Solapas principales

57 nenos e nenas participan na quinta edición do DéporCampus

Miércoles, 22 de julio de 2020

O campo de fútbol do Milladoiro acolle do 20 ao 24 de xullo a quinta edición do DéporCampus en Ames, no que participan preto de sesenta rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos. Esta iniciativa organizada polo RC Deportivo da Coruña, que conta coa colaboración do Bertamiráns FC e do Concello de Ames, consta de cinco xornadas de adestramento e diversión cos adestradores do Real Club Deportivo, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Nos adestramentos emprégase un método que fomenta valores como o xogo limpo, o respecto polo rival, o esforzo, a solidariedade e a amizade a través do deporte.

Por quinto ano consecutivo Ames acolle o DéporCampus que organiza o RC Deportivo da Coruña en colaboración co Concello de Ames e o Bertamiráns FC. O DéporCampus estase desenvolvendo dende o pasado luns, 20 de xullo, e remata este venres, 24 de xullo. Os adestramentos e actividades desenvólvense no campo de fútbol municipal do Milladoiro, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Os técnicos do Real Club Deportivo da Coruña conducen e supervisan todas as sesións, nas que seguen unha metodoloxía similar á seguida polos xogadores das categorías inferiores do RC Deportivo. Todos e todas as participantes recibiron un equipamento consistente nun pantalón, unha camiseta e unhas medias.

Asemade, nestas xornadas inténtase desenvolver, entre os/as participantes, habilidades e conceptos na relación co ou coa opoñente, así como na relación co propio compañeiro ou compañeira. Os e as porteiras adestran, pola súa banda, este tipo de habilidades de xeito especializado. Tampouco se descoida a educación en hábitos saudables, incidindo na importancia da alimentación dos e das deportistas, así como de outras moitas actividades relacionadas coa vida futbolística.

Xóganse tamén partidos reducidos/minipartidos, trabállanse situacións básicas de aprendizaxe (1x1, 2x2, 3x3) e rondos básicos e posicionais, ademais de desenvolver xogos de relación co balón e de posición, circuítos coordinativos, e participaron en situacións de xogo real (competición/Liga interna). Este campus tamén inclúe actividades lúdicas.

Mediante esta metodoloxía, os técnicos do RC Deportivo fomentan entre os participantes a transmisión de valores como o respecto, a amizade e a solidariedade, que o propio Bertamiráns FC e outros clubs de base transmiten aos seus xogadores e xogadoras no día a día. O DéporCampus rematará cunha xornada de diversión e na que se lle fará entrega a todos/as os/as xogadores/as dun diploma que acredita a participación en dito campus.

Protocolo de seguridade pola Covid-19
Este ano como principal novidade, aplícase un protocolo especial fronte á Covid-19. A todos os participantes entregóuselles unha máscara oficial do RC Deportivo, xunto co equipamento DéporCampus.

As medidas están enfocadas a evitar contaxios nos DéporCampus. Deste xeito, reducíronse os grupos a 15 nenos/as, como máximo, que adestran xunto a un monitor. Os integrantes de cada grupo non se mesturan con nenos/as doutros grupos e non hai partidos de fútbol entre nenos/as de diferentes grupos. Ademais, a merenda faise de xeito individual e os técnicos manteñen unha distancia de seguridade cos diferentes grupos. En definitiva, a metodoloxía está adaptada para poder traballar os contidos de xeito máis específico.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, incide en que “a pesar da situación actual derivada da crise sanitaria da Covid-19, cando nos propuxeron dende o Bertamiráns FC e do RC Deportivo da Coruña facer dito campus de verán, non o dubidamos nin un só segundo, xa que as medidas de seguridade son estritas e garanten que se cumpran as normas de seguridade”.  
 
Ademais, Susana Señorís engade que “como xa dixen na presentación do DéporCampus esta é unha iniciativa na que non só se xoga ao fútbol, senón na que tamén se poñen de manifesto valores tan importantes como a deportividade, facer deporte en equipo, a tecnificación e sobre todo pasalo ben”.

Imaxe do DéporCampus de Ames

Multimedia

  • Imaxe do DéporCampus de Ames
  • Imaxe do DéporCampus de Ames
  • Imaxe do DéporCampus de Ames
  • Imaxe do DéporCampus de Ames