A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, 27 de agosto, a adxudicación das obras de acondicionamento e mellora das beirarrúas da avenida da Maía, en Bertamiráns, ata o límite municipal co concello de Brión. O proxecto foi adxudicado á empresa Cosmalca SL por un importe de 336.225,99 euros (IVE incluído). Esta actuación enmárcase dentro da segunda fase do POS+ Adicional 4/2025. Ademais, vaise a rematar a renovación das beirarrúas da principal vía de Bertamiráns co proxecto, incluído dentro da Achega 2025 do POS+ 2026, desde a rotonda do cruce da avenida da Peregrina ata o Camiño de Paraxó, en dirección Santiago de Compostela. Neste caso o orzamento ascende a 224.016.44 euros.
A avenida da Maía é a principal arteria de Bertamiráns e, dende que no ano 2020 se conseguiu a cesión da mesma por parte da Xunta, o Goberno municipal está traballando na súa humanización. A renovación e mellora das beirarrúas desta vía estase executando en tres fases. A primeira adxudicouse á empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas SL en decembro de 2023 por un importe de 298.144 euros, e foi executada durante o exercicio 2024. Nesta primeira fase mellorouse o tramo central da avenida da Maía, quedando por executar os extremos da vía, dirección ao concello de Brión e cara a entrada da AG-56, que se van acometer en dúas fases.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “esta mañá demos un paso máis para completar a mellora da avenida da Maía coa adxudicación das obras de renovación das beirarrúas ata o límite co concello de Brión. Agora queda por licitar a terceira fase desde a rotonda da avenida da Peregrina ata o Camiño de Paraxó. Estes proxectos contemplan a mellora estética e funcional das beirarrúas, incrementando o espazo para uso dos peóns, a colocación de novo mobiliario urbano e a mellora da pavimentación da estrada”.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “estase mellorando e renovando o estado actual da avenida da Maía en tres fases. A primeira xa se realizou en 2024, e agora quedan outras dúas fases: unha que se acaba de adxudicar á empresa Cosmalca SL, e a terceira e última que está incluída dentro do POS+ 2026. Nestas tres actuacións vanse a investir máis de 800.000 euros. Ademais, hai que destacar os traballos de arranxo das beirarrúas que se están executando no Milladoiro”.
Actuación ata o límite municipal co concello de Brión
A través da segunda fase de actuación vaise a mellorar o estado das beirarrúas da avenida da Maía ata o límite municipal co concello de Brión. Este proxecto foi adxudicado á empresa Cosmalca SL por un importe de 336.225,99 euros (IVE incluído). As actuacións proxectadas están encamiñadas á mellora estética e funcional, así como ao incremento, do espazo público empregado polos peóns.
Para as beirarrúas proxéctase un pavimento con baldosa de formigón vibrado de 60x40 centímetros granallada sobre 10 centímetros de formigón e sobre zahorra para a súa nivelación. Como elementos de separación coa calzada proxéctase un bordo de formigón prefabricado C3 cunha rígola executada con 10 centímetros de formigón con mallazo. Os vaos para vehículos ao seu paso polas beirarrúas, resolveranse cun pavimento de 20 centímetros de formigón impreso con malla electrosoldada e fibra de nylon sobre unha capa de 10 centímetros de zahorra.
O acabado superficial impreso simulará o corte da baldosa granallada. Nos pasos de peóns disporase pavimento táctil direccional e de botóns segundo o disposto na normativa de accesibilidade vixente. Co incremento do espazo peonil faise preciso a adaptación dos sumidoiros e a recolocación dos farois existentes, previa canalización de nova rede para iluminación pública baixo as novas beirarrúas con tubo de PP 90 milímetros de diámetro e as correspondentes arquetas.
O mobiliario urbano estará composto por xardineiras de fundición rectangulares para a plantación de arbustos ornamentais e planta aromáticas e xardineiras de fundición esféricas para a plantación de árbores de sombra. Tamén se disporán 2 bancos de formigón con asento e respaldo de madeira e 10 metros de varanda de aceiro inoxidable para a contención de peóns. Por último, prevese a renovación do firme do viario, nunha superficie total de 2.980 metros cadrados, con 3 centímetros de mestura bituminosa descontinua con fibras, previo fresado de 5 centímetros do firme existente, e o pintado da correspondente sinalización horizontal.
Actuación cara a entrada da AG-56
Para completar a mellora da avenida da Maía realizarase unha terceira e última fase que está incluída na Achega 2025 do POS+ 2026. Neste caso, o orzamento deste proxecto ascende a 224.016.44 euros, e inclúe a mellora da avenida da Maía cara a entrada da AG-56, desde a rotonda do cruce da avenida da Peregrina ata o Camiño de Paraxó, en dirección Santiago de Compostela.
Neste caso, para as beirarrúas proxéctase, nunha superficie total de 1.985 metros cadrados, un pavimento con baldosa de formigón vibrado de 60x40 centímetros granallada, sobre 10 centímetros de formigón e sobre zahorra para a súa nivelación. Como elementos de separación coa calzada proxéctase un bordo de formigón prefabricado cunha rígola executada con 10 centímetros de formigón con mallazo.
Os vaos para vehículos ao seu paso polas beirarrúas (superficie 115 metros cadrados), resolveranse cun pavimento de 20 centímetros de formigón impreso con malla electrosoldada e fibra de nylon sobre unha capa de 10 centímetros de zahorra. O acabado superficial impreso simulará o corte da baldosa granallada. Nos pasos de peóns disporase pavimento táctil direccional e de botóns segundo o disposto na normativa de accesibilidade vixente.
Coa renovación do espazo peonil faise preciso a adaptación dos sumidoiros e a recolocación dos farois existentes, previa canalización de nova rede para iluminación pública baixo as novas beirarrúas con tubo de PP 90 milímetros de diámetro e as correspondentes arquetas. O mobiliario urbano estará composto por xardineiras de fundición rectangulares para a plantación de arbustos ornamentais e planta aromáticas e xardineiras de fundición esféricas para a plantación de árbores de sombra. Tamén se disporán dous bancos de formigón con asento e respaldo de madeira.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "La avenida da Maía de Bertamiráns mejorará sus aceras con baldosas de hormigón y nuevo mobiliario hasta O Tremo"
La Voz de Galicia: "Ames destina 336.225 euros a completar las aceras de la avenida da Maía"







