Solapas principales

343 persoas participarán no III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, este domingo 20 de febreiro

Sábado, 19 de febrero de 2022

A terceira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre celébrase este domingo 20 de febreiro, cunha boa participación malia sufrir un ano de parón pola situación epidemiolóxica. En total, unhas 343 persoas inscribíronse na proba, con 256 dorsais na modalidade trail e outras 87 entradas para a andaina. O evento, organizado polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, arrincará dende Ponte Maceira ás 10:00 horas. Os dorsais poderán recollerse a partir das 8:30 horas nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro. Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.

Este mércores 16 pechou o prazo de inscrición para o terceiro Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebra este próximo domingo 20 entre Ponte Maceira e as instalacións do Real Aeroclub de Santiago. Malia que no ano 2021 non se puido celebrar a proba pola evolución da pandemia da covid-19 a comezos de ano, a participación non se resentiu con respecto ás dúas anteriores edicións, celebradas en 2019 e 2020.

Nesta ocasión, rexistráronse no evento 343 persoas, que escolleron maioritariamente o trail-running como disciplina. Haberá 256 participantes nesta modalidade, mentres que outras 87 persoas tomarán a saída da andaina. As cifras son similares ás de 2020, cando participaran 380 persoas, e ás da primeira edición de 2019, na que realizaran o percorrido 328 deportistas.

A xornada comezará ás 8:30 horas, cando se poderán comezar a retirar os dorsais nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, situadas na parroquia de Piñeiro. Dende esa mesma localización sairá un autobús rumbo a Ponte Maceira, dende onde arrancará a proba. Ás 10:00 horas sairán os participantes do trail, que percorrerán unha distancia de 15,2 quilómetros. Cinco minutos despois, ás 10:05 horas, procederase á saída da andaina, que será algo máis curta, duns 14,2 quilómetros.

A partir das 12:30 horas terá lugar a entrega de premios no lugar de chegada, o Real Aeroclub de Santiago. Haberá galardóns para as tres primeiras clasificadas de cada categoría, aos tres primeiros empadroados en Ames, ás tres primeiras socias do Real Aeroclub de Santiago e aos 3 primeiros clubs da clasificación do trail. Os tres primeiros equipos recibirán un trofeo, e os cinco primeiros unha dotación en metálico.

A proba do trail, baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, conta con cinco categorías de idade. Pola súa banda, a andaina non conta con categorías, e poden participar nela rapaces e rapazas a partir dos 10 anos.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "El Trail e Andaina Ribeiras do Tambre convoca a 350 personas"

343 persoas participarán no III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, este domingo 20 de febreiro

Multimedia

  • 343 persoas participarán no III Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, este domingo 20 de febreiro