- Tematica
O proxecto Apego continúa o seu programa de actividades durante o mes de maio co espectáculo teatral “Tilintilonia”, que se vai desenvolver na Casa da Cultura do Milladoiro, o venres 29 de maio, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o xoves 28 de maio, no que se indique o nome da actividade, nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2026 pode consultarse premendo nesta ligazón.
O prazo de inscrición para a obra de teatro “Tilintilonia” xa está aberto. Dende este xoves, 21 de maio, as persoas interesadas poderán inscribirse neste espectáculo visual e sonoro representado pola compañía O Baúl da tía Tola. A representación está pensada para estimularlles os sentidos ás crianzas máis pequenas, viaxando a través das emocións e das sensacións.
Na Casa da Cultura do Milladoiro, os nenos e nenas descubrirán “Tilintilonia”, un pequeno planeta habitado por Tilín e Tilón, cada un co seu son. Elas amosarán un mundo cheo de texturas, cores e seres fantásticos que xorden coa música e que converten o aire e a auga en elementos do xogo.
Para participar só se precisa enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen o nome da actividade, nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade dos/as nenos/as que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro xoves 28 de maio. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscrición.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas, creativas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.






