Solapas principales

Abre o prazo para inscribirse no programa de saúde Sanauga

Lunes, 16 de septiembre de 2019

O programa Sanauga abre este luns, 16 de setembro, o prazo de inscrición para o curso 2019-2020. Este programa de actividades acuáticas, posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), e cofinanciado pola Deputación da Coruña, está dirixido a persoas maiores e persoas con discapacidade. Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 377 044.

Un ano máis, o Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), pon en marcha unha nova edición do programa Sanauga, coa finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico das persoas maiores de sesenta anos e/ou persoas que teñan algún tipo de discapacidade. Así, o curso vai encamiñado a mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.

Para poder participar nesta actividade, cuxas prazas se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición, non é preciso saber nadar, posto que as dinámicas consisten na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O que se pretende con esta metodoloxía é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas, facilitando os movementos e a exercitación dos músculos. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.

O programa desenvólvese na piscina do Centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en catro quendas. Os luns e mércores en horario de 10:45 a 11:30 horas (dous grupos); e os martes e xoves de 9:15 a 10.00 horas (un grupo) e de 10:45 a 11:30 horas (un grupo). Cada grupo está composto por 14 persoas.

Para a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, o programa Sanauga “é unha actividade imprescindible que xa forma parte da axenda dos maiores de Ames, como amosa a elevada participación que ten ano tras ano. O seu obxectivo é mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes, mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática, a vez que se consigue unha aproximación ao medio acuático e se favorecen as relacións interpersoais”.

Cartel do programa de saúde Sanauga

Multimedia

  • Cartel do programa de saúde Sanauga