- Tematica
No pasado mes de febreiro comezou a impartirse o curso de monitor/a de actividades de tempo libre organizado pola Concellaría de Mocidade, unha formación na que este ano están a participar 25 persoas. Ao longo destes dous meses que levan de aprendizaxe, os participantes xa realizaron diferentes actividades na modalidade presencial do curso, destacando a acampada nas instalacións da Aula da Natureza que tivo lugar a fin de semana dos días 5 e 6 de abril.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mocidade, está a desenvolver unha nova edición do curso de monitor de actividades de tempo libre, unha formación dirixida á mocidade maior de 18 anos que estea interesada en obter esta titulación con moitas posibilidades de cara o mundo laboral.
Este ano están a participar 25 mozos e mozas no curso, o máximo de prazas permitidas. En total, a formación ten unha duración de catro meses na que se imparten 200 horas dunha formación teórico-práctica, que é na que se atopa agora mesmo o alumnado, e dunha segunda fase de formación totalmente práctica de 150 horas nunha actividade de tempo libre (campamentos, albergues, campos de traballo, etc) ou nalgunha asociación que traballe neste sector.
Nestes dous meses de formación teórico-práctica o alumnado foi adquirindo diferentes ferramentas e áreas formativas moi ligadas ao sector do ocio e tempo libre, como a psicoloxía, as dinámicas de grupo, xogos e actividades, educación ambiental ou da saúde. As clases presenciais están a desenvolverse no Pazo da Peregrina os sábados e domingos en horario de 09.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas.
Formación presencial
Un dos eixos centrais deste curso é a parte de formación presencial, que ten lugar nas fins de semana entre os meses de febreiro e maio. Nesta parte, o alumnado recibe 10 horas de formación diaria no que adquiren as competencias e habilidades necesarias para desenvolver determinadas actividades.
Nesta liña, a pasada fin de semana do 5 e 6 de abril, os mozos e mozas realizaron unha acampada nas instalacións da Aula da Natureza do Concello de Ames, unha saída que se enmarca dentro do módulo formativo de Educación Ambiental do curso e na que, ademais de favorecer a desenvolver aprendizaxes prácticas, axudou á cohesión grupal do alumnado, un aspecto fundamental dentro deste ámbito.
Ao longo destas dúas xornadas, os participantes aprenderon todo o relacionado coa acampada: preparar rutas de sendeirismo, utilizar diferentes técnicas de orientación, montar correctamente as tendas de acampada, técnicas de campismo coma cociñar a comida nun campigás e tamén participaron diferentes xogos e actividades nocturnas para gozar da acampada.
Deste xeito, os mozos e mozas pasaron a noite do sábado ao domingo nas súas respectivas tendas de acampada e regresaron na xornada do domingo para realizar a avaliación da actividade. A valoración por parte do alumnado foi moi positiva, destacando a gran utilidade deste tipo de saídas na aprendizaxe para consolidar os contidos e sentirse parte activa do proceso formativo como futuras monitoras e monitores de ocio e tempo libre.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "25 mozos e mozas están a formarse no curso de monitor/a de tempo libre organizado pola Concellaría de Xuventude de Ames"
El Correo Gallego: "Unha vintena de mozos amesáns fórmanse como monitores de tempo libre"