Solapas principales

Adxudícanse as obras de adecuación e instalación do alumeado público no sendeiro que une Bertamiráns con Agro do Muíño

Sábado, 13 de marzo de 2021

Este xoves, 11 de marzo, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato de adecuación e instalación do alumeado público no sendeiro que une a localidade de Bertamiráns co CEIP Agro do Muíño. Este proxecto foi adxudicado á empresa Montaxes Eléctricos Fernández SL por un importe de 30.189,50 euros (IVE incluído). Dita actuación está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

A localización dos colexios do concello de Ames na malla de camiños tradicionais de carácter rural que conforman o territorio e, por conseguinte, fóra dos núcleos principais do concello (O Milladoiro e Bertamiráns), preséntase como unha oportunidade para xerar novas vías de conectividade peonil e ciclable entre os núcleos menos densos do municipio que se achan en torno ao trazado dos camiños e os dous núcleos principais.

En concreto, a través do presente contrato procederase ao acondicionamento do carreiro que une o CEIP Agro do Muíño co centro de Bertamiráns, dotándoo de infraestruturas de iluminación que permita o acceso a pé e en bicicleta. Así, ao dar cobertura á necesidade de facilitar un modo alternativo ao vehículo de motor particular para acceder aos colexios do municipio, tamén se está liquidando a necesidade de dotar de maior conectividade aos núcleos do municipio entre si.

Os resultados esperados que se pretenden alcanzar coa operación son:
-Impulso e mellora da mobilidade sostible.
-Mellora da conexión entre as zonas escolares e os centros urbanos.
-Mellora da accesibilidade.
-Redución da pegada de carbono e das emisións de GEI do concello.
-Redución do uso do vehículo particular.
-Contribución á igualdade de oportunidades.
-Mellora na xestión do tráfico rodado.

O contrato de adecuación e instalación do alumeado público no sendeiro entre Bertamiráns e mailo CEIP Agro do Muíño ten encaixe na liña A4, “Programa de creación dunha rede de carreiros escolares, deportivos e recreativos que favorezan a conectividade a pé e ciclable”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirrexional de España – FEDER, axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.

Características do contrato
Continuando coas actuacións que se están levando a cabo para favorecer a mobilidade entre as diferentes zonas do concello de Ames, contémplase a adecuación e instalación da iluminación pública dunha senda peonil que une o CEIP Agro do Muíño co núcleo urbano de Bertamiráns e que dispoñerá dunha senda ciclista paralela á senda peonil existente como se recolle nos planos do proxecto. Por iso, é necesario dotar á senda dunha iluminación adecuada para a súa utilización en condicións de seguridade.

A través desta actuación levarase a cabo unha instalación de iluminación exterior, co obxectivo de cumprir coas prescricións do Regulamento de eficiencia enerxética en instalación de iluminación exterior e do Regulamento electrotécnico de Baixa Tensión. En concreto, instalaranse 31 luminarias LED para a iluminación viaria na estrada de A Condomiña ata Agro do Muíño, coas correspondentes columnas, brazos e caixas de derivación.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames adjudica el alumbrado de la senda entre Bertamiráns y Agro do Muíño"

El Correo Gallego: "Iluminación y senda ciclista para la vía de Bertamiráns a Agro do Muíño"

Adxudícanse as obras de adecuación e instalación do alumeado público no sendeiro que une Bertamiráns con Agro do Muíño

Multimedia

  • Imaxe do sendeiro que une Bertamiráns e Agro do Muíño