- Tematica
O Concello de Ames informa sobre a apertura da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2025 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 80.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar o 11 de marzo; polo que estará aberto ata o vindeiro sábado 10 de abril. Pódese consultar as bases da convocatoria na seguinte ligazón.
Esta convocatoria de axudas está destinada a promover as actividades desenvolvidas polas asociacións e clubs deportivos do concello de Ames. Deste xeito, poderán ser subvencionadas as actividades de índole deportiva desenvolvidas por estas entidades, así como a adquisición de material inventariable cun límite dun 20% do orzamento total. Non poderán optar a estas subvencións as entidades e clubs deportivos que fosen beneficiarias/os dunha subvención nominativa durante o ano 2025.
Non se subvencionará a realización de obras, nin gastos correntes (facturas de luz, teléfono, intereses de contas bancarias...). Tampouco os xuros, recargas e sancións administrativas, os gastos de procedementos xudiciais nin os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
Os principais obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de cidadáns, empregando para isto aos colectivos e entidades xa existentes no concello, como mellor instrumento para acadar este propósito. Así mesmo, tamén se pretende crear unha vida deportiva estable dentro do propio concello, programada e realizada polas entidades do ámbito privado, e na que a administración municipal represente un papel secundario, tanto na elección do tipo de actividades a desenvolver, como na súa posta en práctica e no seu financiamento.
Na mesma liña, búscase a participación activa da veciñanza na actividade deportiva, que ten un claro interese público, como medio de promover a formación da mocidade e de propiciar a convivencia entre os veciños e veciñas; así como poñer a disposición do Concello información completa e actualizada das asociacións sen ánimo de lucro do municipio, co fin de promover unha relación fluída cas mesmas e posibilitar o deseño de políticas eficaces que permitan dinamizar a actividade dos particulares que resulte complementaria das competencias municipais. Ademais, cómpre destacar que, en canto a obxectivos estratéxicos ou secundarios, búscase fomentar a práctica do deporte feminino, primando a aquelas entidades que o promovan.
A estas axudas poden optar as asociacións e clubs deportivos que desenvolvan a súa actividade no termo municipal do concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións con data anterior ao 31/12/2024.
Será requisito indispensable que os datos de inscrición da asociación estean debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. Do mesmo xeito, as asociacións solicitantes teñen que estar ao día nas súas obrigas tributarias coa AEAT, o Concello de Ames e a Seguridade Social. As entidades solicitantes tampouco poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lles fora concedida unha prórroga.
Orzamento
A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 80.000 euros. O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar os 8.000 euros, nin o 80% do custo total do proxecto subvencionable.
Presentación de solicitudes
A solicitude, xunto co resto da documentación, presentaranse na Sede electrónica do Concello. Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.
O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar na xornada de onte, día 11 de marzo. O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro sábado 10 de abril. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 88 30 02 - 619 84 25 04 ou enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal.





