Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para as actividades de marzo da Aula da Natureza

Sábado, 25 de febrero de 2023

A Aula da Natureza do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, abre o prazo para inscribirse nas actividades programadas para o mes de marzo. Haberá cinco actividades durante as fins de semana de marzo. As persoas que estean interesadas en participar nestas actividades xa poden anotarse, enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. O programa ao completo para o primeiro semestre pode consultarse premendo nesta ligazón.

Segundo se pode observar no cartel da programación da Aula da Natureza no mes de marzo comeza un novo ciclo. Espreguízanse os animais no campo, nos regos e nos matos. Moitos comezan a preparar as súas galas pre-nupciais. Neste mes celébranse catro efemérides ambientais: o día da Natureza, o días dos Bosques, o día da Auga e mailo día da Meteoroloxía.

O mes de marzo estrearase cun obradoiro de cestería da man de Julia da Cal (A Parabólica), que se impartirá o sábado 4 de marzo, en horario de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas, e mailo domingo 5, de 11:00 a 13:30 horas. Quedan 10 prazas dispoñibles para este obradoiro no que se elaborará un cesto de vimbio con asa. As persoas que o desexen poderán quedar a comer o sábado nas instalacións da Aula da Natureza.

O sábado 11 de marzo farase unha visita ao X Encontro da Rede Galega de Sementes, en Betanzos. Alí poderase asistir ao intercambio e á venda de sementes e plantóns autóctonos. Tamén haberá charlas, obradoiros e outras actividades. A visita está pensada para todos os públicos. O autobús con destino a Betanzos sairá de Bertamiráns ás 10:30 horas (dende o Pazo da Peregrina) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:45 horas. O regreso farase sobre as 18:00 horas.

O sábado 25 e mailo domingo 26 impartirase novamente o obradoiro de cestería a cargo tamén de Julia da Cal, da Parabólica, no que se fará un cesto de vimbio con asa. Para esta segunda quenda do obradoiro tamén se ofertan 10 prazas. Os horarios serán os mesmos: sábado de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas e o domingo de 11:00 a 13:30 horas. O sábado tamén se poderá comer nas instalacións da Aula da Natureza.

Ruta de Riamontes
Para o sábado, 25 de marzo, en horario de 11:00 a 13:30 horas, está prevista unha ruta por Riamontes. Está pensada para a rapazada de entre 6 a 14 anos. Trátase dun percorrido circular de 7 quilómetros de distancia e dificultade media, que permite coñecer o conxunto etnográfico dos muíños de Riamontes. Haberá servizo de autobús, con saída do Milladoiro ás 10.30, dende a Casa da Cultura, e ás 10.45 dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Estarase de volta ás 13.45 en Bertamiráns e ás 14.00 horas no Milladoiro.

Para pechar as actividades de marzo, os días 24, 25 e 26 haberá un curso de interpretación do patrimonio natural. Está dirixido a guías de natureza, guías turísticos, docentes, monitores de tempo libre e, en xeral, ás persoas interesadas en comunicar valores ambientais. Será no Pazo da Peregrina, e o horario está por confirmar.

As persoas que estean interesadas en participar nestas actividades xa poden anotarse, enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. O programa ao completo para o primeiro semestre pode consultarse premendo nesta ligazón.

Actividades da Aula da Natureza para o mes de marzo