Solapas principales

30 veciños/as participaron na terceira fase do plan municipal de prevención de incendios forestais no que se plantaron 514 árbores en 3,4 hectáreas

Sábado, 05 de octubre de 2019

O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro do Medio Rural, Manuel Lens, acompañados das técnicas do departamento de Medio Ambiente, visitaron os ámbitos dos Batáns e de Ventosa, onde se actuou no período 2018- 2019 a través do plan municipal de prevención de incendios forestais. Na terceira fase de dito plan actuouse en 34 fincas de 30 propietarios/as. Plantáronse 514 árbores (238 castiñeiros, 58 carballos, 9 freixos, 23 abeleiras, 41 cerdeiras, 27 pradairos, 97 bidueiros, 12 ameneiros e 9 noceiras) nunha superficie de 34.442 metros cadrados. Está previsto que a vindeira semana se presente a cuarta fase deste plan.

O plan de medidas preventivas mediante a repoboación con frondosas caducifolias do Concello de Ames naceu coa finalidade de poñer en mans dos veciños/as, unha vez cumprida a lei, unha ferramenta que lles permita repoboar a súas fincas colaborando ao tempo coa prevención de incendios e evitando a diminución drástica da superficie arborada do concello e a conseguinte perdida de diversidade.

Deste xeito, lógrase a posta en valor dun terreo non explotable forestalmente e no que está prohibida a plantación de especies de crecemento rápido que adoitan ser empregadas pola maioría de propietarios particulares. Tamén se consegue controlar e inhibir o monte baixo, provocado pola ausencia de luz, xerado, por unha parte, pola cobertura total das copas das especies frondosas e a cobertura total do chan das follas desprendidas polas especies frondosas caducifolias.

Outro dos obxectivo conseguidos con es plan é reverter a percepción negativa, que adoita ter o cumprimento das obrigas legais de medidas preventivas relacionadas coa propiedade de terreos de carácter forestal, facilitando a mobilización de condutas que incidan na xestión sostible do noso medio, e incidindo en recuperar actitudes motivadas en relación co entorno máis inmediato.

O concelleiro do Medio Rural, Manuel Lens, explica que co desenvolvemento deste plan “conséguense beneficios complementarios ao estritamente protector, como poden ser a obtención de aproveitamentos non madeireiros como os cogomelos ou a froita (castañas, noces, abelás, cereixas, landras); beneficios medioambientais (incremento de biodiversidade, equilibrio de hábitat, protección do solo, fixación do carbono atmosférico, protección fronte a especies invasoras); beneficios sociais (proxecto colectivo e común, revalorización e accesibilidade do monte, recuperación das prácticas tradicionais); e beneficios económicos (evitar sancións por incumprila lei, deporte e turismo)”.

Balance da terceira fase do plan
O Concello de Ames desenvolveu dende o pasado mes de novembro a terceira fase do plan municipal de prevención de incendios forestais, dándolle continuidade ao proxecto piloto iniciado en 2016. Durante o período do outono/inverno 2018-2019 actuouse nos ámbito 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). Son plans bianuais de actuación, polo que durante esta terceira fase volveuse actuar nos ámbitos 4A (Aldea Nova) e 4B (zona dos Batáns), na que xa se traballou durante a segunda fase (no inverno de 2017-2018).

Nesta terceira fase, asináronse un total de 34 convenios, un por cada finca na que se actuou, con 30 veciños e veciñas. Deste xeito, actuouse nunha superficie de 3,4 hectáreas de terreo forestal, onde se plantaron 514 árbores: 238 castiñeiros, 58 carballos, 9 freixos, 23 abeleiras, 41 cerdeiras, 27 pradairos, 97 bidueiros, 12 ameneiros e 9 noceiras. Para a plantación de árbores frondosas caducifolias tense en conta o terreo, elixindo para o deseño de plantación, as plantas que mellor se adecúan as características do mesmo.

Este traballo realizouse en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e o persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente marcoulle diariamente as directrices do traballo a brigada de plantación, composta por un capataz e dous peóns. O Concello asumiu o custe da contratación deste persoal da brigada. En total, o Concello destinou arredor de 58.000 euros de fondos propios á terceira fase deste plan.

Repoboáronse 11,2 hectáreas distribuídas en 147 fincas
Na primeira fase (período 2016-2017) actuouse sobre 37 parcelas no núcleo de Piñeiro, cubrindo un total de 19.374 metros cadrados. O número total de plantas que se lograron establecer na primeira fase foi de 815, gracias ás 37 adhesións ao plan que se asinaron entre 33 propietarios implicados e o Concello de Ames, cun financiamento do 80% por parte da Administración local nas actuacións de limpeza, tala e plantación. O 80% da árbores plantadas nesta fase foron castiñeiros e o 20% restantes foron cerdeiras, carballos, pradairos, abeleiras, bidueiros e freixos.

Por outra banda, na segunda fase (período 217-2018) rematouse o ámbito 18 de Piñeiro (iniciado en 2016) e actuouse no ámbito 27 de Piñeiro, así como nos ámbitos 4A e 4B de Aldea Nova, que comprenden parte da urbanización de Aldea Nova e as edificacións illadas que aglutinan talleres, concesionarios e gasolineira da zona. Actuouse en 76 fincas, cunha superficie total de 57.030 metros cadrados, nas que se plantaron 1.570 (1.206 castiñeiro, 11 freixos, 67 abeleiras, 82 cerdeiras, 113 pradairos, 36 bidueiros e 9 noceiras), grazas ás 76 adhesións ao plan asinadas con 44 propietario implicados.

O alcalde de Ames, José Miñones explica que “con este datos concluímos que dende o inicio do plan, no inverno de 2016, ata o momento o Concello leva plantados un total de 2.899 arbores, pertencentes ao grupo de frondosas caducifolias. Estas arbores substitúen a especies pirófitas que facilitan a proliferación e expansión de incendios de tipo 2 e que supoñen un alto risco para a poboación. En total repoboáronse 11,2 hectáreas de terreo distribuídas en 147 fincas”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames repobló 11,2 hectáreas con árboles bomberos desde el 2016"

El Correo Gallego: "Plantan 514 árboles en terreno amiense para prevenir los incendios"

Visita ao ámbito de Ventosa

Multimedia

  • Visita ao ámbito de Ventosa
  • Imaxe dunha parcela do ámbito de Ventosa
  • Imaxe dunha parcela do ámbito de Ventosa