- Tematica
O vindeiro 24 de abril, ás 19:00 horas, o Grupo Chévere impartirá na Casa da Cultura do Milladoiro un obradoiro para aqueles espectadores que queiran saber máis sobre a súa obra “Helen Keller, a muller marabilla?”. Para participar só hai que enviar un correo a cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono. Ofértanse un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición.
Dentro do programa de residencias artísticas do Concello de Ames, o Grupo Chévere realizará un obradoiro para afondar na obra teatral “Helen Keller, a muller marabilla?”. Esta actividade terá lugar o 24 de abril, ás 19:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
Nesta actividade, as persoas asistentes poderán plantexar calquera pregunta relativa ao espectáculo, desde o proceso de creación ata as motivacións da obra. Terá unha duración aproximada de 75 minutos. Contarase cunha intérprete en LSE (lingua de signos española), polo que esta actividade será accesible para persoas xordas ou discapacidade auditiva. As inscricións están abertas desde o pasado 1 de abril. Para participar só hai que enviar un correo a cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono. Ofértanse un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición.
Obra de teatro “Helen Keller, a muller marabilla?”
O venres 26 de abril, ás 20:30 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a representación da obra de teatro "Helen Keller, a muller marabilla?" da man do Grupo Chévere. As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Trátase dun espectáculo en lingua oral e lingua de signos.
Este é o novo proxecto do Grupo Chévere, que versa sobre a rebeldía e a disidencia a través da figura de Helen Keller, a primeira xordocega en obter un título universitario.
O espectáculo conta con audiodescrición e paseo táctil pola escenografía. Será necesario facer unha solicitude previa para poder contar con todas as petacas necesarias no correo cultura@concellodeames.gal . As persoas usuarias deste servizo deberán chegar 45 minutos antes do comezo da función para recoller o seu dispositivo e poder realizar o paseo, antes do acceso do público á sala.
Ao remate da función terá lugar un coloquio coas actrices e director , dunha duración máxima de 30 minutos no hall da Casa de Cultura, no que tamén se contará cun intérprete de LSE.
Outras actividades de mediación
Por outra banda, Fran Sieira compañía de danza realizará un obradoiro práctico para achegar ao público as artes do movemento. Esta actividade terá lugar o 9 de abril, ás 19:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
Cunha duración de 90 minutos, este obradoiro busca experimentar desde o movemento normativo que xeran os nosos corpos, analizando tamén canto dese movemento está condicionado polos estereotipos de xénero tradicionais. As 20 prazas ofertadas xa están cubertas.