- Tematica
Dende a Concellaría de Benestar Social lembran que está aberto o prazo de inscrición para as actividades do programa Amessán 2025-2026. Este ano hai varios cambios no proceso de inscrición respecto da edición anterior. Para inscribirse non é necesario presentar o volante de padrón. Unha vez rematado o período de inscrición e estean elaboradas as listaxes de usuarios/as inscritos/as comprobarase que as persoas inscritas estean empadroadas no concello de Ames, requisito necesario para poder participar no programa. Outro dos cambios é que as persoas que participen en grupos impartidos en locais sociais das parroquias, poderán facer a inscrición o primeiro día de clase (non é necesario que se inscriban antes do inicio das actividades). Pódese consultar a programación completa de Amessán para o curso 2025-2026 nesta ligazón.
Chega un novo curso para o programa Amessán que, desta volta, inclúe dúas novas actividades que se impartirán no Milladoiro: calma e serenidade e canta troula. Así mesmo, retomouse o grupo na parroquia da Ameixenda, onde se vai impartir ximnasia terapéutica, e a asociación Arcea-Adames tamén acollerá dúas actividades: expresión artística e ximnasia terapéutica. Así mesmo, o local de JUPEMI no Milladoiro tamén acollerá varias actividades do programa.
Nesta edición mantéñense os obradoiros de manualidades, de memoria e de “fío e agulla”, así como as clases de pandeireta e de guitarra. Tamén se oferta ximnasia terapéutica, clases de guitarra e canto coral. Por outra banda, continuarán actividades que tiveron un gran éxito en edicións anteriores como a ximnasia terapéutica, musicoterapia, movemento terapéutico ou bailoterapia.
Así mesmo, retómase unha actividade que se realizou en edicións anteriores como é expresión artística. Ademais, nesta edición vanse impartir dúas novas actividades: calma e serenidade e canta troula. Por un lado, en calma e serenidade traballaranse técnicas de relaxación e ofrecerase un espazo no que poder desconectar, mentres que en canta troula, o eixo central da actividade serán os cantos de taberna.
Amessán é unha iniciativa destinada para as persoas maiores de 60 anos e as persoas cunha enfermidade crónica e/ou inhabilitadora, que conten cun informe dos Servizos Públicos de Saúde (que poidan realizar a actividade de forma independente).
Cambios na tramitación das inscricións
As inscricións poden realizarse de xeito presencial no Centro Social do Milladoiro, no local do antigo centro de saúde (os días 15 e 16 de setembro); ou na Casa dos Maiores de Bertamiráns (o 17 e 18 de setembro). O horario de atención en ámbalas dúas localizacións será de 16:00 a 20:00 horas. Os interesados poden obter máis información a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal.
Este ano hai varios cambios no proceso de inscrición respecto da edición anterior. Para inscribirse non é necesario presentar o volante de padrón. Unha vez rematado o período de inscrición e estean elaboradas as listaxes de usuarios/as inscritos/as comprobarase que as persoas inscritas estean empadroadas no concello de Ames, requisito necesario para poder participar no programa. Outro dos cambios é que as persoas que participen en grupos impartidos en locais sociais das parroquias, poderán facer a inscrición o primeiro día de clase (non é necesario que se inscriban antes do inicio das actividades).
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, indica que se decidiu cambiar o sistema de inscrición para facilitarlle este trámite á veciñanza que participa no programa Amessán. “Sabemos que algunhas persoas teñen dificultades para achegarse aos rexistros de Bertamiráns e do Milladoiro, polo que non será necesario que acheguen o volante de padrón no momento da inscrición. Ademais, as persoas que acudan a actividades no rural poderán inscribirse o día que comecen as actividades”. Dende o departamento laméntanse as molestias ocasionadas e agárdase que esta medida axilice e facilite o proceso de inscrición.
As prazas iranse cubrindo por orde de inscrición, e haberá un número mínimo de persoas para crear grupos de cada actividade. Cada persoa poderá anotar a un máximo de 2 participantes (incluída ela mesma). Poderase facer unha inscrición nun máximo de 3 actividades (sen contabilizar musicoterapia e guitarra).
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Abren anotaciones para poner en forma a los mayores amesanos"







