Solapas principales

Abre o prazo para que as empresas interesadas poidan presentar ofertas ao servizo de información e publicidade da EDUSI Impulsa Ames

Jueves, 03 de febrero de 2022

O proxecto enmárcase no Programa Operativo Plurirexional de España 2014-2020. O presuposto da licitación ascende a 111.269,75 euros (IVE incluído) e realizarase por procedemento aberto simplificado. O contrato será cofinanciado ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao 20% polo Concello de Ames. Na operación inclúese o desenvolvemento de todas as accións publicitarias e de comunicación necesarias para facer chegar á cidadanía información sobre as operacións da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado “Impulsa Ames” no marco do Programa Operativo FEDER 2014-2020. O expediente de licitación pódese consultar na plataforma de contratación do sector público. O prazo de presentación de ofertas remata o 17 de febreiro.

O contrato ten por obxecto o asesoramento, deseño, produción e execución de accións de difusión, información, publicidade e participación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado “Impulsa Ames”, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo FEDER 2014-2020 Plurirrexional de España.

As accións obxecto do contrato pretenden dar unha maior notoriedade e transparencia á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado do Concello de Ames e ao cofinanciamento da Unión Europea, mediante a información, difusión e publicidade das operacións realizadas na EDUSI Impulsa Ames. Para chegar ao máximo número de cidadáns trátase de realizar accións de información e comunicación a través de diferentes medios de comunicación.

Desde a Unión Europea préstase cada vez máis atención ás actuacións levadas a cabo para difundir as accións dos proxectos, poñendo especial énfase en dar a coñecer a orixe dos fondos e en trasladar á cidadanía as actuacións que se apoian dende a Unión Europea.

Así mesmo, hai que sinalar que o fío condutor no actual período de programación de todas as estratexias é o de dar a coñecer as mellores actuacións cofinanciadas cos Fondos Europeos en España e as súas rexións e que, por tanto, as actuacións e ferramentas de comunicación que se van a poñer en marcha teñen como obxectivo o de dar a coñecer estas actuacións, pero tamén, e moi especialmente, o valor engadido dos Fondos Europeos nas mesmas.

Deste xeito, xorde a necesidade de levar a cabo o plan de comunicación que contempla as accións de información e comunicación relativas á EDUSI Impulsa Ames e que foi aprobado polo Ministerio o 4 de agosto do 2020.

Características do contrato
O contrato deberá de incidir en informar e difundir sobre liñas de actuación da EDUSI “Impulsa Ames” como: o Plan de aplicación das NTIC´S na xestión eficiente dos recursos municipais e a prevención de riscos; o programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público; o programa de creación dunha rede de sendeiros escolares, deportivos e recreativos que favorezan á conectividade a pé e en bicicleta; o programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos; o programa para a revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio; a creación dun centro multifuncional de ocio, cultura e promoción económica; o programa piloto unidades habitacionais de interese social; o programa de dinamización e modernización comercial e emprendemento; e o programa Ames Emprega e Integra.

O contrato terá unha duración máxima de 19 meses e medio a contar dende a data da formalización do contrato e non pode superar o 15 de decembro de 2023. Debido ás características da actuación a financiar, o adxudicatario debe comprometerse, aínda despois de finalizada a propia execución do servizo, a emitir cantos informes ou aclaracións sexan necesarias en relación coa xustificación dos indicadores de produtividade da operación EDUSI na que se enmarca o contrato.

Cómpre sinalar tamén que a empresa adxudicataria deberá destinar ao desenvolvemento dos traballos un equipo técnico multidisciplinar composto polo menos por dúas persoas:  un experto en comunicación estratéxica e planificación de medios, así como un deseñador gráfico.

Criterios de adxudicación
Un máximo de 75 puntos contarán os criterios automaticamente avaliables mediante a mera aplicación de formulas. Os criterios aplicables mediante xuízos de valor contarán ata un máximo de 25 puntos. Neste senso, cada licitador deberá presentar unha memoria descritiva dos traballos a realizar dunha extensión máxima de 40 páxinas, DIN A4. O proxecto de campaña contará un máximo de 15 puntos. Neste apartado valorarase o conxunto de prácticas, procedementos e mecanismos de traballo propostos, a estratexia de difusión e a interdependencia e relación entre os elementos de comunicación. A proposta de seguimento, control e avaliación das campañas contará un máximo de 10 puntos.

En concreto, valoraranse as seguintes cuestións: A análise e definición dos grupos obxectivo da campaña para cada unha das operacións; o estudo de audiencias e medios; a estratexia de difusión e mix de medios propostos, con mención específica aos obxectivos da campaña na súa totalidade e a cada sub-campaña en particular, os medios principais e secundarios propostos, ademais dos mínimos previstos e a planificación táctica das insercións e outros medios de difusión, con especial atención á coherencia coa celebración de xornadas informativas.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Abierto el plazo para presentar ofertas al servicio de información y publicidad de la EDUSI Impulsa Ames"

Cartaz da EDUSI Impulsa Ames

Multimedia

  • Cartaz da EDUSI Impulsa Ames
  • Cartaz da EDUSI Impulsa Ames
  • Cartaz da EDUSI Impulsa Ames