Solapas principales

Abre o prazo de inscrición para participar na campaña de vela que organiza a Deputación da Coruña este verán

Lunes, 03 de junio de 2019

Este verán, a Deputación da Coruña organiza unha campaña de vela entre o 1 de xullo e o 9 de agosto. Dirixida a rapazas e rapaces de 9 a 18 anos empadroados nun concello da provincia, a campaña inclúe a realización de cursos de vela dunha semana de duración. A iniciativa conta cun total de seis quendas dunha semana cada unha, que se desenvolverán en Boiro, Outes, Fisterra, Malpica de Bergantiños, A Coruña e Ortigueira. As inscricións deberán ser presentadas no Rexistro Xeral dos Concellos participantes en horario de 9.00h a 14.00 horas, antes do día especificado no folleto da actividade, que variará segundo a quenda elixida. O cota de inscrición desta actividade é de 25 euros. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo da campaña no que está incluído o impreso de inscrición.

De cara ao verán, a Deputación Provincial da Coruña pon en marcha unha campaña de vela, cuxo obxectivo é achegar os deportes de auga ás nenas e nenos da provincia. A iniciativa constará de seis quendas dunha semana de duración cada unha, e estenderase do 1 de xullo ao 9 de agosto. Así, nesta actividade poderán inscribirse todos os nenos e nenas de 9 a 18 anos empadroados nalgún dos concellos da provincia da Coruña, se ben terán prioridade os rapaces/as empadroados nos concellos onde se desenvolverán os cursos de vela. Para participar é obrigatorio saber nadar.

Os cursos terán unha duración de cinco días e neles participarán dous grupos de mozos/as. O primeiro acudirá á formación na quenda de mañá, que se desenvolverá de 10.00 a 14.00 horas, mentres que o segundo o fará de tarde, entre as 16.00 e as 20.00 horas. Así, durante o curso, os e as participantes iniciaranse nos principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, e realizarán un curso básico da elaboración de nós mariños. A incorporación e regreso ás instalacións náuticas onde se desenvolverán os cursos correrá por conta dos participantes.

Dita actividade desenvolverase nun total de seis concellos. Así, comezará o 1 de xullo en Boiro, concello ao que seguirán os municipios de Outes, Fisterra, Malpica de Bergantiños, A Coruña e Ortigueira. Os rapaces e rapazas que queiran participar nalgún dos seis cursos organizados ao abeiro desta campaña deberán formalizar a inscrición nos concellos participantes dentro da data especificada no folleto informativo segundo a quenda elixida. Este documento pode consultarse na ligazón dispoñible á dereita desta nova, baixo o apartado de descargas.

Tramitación das inscricións
A inscrición deberá ser formalizada nos rexistros municipais dos concellos participantes, de luns a venres, en horario de 09.00h a 14.00 horas, entregando o impreso de inscrición debidamente cuberto e asinado polos proxenitores ou as persoas titoras da moza ou mozo solicitante. Á hora de realizar a inscrición, tamén se deberá facer entrega do certificado de empadroamento, dunha fotocopia do libro de familia ou do carné de identidade, e unha copa do xustificante de abono da cota de inscrición, unha vez confirmada a praza por parte do Concello. A adxudicación de praza realizarase por orde de inscrición.

No caso de que algunha nena ou neno participante precise dun tratamento específico ou sufra dalgunha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente. Tamén é importante especificar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo. Para máis información pódese acudir á páxina web www.dacoruna.gal/deportes da Deputación da Coruña.

Abre o prazo de inscrición para participar na campaña de vela que organiza a Deputación da Coruña este verán

Multimedia

  • Abre o prazo de inscrición para participar na campaña de vela que organiza a Deputación da Coruña este verán