Solapas principales

234 ciclistas participarán este domingo en Ames na segunda proba da Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT

Viernes, 31 de enero de 2020

Este domingo, 2 de febreiro, desenvolverase na localidade de Bertamiráns a segunda proba da Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT. Este evento deportivo está composto de tres probas: a primeira realizouse o pasado domingo 26 de xaneiro en Noia e a terceira é última celebrarase o domingo 16 de febreiro. Esta proba está organizada polo club Os Esfola Arrós e conta coa colaboración do Concello de Ames. Para participar neste evento deportivo hai inscritos un total de 234 ciclistas repartidos en diferentes categorías. A Liga conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, da Deputación Provincial da Coruña e de Rótulos Orixinal Imaxe.

A proba OEA de Ames está encadrada dentro da Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT. A liga está organizada polos clubs ciclistas Os Esfola Arrós (Ames), O Toxo (Noia) e Baikers do Vilán (Camariñas), en colaboración cos Concellos de Ames, Camariñas e Noia. Está formada por tres probas, que se rexeran por un mesmo regulamento. A primeira das probas desta Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT tivo lugar o pasado domingo 26 de xaneiro, en Noia.

Este domingo, 2 de febreiro, desenvolverase a segunda proba da Liga en Bertamiráns co circuíto OEA Bertamiráns. Será un circuíto semiurbano, de aproximadamente 6 quilómetros e 90 metros de desnivel, cuxo epicentro se situará no paseo do Rego de Ameneiral. Nesta proba inscribíronse un total de 234 ciclistas repartidos en diferentes categorías. O circuíto de Camariña será o encargado de finalizar a Liga, que terá lugar o domingo, 16 de febreiro, ao longo dunha senda peonil dende a vila de Camariñas ata o faro de Cabo Vilán.

O regulamento será igual para as tres carreiras e haberá premios para os mellores clasificados/as de cada unha das probas, así como premios especiais para os/as gañadores/as da Liga. Así, haberá premios individuais para os tres primeiros clasificados, masculinos e femininos, nas categorías: xeral, xuvenil (2004-2001), sénior (2000-1991), veteranos A (1990-1981), veteranos B (1980-1971) e veteranos C (1970-1951); así como premios aos tres primeiros nas categorías de relevos de 2 e de 3 persoas nas categorías masculina, feminina e mixta.

Cartel Circuíto OEA Ames

Multimedia

  • Cartel Circuíto OEA Ames