Solapas principales

400 persoas participan este domingo na V Carreira de orientación do Concello de Ames

Viernes, 24 de abril de 2026

O vindeiro domingo, 26 de abril, a localidade de Bertamiráns acollerá a quinta edición da Carreira de orientación do Concello de Ames. A partir das 11.00 horas, 400 persoas tratarán de percorrer e descifrar, no menor tempo posible e coa axuda dun compás e un mapa, unha serie de balizas establecidos nunha orde determinada. 200 deses participantes competirán na categoría xestiñas, 125 na categoría xestas e 75 na categoría xesteiras. A deste ano é a maior participación dende que se realiza a proba.

O departamento de Deportes, en colaboración con Xesta Natureza, organiza un ano máis a Carreira de orientación do Concello de Ames, unha proba que celebra xa súa quinta edición e que conta con 400 participantes para esta edición, o dobre que na edición anterior e o máximo histórico nos cinco anos de vida desta competición.

A orientación é un deporte, coa súa orixe nos países nórdicos, que consiste en percorrer e descifrar, no menor tempo posible e coa axuda dun compás e un mapa, unha serie de puntos (chamados balizas) establecidos nunha orde determinada. Este domingo, os participantes percorrerán a zona do paseo fluvial, os arredores da Casa do Concello e demais zonas urbanas de Ames buscando as balizas. Ademais, os/as participantes na categoría de xesteiras terán que enfrontarse a un pequeno tramo de monte. 

V Carreira de Orientación
A carreira que se celebrará este domingo 26 de abril ten como obxectivo visitar no menor tempo posible todas estas balizas que aparecen no mapa da proba, que se entregará ao comezo da mesma. Existen tres categorías de participación: 

-Xestiñas: categoría dirixida para nenos/as, sinxela física e tecnicamente cun percorrido menor aos 3 quilómetros.
-Xestas: categoría para persoas adultas, cun nivel físico e técnico medio e cun percorrido inferior aos 4 quilómetros.
-Xesteiras: categoría dirixida para persoas con medios ou altos coñecementos na orientación, cun nivel físico e técnico alto e cun percorrido superior aos 5 quilómetros en total.

As saídas comezarán ás 11.00 horas dende a zona do paseo fluvial e irán sucedéndose cada minuto ata as 12.15 horas. Non haberá distinción de categorías, senón que irán saíndo pequenos grupos mesturados. Por outra banda, desde a organización da proba, facilitarase unha tarxeta electrónica para poder ir rexistrando o paso por cada unha das balizas. O percorrido deberá completarse na orde establecida desde a saída ata a meta.

Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com.

400 persoas participan este domingo na V Carreira de orientación do Concello de Ames

Multimedia

  • 400 persoas participan este domingo na V Carreira de orientación do Concello de Ames