Solapas principales

Acondiciónanse as zonas axardinadas da rúa Anxeriz

Sábado, 18 de julio de 2026

O Concello de Ames vén de adxudicar un contrato menor á empresa Dixardín para executar os traballos de acondicionamento e reverdecemento das zonas axardinadas da rúa Anxeriz. A actuación inclúe a reparación e mellora do sistema de rego, así como o recheo dos parterres e a plantación de nova vexetación.

Esta intervención enmárcase nas actuacións municipais de mellora e humanización dos espazos públicos dos núcleos urbanos amesáns. Os traballos foron adxudicados á empresa Dixardín, encargada tamén do mantemento das zonas verdes municipais e centro especial de emprego, por un importe de 17.913,70 euros.

Os parterres, deteriorados polo paso do tempo, serán acondicionados mediante o seu recheo con terra vexetal e a plantación de especies rastreiras, como Cotoneaster e romeu rastreiro, co obxectivo de mellorar a súa integración paisaxística e favorecer a súa conservación.

Pola súa banda, o sistema de rego será obxecto dunha reparación integral, que incluirá a substitución de tubaxes, válvulas, ancoraxes e programadores, co fin de garantir un funcionamento máis eficiente e unha mellor conservación das zonas verdes.

O Concello de Ames fai tamén un chamamento á colaboración da veciñanza para preservar e coidar as zonas axardinadas, lembrando a importancia de evitar que os cans accedan aos parterres, escaven ou causen danos na vexetación, así como de recoller sempre os seus excrementos. A conservación destes espazos públicos é unha responsabilidade compartida que contribúe ao benestar e ao desfrute de toda a cidadanía.

Acondiciónanse as zonas axardinadas da rúa Anxeriz

Multimedia

  • Acondiciónanse as zonas axardinadas da rúa Anxeriz
  • Acondiciónanse as zonas axardinadas da rúa Anxeriz