Solapas principales

Aberto o prazo de presentación de candidaturas aos VIII Premios PEL da Deputación da Coruña

Jueves, 23 de abril de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa sobre a publicación das bases reguladoras da oitava edición dos Premios PEL, que convoca a Deputación da Coruña. A través de ditos galardóns recoñécese as mellores iniciativas empresariais da provincia, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar. Haberá catro categorías de participación, máis a categoría honorífica. O prazo de presentación de candidaturas está aberto dende hoxe, 23 de abril, ata o 12 de maio, ás 14.00 horas.

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases reguladoras da oitava edición dos Premios PEL: premios ás mellores iniciativas empresariais da provincia, (PEL-EPR PREMIO 2026) un galardón incluído entre as accións de incentivos á calidade e á innovación da idea empresarial do Plan de Emprego Local (PEL) co que se pretende galardoar ás mellores iniciativas empresariais da provincia, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sostibilidade, ao emprendemento e á potenciación do rural.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima a participar nesta convocatoria dos Premios PEL a persoas autónomas, microempresas e pemes. “En Ames temos un gran tecido empresarial formado por autónomos e pequenas empresas que xeran emprego e riqueza no territorio amesán. Estes premios son unha oportunidade para darlle visibilidade ao gran traballo que realizan as empresas de Ames”.

Catro categorías e unha mención especial
A convocatoria deste ano establece catro categorías principais de participación. A primeira é iniciativa emprendedora, destinada a recoñecer a labor das persoas autónomas, microempresas e pemes que iniciasen a súa actividade empresarial nas anualidades 2024, 2025 ou 2026. A segunda é a de traxectoria empresarial, destinada a recoñecer a traxectoria das persoas autónomas, microempresas e pemes que comezasen a súa actividade empresarial durante a anualidade 2023 ou con anterioridade. 

A terceira categoría é a de iniciativa territorio sostible, destinada a persoas autónomas, microempresas e pemes que conten con proxectos que contribúan á transición ecolóxica e enerxética, á loita contra o cambio climático, que baseen a súa actividade na agricultura sostible, a protección do medio ambiente, a preservación da biodiversidade, a economía circular, o uso eficiente dos recursos, o valor da terra ou do mar e os seus produtos, etc. 

A cuarta categoría é a de iniciativa empresarial singular, destinada a recoñecer a pemes con iniciativas empresariais de autoría creativa, orixinais e con carácter singular, xa sexa polo uso de materias primas locais, pola reutilización de materiais ou produtos autóctonos, a revitalización da tradición galega, entre outros.

Ademais destes catro niveis, tamén haberá unha categoría honorífica, que consistirá nunha mención do xurado á mellor iniciativa transformadora do rural. Para esta clasificación non haberá postulación de categorías nin tampouco importe económico para o proxecto nomeado. 

Premios económicos e prazo de candidaturas
Os Premios PEL repartirán este ano un total de 80.000 euros. O deste ano será o maior investimento da historia destes premios, pois cada unha das catro categorías principais estará dotada con 20.000 euros. Ademais, as bases contemplan a posibilidade de conceder accésits cando a diferenza de puntuación entre as dúas mellores candidaturas seleccionadas sexa mínima. De ser así, o primeiro premio reducirase a 15.000 euros e outorgarase un segundo de 5.000 euros. 

A nova edición introduce melloras para facilitar a participación das empresas. Amplíase o acceso a iniciativas de diferentes anos de creación e simplifícase o proceso de solicitude, reducindo a carga administrativa. 

Para participar, todas as iniciativas interesadas en facelo deberán presentar a súa candidatura entre hoxe, 23 de abril ata o vindeiro martes, 12 de maio, ás 14.00 horas. A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación especificada nas bases e a través da plataforma SUBTeL.

Aberto o prazo de presentación de candidaturas aos VIII Premios PEL da Deputación da Coruña