Solapas principales

Adxudícase o servizo de recollida de animais domésticos abandonados, lacería e xestión de colonias felinas por 387.200 euros

Domingo, 17 de mayo de 2026

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este venres, 15 de maio, a adxudicación do servizo de recollida de animais domésticos abandonados, lacería e xestión de colonias felinas. Dito contrato foi adxudicado á empresa Centro galego de adopción e recate de animais SL por un importe de 387.200 euros. O contrato terá unha duración de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prorrogas). Este novo contrato contempla campañas de concienciación nos colexios e institutos de Ames, así como un plan que se irá realizando de xeito progresivo en todo o concello sobre a xestión das colonias felinas.

O Goberno municipal aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada este venres, 15 de maio, a adxudicación do servizo de recollida de animais domésticos abandonados, lacería e xestión de colonias felinas. O obxecto desta contratación é a prestación deste servizo cunha orientación totalmente diferente ao que se estaba realizando.

Dito contrato foi adxudicado á empresa Centro galego de adopción e recate de animais SL por un importe de 387.200 euros. O contrato terá unha duración de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prorrogas). Dentro do contrato contémplase unha partida de 9.000 euros para realizar diferentes campañas informativas.

O servizo de recollida de  animais domésticos abandonados e lacería estaba sendo prestado polo persoal municipal de Medio Ambiente e polos/as voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil. Co novo contrato pasará a ser prestado polo persoal da empresa adxudicataria de forma ininterrompida as 24 horas do día, durante todos os días que dure o contrato, incluídos sábados, domingos e festivos.

Campañas educativas e de concienciación social
O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, explica que “ata o de agora o Concello de Ames tiña un convenio co Refuxio de animais de Cambados para prestar este servizo, pero dende que no ano 2023 se aprobou a lei de benestar animal era preciso licitar e dispor dun contrato que recolla o servizo de recollida de animais domésticos abandonados, lacería e xestión de colonias felinas”. 

Javier Antelo engade “este novo contrato contemplará campañas de concienciación nos colexios e institutos de Ames, así como un plan que se irá realizando de xeito progresivo en todo o concello sobre a xestión das colonias felinas”.

O novo contrato recolle a realización de campañas encamiñadas a educar, sensibilizar e concienciar á cidadanía contra o abandono e maltrato animal. Deste xeito, está previsto realizar este tipo de campañas nos colexios e institutos de Ames. Ademais, a empresa adxudicataria disporá dun número de teléfono operativo as 24 horas ao que se chamar para avisar dos servizos necesarios.

Xestión das colonias felinas
O novo contrato tamén inclúe un plan para a xestión das colonias que se irá aplicando de xeito progresivo durante os vindeiros anos en áreas urbanas, periurbanas, residencias e rurais. Ata o de agora a xestión das colonias felinas estaba realizada en colaboración polo Concello de Ames, Refuxio de animais de Cambados e persoas voluntarias. Co novo contrato será a empresa adxudicataria a que se encargue de xestionar estas comunidades de gatos. 

Cómpre lembrar que desde 2021, o departamento de Medio Ambiente está aplicando o programa CER (captura, esterilización e retorno) para o control das colonias felinas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Este plan, levado a cabo en colaboración co Refuxio de Cambados, consiste na captura, esterilización e solta dos animais que integran estas colonias. Ademais, en Ames tamén se aplica a desparasitación e a marcaxe con microchip como parte deste plan.

En Bertamiráns actualmente hai cinco colonias: en Castrigo, no Rueiro, nos arredores da Casa da Cultura e outras dúas na rúa Rosaleda. Todas elas están organizadas a través dun rexistro e contan cun grupo de voluntarios e voluntarias encargados da súa alimentación, coidado e vixilancia. No Milladoiro tamén hai unha colonia felina, que está xestionada por persoas voluntarias, que se encargan de alimentar aos animais e velar pola súa seguridade.

Adxudícase o servizo de recollida de animais domésticos abandonados, lacería e xestión de colonias felinas por 387.200 euros