Solapas principales

Aberto o prazo de matrícula nos campamentos de verán ata o 31 de maio

Viernes, 19 de mayo de 2023

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Medio Ambiente e de Xuventude, abre o prazo de matrícula para o programa de campamentos municipais de verán 2023. As familias dos nenos/as e mozos/as que dispoñen de praza poden facer a matrícula dende hoxe, día 19, ata o 31 de maio. A documentación presentarase preferiblemente a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Preme nesta ligazón para descargar o impreso de matrícula

O servizo de campamentos de verán 2023 está dirixido á rapazada que estea cursando os niveis de infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. Trátase dunha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar aos nenos/as e mozos/as das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia, e fomentar a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito saudable ao tempo que os achega ao medio natural, ao deporte e á cultura.

A rapazada do primeiro ciclo Primaria gozará de campamentos na granxa escola de Bergando (Negreira); na de Corazón de Carballo (Tomiño); na de El Kiriko (Fornelos de Montes). Así mesmo, os de segundo ciclo da etapa desfrutarán do campamento Alvarella (Fragas do Eume); do camping O Terrón (Vilanova de Arousa) e do da praia de Patos (Nigrán).

Por outra banda, o alumnado de 1º e 2º da ESO trasladarase ata o campamento Abrente (Portonovo), o de 3º e 4º da ESO e Bacharelato ao do camping Paisaxe II (O Grove).

Cómpre engadir que do 30 de agosto ao 4 de setembro se celebrará unha segunda quenda do campamento na granxa escola El Kiriko, que irá dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. Ademais, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza dúas quendas para o seu campamento urbano, que está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizarase do 3 ao 14 de xullo, mentres que a segunda quenda será do 17 ao 28 de xullo.

Matrícula

O prazo de matrícula estará aberto dende o 19 ata o 31 de maio. Para facer a inscrición débese presentar:

-Impreso de matrícula debidamente cumprimentado.
-Copia da tarxeta sanitaria.
-Certificado médico (só no caso de padecer enfermidade que deba ser reflectida).
-Ficha de coñecemento persoal para o campamento Alvarella Fragas do Eume 2ª quenda (se é preciso).

A documentación presentarase preferiblemente a través do Rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).

Os impresos para facer efectivo o pagamento de cada campamento (impreso de autoliquidación), enviaránselle ao correo electrónico facilitado por cada usuario/a na fase de preinscrición. Estes documentos indicarán os prazos nos que debe realizarse o abono.

Pagamento

O pagamento das taxas poderá fraccionarse en dous pagos (50% do custe de cada un). O primeiro pagamento deberá ser realizado entre o 19 e o 31 de maio, e o segundo entre o 13 e o 23 de xuño.

Os impresos para facer efectivo o pagamento enviaránselle ao correo electrónico facilitado polos/as usuarios/as na súa solicitude de praza. Tamén poden ser recollidos nas Oficinas de Recadación do Milladoiro e de Bertamiráns ou a través do correo electrónico ames@canaltributos.com.

No caso de dispor de Certificado Dixital ou DNI electrónico poderase descargar ou pagar a autoliquidación premendo nesta ligazón e seleccionando a opción “Pagar”, ou ben a través da banca electrónica de ABANCA.

Máis información

Para máis información pódese contactar coa Aula da Natureza, chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal, ou ben coa Concellaría de Xuventude, chamando ao teléfono 616 083 229 ou escribindo a xuventude@concellodeames.gal. O horario de atención de ambos departamentos será de 9:00 a 14:00 horas.

Cartaz dos campamentos de verán 2023

Multimedia

  • Cartaz dos campamentos de verán 2023