos co obxectivo de formar sobre seguridade viaria, primeiros auxilios ou informar sobre a vespa velutina.

Os voluntarios e voluntarias da agrupación de Protección Civil tamén acoden regularmente a varios cursos formativos. Así, no mes de abril asistiron a un curso de catro módulos, que tratou sobre incendios forestais, incendios urbanos e primeiros auxilios. Este curso tivo unha duración de 40 horas e impartiuse durante as fin de semana. Foi impartido pola Academia Galega de Seguridade Pública e na súa organización colaborou a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ames. Asistiron voluntarios/as de Ames e doutos concellos como Padrón, Santiago, Boimorto, Noia, Porto do Son, etc.

Ademais, a comezos de agosto varios voluntarios/as de Ames participaron nun curso de formación de como actuar ante un accidente de tráfico; e do que se encargou o Tenente Meléndez, responsable do Subsector de Tráfico do destacamento de Santiago, e que organizou a AVPC de Santiago de Compostela. A comezos de xullo algúns dos/as voluntarios/as asistiron a un curso para formarse en salvamento en zonas illadas e montaña.

Renovación da directiva
No pasado mes de febreiro celebrouse unha asemblea ordinaria da Agrupación de voluntarios e voluntarias na que se renovou a directiva. Deste xeito, saíu elixido Juan Pérez, presidente; Teresa Salgado, secretaria; Alejandro Nieves, tesoureiro; Elísabet Arteaga, vogal; e Roberto Amarelle, tamén vogal.

O presidente, Juan Pérez, valora como “moi positivo o traballo feito ata este momento polos voluntarios/as, xa que fai menos de dous anos que se creou esta agrupación”. Ademais, di que “o/a voluntario/a de Ames é unha persoa moi implicada e que se preocupa por formarse”. Por último, indica que “normalmente traballamos e colaboramos con agrupacións con máis anos de funcionamento e máis experiencia co obxectivo de aprender delas”.

Loita e control contra a vespa velutina
A Concellaría de Medio Ambiente e a Agrupación municipal de Protección Civil de Ames puxeron en marcha, por segundo ano consecutivo, a campaña de captura responsable de raíñas de vespa velutina, que se levou a cabo entre os meses de abril e xuño. Deste xeito, realizan traballos relativos ao control e eliminación da vespa velutina, encadrados dentro do Plan de Control da Vespa Velutina da Xunta de Galicia, ao que se adheriu o Concello de Ames.

A agrupación de Protección Civil de Ames conta con dez persoas voluntarias adscritas ao servizo enfocado ao control desta especie invasora, que tamén fan trampeos polas zonas máis afectadas pola vespa velutina. Asemade, a campaña intensificouse nos núcleos urbanos, en especial en espazos especialmente delicados como cornixas, balcóns ou entradas de garaxes. Así mesmo, tamén se colocaron trampas nun radio de 500 metros arredor dos niños secundarios. As accións desenvolvidas polo Concello de Ames na loita contra a avespa velutina seguen a liña de actuación recomendada pola Asociación Galega de Apicultores (AGA).

Servizo de lacería
A recollida de animais é outra das competencias da Agrupación de Protección Civil de Ames, o que se debe, en parte, á aprobación da nova Lei de Protección Animal de Galicia e a ser este un dos servizos máis demandados polo CIAE 112 Galicia. O Concello de Ames dotou á AVPC dun remolque para gardar os animais recollidos, dous lazos para a captura, gaiolas e locais de tránsito para os animais, mentres non son trasladados ao Refuxio de Cambados.

O concelleiro responsable de Protección Civil manifesta o seu “orgullo e satisfacción polo traballo que vén desenvolvendo a Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Ames, os cales en menos de dous anos conseguiron situarse como un referente”. Explica, ademais, “que é necesario poñer en valor a labor que desenvolven os membros de Protección Civil, xa que traballan desinteresadamente e de xeito altruísta”, e “animou aos veciños e veciñas de Ames a colaborar coa Agrupación”.

Imaxe da agrupación de Protección Civil de Ames

Multimedia

  • Imaxe da agrupación de Protección Civil de Ames
  • Imaxe da agrupación de Protección Civil de Ames
  • Imaxe da agrupación de Protección Civil de Ames
  • Imaxe da agrupación de Protección Civil de Ames
  • Imaxe da agrupación de Protección Civil de Ames
  • Imaxe da agrupación de Protección Civil de Ames
  • Imaxe da agrupación de Protección Civil de Ames