Solapas principales

60 mozos e mozas participan este verán dos campamentos que organiza a Concellaría de Mocidade

Jueves, 09 de julio de 2020

As estritas medidas de seguridade que impón a pandemia do coranavirus  non impiden aos mozos e as mozas de Ames gozar dos campamentos que a  Concellaría de Mocidade organiza este verán. Grupos reducidos, máscaras,  respecto da distancia de seguridade e das normas de hixiene e  actividades por quendas son algúns dos cambios que a nova situación  impón nos campamentos de verán. 30 rapazas e rapaces amesáns viven esta  semana a experiencia en Mougás, no municipio de Oia. Actividades  acuáticas, rutas sendeirismo, visitas ao Grove, a Baiona e as Illas Cíes  son algunhas das actividades que realizarán até o domingo que volven a  Ames. Está previsto que o luns 13 parta outro grupo, neste caso de mozos  e mozas de 1º e 2º da ESO. O destino: o cámping de "O Terrón", en Vilanova de Arousa.

Menos prazas por campamento, división en grupos de dez, máis distancia  entre as camas dos dormitorios e nas mesas do comedor, uso continuado de  máscaras, quendas para participar nas actividades e hixienización de  todo o material entre quenda e quenda son algunhas das medidas de  seguridade que por mor da pandemia do COVID-19 se toman nos campamentos  de verán aos que acode a rapazada de Ames.  

Esta semana, un grupo de trinta rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO e de  1º e 2º de Bacharelato goza da estadía no campamento de Mougás, no  municipio pontevedrés de Oia. A rapazada partiu este luns e está  previsto que regrese o domingo. No traxecto de ida ao campamento  visitaron as Torres de Catoira, O Grove e o miradoiro de Siradela. Está  previsto que estes días se acheguen a Baiona e vaian en barco até as  Illas Cíes. Ademais farán rutas de sendeirismo, practicarán deportes  acuáticos na praia e na piscina e obradoiros de cine e de teatro.

Os rapaces e as rapazas están divididos en tres grupos. De cada un deles  encárgase un monitor. Todos e todas participan de todas as actividades  que se organizan. Porén fano por quendas e, entre quenda e quenda,  hixienízase todo o material empregado.  

Está previsto que un segundo grupo de Ames, neste caso de rapaces e  rapazas de 1º e 2º da ESO, partan o vindeiro luns para o cámping de "O  Terrón" en Vilanova de Arousa. Na viaxe de ida, visitarán o parque  natural do río Barosa no concello de Barro e durante a estadía  achegaranse ás Illas de Arousa e Areoso.

Entre outras actividades, practicarán sendeirismo, kaiac, body boar e skin board, slackline e deportes  acuáticos e de montaña. Durmirán en tendas glamping e de  seguro gozarán das tradicionais veladas nocturnas.

A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín séntese "profundamente  agradecida aos mozos e as mozas de Ames e as súas familias pola  confianza depositada no Concello, e particularmente na Concellaría de  Mocidade á hora de elixir os campamentos de Ames como alternativa de ocio  para os seus rapaces e rapazas este verán". "É un ano difícil -engade  Pampín- e nós non sabiamos como ían responder á convocatoria. Puxemos  todo da nosa parte para garantir a seguridade nos espazos e nas  actividades que se realizan no campamento. Chegar a organizar dous  campamentos e que mesmo houbese que realizar sorteo, parécenos todo un  éxito e unha demostración da saúde da nosa mocidade".

A rapazada practica nestes campamentos actividades relacionadas co mar

Multimedia

  • Sendeirismo nos campamentos
  • As visitas culturais son habituais nos campamentos
  • As medidas de seguridade comezan polo uso de máscaras
  • Rapaces no campamento de Mougás