Solapas principales

Aberto o prazo de presentación de ofertas para o concurso de ideas do Centro da mocidade incluído no Plan Impulsa Ames cofinanciado con fondos europeos FEDER

Jueves, 11 de junio de 2020

O Concello de Ames informa de que está aberto o prazo para presentar ofertas ao proceso de licitación do concurso de ideas, para a creación dun centro de ocio, cultura e promoción económica no Milladoiro. O orzamento base de licitación é de 30.000 euros. Este proxecto está incluído no Plan Impulsa Ames que está cofinanciado con fondos europeos FEDER. O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro. A creación e dotación dun centro de ocio, cultura e promoción económica no Milladoiro é unha das liñas de actuación do Obxectivo Temático 9, de Inclusión Social, que pretende promover a inclusión social e loitar contra a pobreza.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se van executar é a creación e dotación dun centro de ocio, cultura e promoción económica no Milladoiro. Este proxecto ten un orzamento total de 1.200.000 euros, dos cales 960.000 euros serán sufragados con fondos europeos e os 240.000 euros restantes serán fondos propios municipais.

Para a construción de dito centro decidiuse realizar un concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción. Dito concurso de proxectos contempla o pago de contraprestacións económicas aos concursantes finalistas en concepto de gastos pola elaboración de propostas e pola entrega das mesmas e a súa posta a disposición do Concello de Ames, por un importe máximo total de 30.000 euros, que é o importe base da licitación aprobada.

O gañador do concurso redactará o proxecto
O gañador será o encargado da redacción do proxecto. O primeiro premio (para o proxecto gañador) estará dotado de 20.000 euros; o segundo premio contempla 6.000 euros; e o terceiro premio dispón de 3.000 euros. Ademais, haberá dous accésits dotados de 500 euros cada un.

Deste xeito, está previsto construír un edificio para realizar funcións de centro multidisciplinar de lecer, cultura e promoción económica dirixido á mocidade e persoas en exclusión social. Este centro debe entenderse como un espazo multidisciplinar de convivencia, de intercambio, colaboración e formación.

Ademais, o centro usarase tamén como espazo de reunión de diferentes colectivos amesáns (ANPAS, asociacións culturais, colectivos desfavorecidos, grupos musicais ou asociacións deportivas). Como centro de mocidade será importante dotalo e pór a disposición da xuventude amesá, actividades e servizos axeitados ás súas necesidades e intereses.

O concurso de ideas lévase a cabo en colaboración co COAG (Colexio de arquitectos de Galicia) que supervisarán dito concurso formando parte do tribunal constituído e dando contestacións ás dúbidas que se poden plantexar ao longo do proceso.

Construirase nunha parcela de 4.669,39 metros cadrados
O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro. Dito centro situarase na parcela EQ3, que está situada no sector S-16 Galdrachán, e que conta cunha superficie de 4.669,39 metros cadrados, onde se delimitará o espazo necesario para albergar o edificio, as zonas verdes e o aparcamento. Dita parcela foi cedida en 2008 á Xunta de Galicia para construír no Milladoiro o parque comarcal de bombeiro. En marzo de 2018 o Goberno solicitou a reversión desta parcela que foi aprobado en Pleno por unanimidade.

Preténdese que o centro multidisciplinar da mocidade dispoña de varias instalacións como recepción; oficina de información e asesoramento xuvenil (OMIX); patio exterior; aula taller; espazo creativo; auditorio; sala de lectura; sala 4.0; salas de reunións; e aseos, pero o proxecto final será o que regule os espazos finais co que contará o edificio en base ao orzamento total previsto que ascende a 1,2 millóns de euros. Tamén se barralla a opción de que dispoña dunha sala deportiva/baile e unha sala de ensaios musicais.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, explica que "o desenvolvemento desta instalación dotada con un millón de euros nesta primeira fase, é unha das operacións máis destacables dentro do Plan Impulsa Ames e xunto co parque verde, que se está a licitar nese entorno, esperamos dar un impulso a esta zona de expansión do Milladoiro".

Imaxe da parcela onde se construirá o centro de ocio, cultura e promoción económica no Milladoiro