- Tematica
O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, organizou para o domingo 10 de maio unha andaina polo Mar de Ovellas. Esta actividade, incluída na programación de Rosalía 2026, estará teatralizada polos Quinquilláns e Lupe Blanco. A andaina rematará no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos. As persoas que queiran participar teñen que escribir un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Ademais, para o sábado 9 de maio está aberto o prazo para inscribirse na visita aos lugares Rosalianos que marcaron a vida e obra de Rosalía. Neste caso visitarase o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para participar hai que enviar un correo electrónico ao enderezo turismo@concellodeames.gal.
O vindeiro domingo, 10 de maio, en horario de 10.00 a 14.00 horas, volve a organizarse, por terceiro ano consecutivo, unha andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas, baseada no poema rosaliano “A probiña, que está xorda...!”. O dito poema localízase nesa costa e está recollido no libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”, editado polo Concello de Ames e a Fundación Rosalía de Castro cunha introdución explicativa da escritora e experta rosaliana María López Sández.
“Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía” afonda na relación entre as Terras da Maía e propia vida e obra da autora. Así, no libro percórrense os distintos escenarios do concello amesá vinculados á vida e á obra da escritora. Entre eses escenarios podemos atopar o Pazo da Peregrina, os Muíños de Lapido, a casa paterna de Rosalía en Ortoño e a costa de Mar de Ovellas, mencionada no poema “A probiña, que está xorda!”.
Ruta teatralizada polos Quinquilláns e pola regueifeira Lupe Blanco
A andaina polo Mar de Ovellas desenvolverase coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e da regueifeira Lupe Blanco. Durante o camiño haberá diferentes paradas nas que o grupo de teatro Os Quinquilláns e Lupe Blanco nos achegarán á obra, á traxectoria e á vinculación da escritora co concello de Ames.
As persoas que queiran participar nesta actividade, que se vai realizar o domingo 10 de maio, das 10.00 ás 14.00 horas, teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e lugar onde prefiren subir ao autobús (O Milladoiro ou Bertamiráns). O prazo de inscrición está aberto desde o 28 de abril ata o 7 de maio. Ofértanse 55 prazas que se cubrirán por orde de inscrición.
A andaina parte de Augapesada e vai ata o local social de Trasmonte. O seu itinerario coincide co Camiño de Fisterra – Muxía. O percorrido será de 5 quilómetros, de dificultade media, cunha subida de ata o 10% de desnivel e cunha duración aproximada de dúas horas. A actividade rematará no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos.
Para acudir á andaina ofrécese servizo de autobús, con saída ás 10.00h dende a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.15h do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O regreso farase en autobús cando remate a degustación de petiscos.
Lugares Rosalianos
Ademais, para o sábado 9 de maio, ás 12.00 horas, está aberto o prazo para inscribirse na visita aos lugares Rosalianos que marcaron a vida e obra de Rosalía. Neste caso visitarase o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, para coñecer a vinculación de Rosalía e da súa familia paterna con este lugar. Esta actividade tamén estará teatralizada polos Quinquilláns. Para participar hai que enviar un correo electrónico ao enderezo turismo@concellodeames.gal. Esta actividade enmárcase dentro do convenio asinado polos Concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón para promover a ruta "As pegadas de Rosalía".
Haberá tres visitas máis a lugares Rosalianos durante os meses de maio, xullo e setembro. O 23 de maio, ás 11.00 horas, visitarase a Casa de Rosalía, en Padrón. As inscrición hai que tramitalas en www.padronturismo.gal/inscricions. Para o 3 de xullo, ás 18.00 horas, está prevista a visita á igrexa de Bastavales. Neste caso as inscricións hai que facelas enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodebrion.gal.
Por último, o 4 de setembro, ás 20.00 horas, visitaranse As Torres da Hermida, en Lestrobe (Dodro). As persoas que estean interesadas en participar teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@dodro.gal. As inscrición para todas as visitas son gratuítas e poden tramitarse ata o día previo de cada actividade. As prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.
Novas relacionadas
Lindeiros: "Unha andaina polo mar de ovellas"






