Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para participar na andaina saudable que percorre o sexto tramo do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía

Jueves, 12 de junio de 2025

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde retoma a programación de andainas saudables, que está a percorrer o Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía por etapas. Desta volta, será a quenda da sexta etapa, que vai dende Os Muíños ata Guisamonde. A andaina realizarase o vindeiro sábado, 21 de xuño, e as persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, 18 de xuño, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 8:00 horas; e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 8:15 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa de andainas saudables. Desta vez, percorrerase o sexto tramo do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía, unha ruta que ten un percorrido total de 120 quilómetros e que é a única que ten como orixe de partida a capital galega. Ademais, o itinerario atravesa lugares do noso concello, así como de Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Muxía, ata chegar a Fisterra.

Deste xeito, continuase coa programación das andainas saudables percorrendo esta ruta de peregrinación. O pasado sábado 10 de maio realizouse a quinta etapa, que discorreu de Dumbría ata Os Muíños. Neste mes de xuño realizarase a sexta etapa que discorre dende Os Muíños ata Guisamonde.

Nesta etapa percorrerase unha distancia de 17 quilómetros. Sairase de Os Muíños, topónimo que fai referencia aos moitos muíños que movía o río Negro. Dende aí irase cara Muxía, pasando polos lugares de Moirame e Chorente, ata chegar ao santuario da Virxe da Barca. Despois irase cara Guisamonde, pasando por preto da praia de Lourido, e polos lugares de Xurarantes, Vilela de Morquintián e Morquintián.

Inscricións ata o 18 de xuño
Hai 50 prazas dispoñibles e as persoas interesadas en participar poden inscribirse á actividade no seguinte formulario ata o vindeiro mércores, 18 de xuño, ás 14.00 horas. Tamén se pode acceder ao formulario escaneando o código QR que aparece no cartel do programa. Terán prioridade para participar as persoas empadroadas no Concello de Ames.

De novo, volverá a ofrecerse servizo de autobús que sairá desde os dous núcleos urbanos do concello. Sairá ás 8:00 horas desde a Casa da Cultura do Milladoiro e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 8:15 horas. Recoméndase levar roupa axeitada e calzado cómodo.

Novas relacionadas:

Diario de Santiago: "Aberto o prazo de inscrición para participar na andaina saudable que percorre o sexto tramo do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía"

Aberto o prazo de inscrición para participar na andaina saudable que percorre o sexto tramo do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para participar na andaina saudable que percorre o sexto tramo do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía