Solapas principales

Aberto do 4 ao 15 de xullo o prazo de inscrición na Escola Municipal de Teatro de Ames

Lunes, 04 de julio de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, abre este luns día 4 de xullo o prazo para novas inscricións na Escola Municipal de Teatro de Ames. As persoas que queiran inscribirse poderano facer ata o 15 de xullo. Haberá que cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro solicitando cita previa. Para dispor de máis información pódese consultar o folleto informativo da Escola Municipal de Teatro, ou ben o trámite ao completo na web municipal.

A Concellaría de Cultura do Concello de Ames puxo en funcionamento en 2021 a Escola Municipal de Teatro. Tras este primeiro curso, o pasado 16 de xuño abriu o prazo para que as persoas inscritas puideran renovar praza na Escola Municipal de Teatro de Ames. Hoxe, luns 4 de xullo, abre un segundo prazo para novas inscricións nos grupos nos que quedaron prazas libres.

Son un total de 55 as prazas libres ás que os veciños e veciñas poden optar tralo peche do período de renovación. Hai, ademais, prazas libres en todos os grupos. Para o grupo de teatro infantil e xogo dramático de 3 a 6 anos hai 7 prazas libres en Bertamiráns e 10 no Milladoiro; para o grupo de 7 a 12 anos hai 2 prazas en Bertamiráns e 8 no Milladoiro; para o grupo de máis de 12 anos hai 6 vacantes en Bertamiráns e 11 no Milladoiro e, por último, no grupo municipal que é para maiores de 18 anos quedan 11 prazas libres. Todas as clases son de unha hora á semana, agás a do grupo municipal que son dúas horas, e impártense nos auditorios da Casa da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns

Para inscribirse haberá que cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro, solicitando cita previa.

Logo da comprobación por parte do departamento de Cultura da existencia de praza vacante, enviarase á persoa interesada a confirmación de praza e a folla de autoliquidación para que proceda a facer efectivo o pagamento.

No caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico poderá descargar o documento de pago e aboar o importe a través do enlace da Oficina Virtual Tributaria. Excepcionalmente poderase solicitar o impreso de pagamento de xeito presencial na oficina de Recadación do Milladoiro, na rúa da Viorneira, número 6; ou na oficina de Recadación de Bertamiráns, na praza da Horta de Abaixo, número 6. Tamén se pode solicitar en horario de tarde os luns e mércores, de 16:15h a 18:30 horas. Outra opción é facelo a través do correo electrónico ames@canaltributos.com ou chamando ao número de teléfono 981 884 896. De non facer efectivo o pagamento nos prazos establecidos, tramitarase a baixa inmediata no servizo.

A adxudicación das prazas farase por orde de entrada no rexistro. As solicitudes que non obteñan praza pasarán a formar parte da lista de agarda por se houbese algunha baixa ao longo do curso.

Inscricións ao longo do curso

No suposto de inscricións que se formalicen unha vez comezado o curso, o importe da cota será o resultante de multiplicar a tarifa mensual (incluído o mes da propia inscrición), polo número de meses que restan para rematar o curso.

As baixas deberanse tramitar por escrito e poderá devolverse a cota correspondente en supostos de baixa por forza maior (enfermidade acreditada). Se o alumno/a non acode á clase durante un mes consecutivo e non xustifica por escrito a dita ausencia, poderá darse de baixa de oficio e ofrecerlle a praza a outra persoa.

As clases comezarán o 20 de setembro en Bertamiráns e o 21 de setembro no Milladoiro e rematarán a última semana de xuño de 2023. Para formar grupo será necesario que se cubran a metade máis unha do máximo de prazas ofertadas. Para dispor de máis información pódese chamara ao números de teléfono 981 535 940 ou 662 377 444, ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Abre o prazo de inscrición na Escola Municipal de Teatro ata o 15 deste mes"

Aberto do 4 ao 15 de xullo o prazo de inscrición na Escola Municipal de Teatro de Ames