Solapas principales

Adxudícase o contrato mixto de subministro e instalación dun sistema de aerotermia na oficina municipal de Urbanismo e Policía local

Miércoles, 16 de diciembre de 2020

 A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado venres, 11 de decembro, a adxudicación á empresa Climatega SLU, do contrato mixto de subministro e instalación dun sistema de aerotermia na oficina municipal de Urbanismo e Policía Local do Concello de Ames, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Dito contrato foi adxudicado por un importe de 34.323,61 euros.

O Concello de Ames inclúe dentro da súa Estratexia DUSI unha liña de acción que aborda un plan de eficiencia enerxética nunha parte relevante dos edificios municipais o que mellorará considerablemente o consumo enerxético dos edificios públicos.

Na anualidade 2018 levouse a cabo unha auditoría enerxética que puxo de manifesto a ineficacia dos sistemas de climatización existentes nas instalacións das dependencias da Policía local e do departamento de Urbanismo. Actualmente, os locais dispoñen unicamente de calefacción mediante acumuladores eléctricos, un sistema enerxéticamente ineficiente, e que non garante o confort de usuarios e traballadores durante os períodos máis fríos do ano. Ademais, carecen de instalación de refrixeración.

Por iso, para mellorar o confort nestas dependencias e mellorar a eficiencia enerxética dos locais, diminuíndo a pegada de carbono das actividades que neles desenvólvense, o Concello de Ames propuxo instalar un sistema de climatización consistente nunha bomba de aerotermia que xerará calor ou frío para as diferentes estancias, en función da temperatura exterior.

O contrato ten encaixe na liña A6, “Programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirregional de España – FEDER (en diante POPE-FEDER), axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.

Características do contrato

Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación á empresa Climatega SLU, do contrato mixto de subministro e instalación dun sistema de aerotermia na oficina municipal de Urbanismo e Policía Local do Concello de Ames, por un importe de 34.323,61 euros.

En base á auditoría enerxética realizada nas dependencias municipais do Concello de Ames considérase primordial actuar nas dependencias da Policía local e do departamento de Urbanismo. En concreto, entre as medidas a implantar proponse a instalación dun sistema de climatización consistente nunha bomba de aerotermia que xerará calor ou frío para as diferentes estancias que permita reducir o consumo enerxético dos edificios.

Entre as actuacións a realizar atópanse o desmonte e retirada dos actuais equipos eléctricos de calefacción; a subministración e instalación dunha unidade exterior de bomba de calor aire-auga compacta para instalación exterior; a subministración, instalación e posta en marcha de acumulador de inercia; a subministración e instalación de bomba para a elevación de condensados; e a conexión hidráulica, eléctrica e de comunicación e control de todos os equipos, incluíndo o sistema completo de desaugadoiro de condensados dos mesmo.

Ademais, farase a instalación de sistema de comunicación e control de equipos; reparación de perforacións, pases, ocos ou calquera dano ocasionado en teitos, tabiques ou chans realizados durante a instalación do sistema de climatización. Do mesmo xeito, recollerase calquera residuo, embalaxe e desperdicio xerado, transportándoo ao momento limpo ou xestor autorizado correspondente.

Obxectivos da actuación

Os obxectivos que se pretenden alcanzar con este contrato son, entre outros, os seguintes:
• Redución do consumo anual de enerxía primaria en edificios públicos: aforros enerxéticos significativos (de polo menos unha letra de clasificación enerxética), de acordo co Real Decreto 235/2013, do 5 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.
• Implantación de solucións integradas en eficiencia enerxética.
• Redución anual de gases efecto invernadoiro (GEI).

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames adjudica la instalación de un sistema de aerotermia en la oficina municipal de Urbanismo y en la Policía Local"

Imaxe das dependencias da Policía local e do departamento de Urbanismo